‘Flor negra’
de Genaro da Silva é o novo título da editorial Chan da Pólvora.
Proxecto e milagre poético que deixa ante nós unha escolma de
emerxentes poetas que están a mudar a faciana da nosa poesía. O seu
derradeiro alumbramento é este poemario en continua combustión.
Genaro da Silva
(Mourente, Pontevedra, 1980) preséntanos o seu poemario envolto en
cor violeta cunha gran flor na súa capa que vai abrir no interior
como unha flor negra que de seguida escintila coa súa linguaxe para
mergullarnos nunha arriscada xesta poética. Nun espazo limiar entre
identidades coa natureza como gume no que medrar, como o gomo na
pranta. O eu pero tamén o outro. Isto é «a fraxilidade de nós».
Cunha meditada
estrutura teatral. Proscenio, sombra, coxia e desexo, son os catro
actos, que se repiten ata en nove ocasións, desta actuación que se
move nos abismos do corpo. Unha afoutada proposta que leveda en cada
páxina ata o epílogo final, alí onde se nos amosa a espiral do
camiño. O achegarnos para nunca chegar. A incerteza no percorrido.
As quenllas e os lobos. O universo do simbólico.
Se de algo vive a
poesía é da súa capacidade para facer do símbolo linguaxe, da
enerxía da palabra que pasa da grafía ao seu contido. Poucos
poemarios podemos atopar hoxe que traballen máis dende esa dinámica
que esta ‘Flor negra’, facéndoo cunha intensidade que chega a
tremelicar o corpo. Aí é onde reside a súa enerxía poética. No
corpo fronte ao belisco, na sensación do desexo que rabuña a pel,
que emerxe da nosa condición natural. «Unha pel de cristal
esténdese pouco a pouco sobre a montaña», escribe o poeta. O
cristal racha, o tempo da fraxilidade. «Acreditar no outro/ser a
luz/que devora a sombra».
É certo que neste
poemario contéñense moitas sombras. Inseparábeis cando nos
achegamos á luz, a sombra é a nosa incerteza, a liña escura que
nos envolve e dende a que tantas veces descubrímonos na nosa propia
aceptación. Nesa identificación do eu é na que se move todo este
poemario que tamén só se pode entender dende a natureza e o seu
valor coma cerna do que somos. A natureza no acougo da nosa propia
identidade, sen polucións. As especies vexetais e animais movéndose
dende o instinto, a liberdade, a falta de normas que limiten ao ser
vivo e mutilen a súa capacidade para a descuberta dos nosos propios
límites.
Unha poesía, polo
tanto, que recupera a estética do decadentismo afastándose de
tantas poesías que procuran facer da vida diaria, da experiencia do
home, o seu sustento. Aquí é a procura da beleza dende a linguaxe,
dende a propia esencia poética, e incluso dende a morte, o que nos
dirixe cara esa poesía dunha fonda estética e unha liberdade á
hora de ser proposta, á hora de ser escrita.
Espellos, cadáveres,
siluetas e feridas, condúcennos por ese camiñar dunha enorme
fermosura que promove unha nova realidade, allea á das rúas e ás
cafeterías, unha realidade que emerxe do maxín do poeta para facer
dos nosos sentidos o compás co que movernos por esta xestación. E
aí é onde nos atopamos no medio da escena, envoltos polo drama, á
procura da súa resolución. No camiño en espiral. «Camiño cara ti
para encontrarme», resolve o poeta dende esa búsqueda continua na
que estamos inxeridos que ao fin e ao cabo é a búsqueda de nós
mesmos. Genaro da Silva propón, dende a súa poesí,a facer ese
camiño no abrazo ao animal, na retirada das máscaras, na procura da
vida. Cada unha das súas páxinas é un reclamo á esa posibilidade
que temos para avanzar nese territorio do eu extendido ao outro.
Chan da Polvora de novo
saca do prelo outro poemario que segue a facer medrar a lenda deste
proxecto editorial sen físgoas, unha liña serea e confiada nos
novos nomes da nosa poesía. Flores que medran nunha paisaxe que
precisa destas voces para que a poesía siga a ser un berro calado,
unha maneira de axitar e axitarnos, unha maneira de ser e sermos.
Genaro da Silva faino para rachar a incerteza, para superar ese
abismo entre o eu e o outro, o abismo do corpo.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 3/06/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario