A nova novela de
Diego Ameixeiras ‘A crueldade de abril’ volve a poñer o foco alí
onde a nosa sociedade adoita fuxir na súa mirada. Nas orelas onde
habitan os que se ven asoballados pola violencia incubada por un
tempo tantas veces contrario ao propio ser humano.
Estase convertendo
Diego Ameixeiras a través das súas novelas nun axeitado cronista da
nosa realidade. Unha realidade tinxida de negrura que reflicte o
desacougo dunhas persoas cada vez máis desamparadas e sen acubillo
nestes tempos crueis. O autor emprega de xeito hábil a súa escrita
coa faciana da novela negra para, dende o literario, levarnos polas
moitas eivas que ofrece a nosa sociedade.
Tras títulos como
‘Matarte lentamente’, ‘Conduce rápido’ ou ‘A noite
enriba’, chega ‘A crueldade de abril’, todos eles editados en
Xerais, como un mosaico máis deste tempo noso. Aquí reflíctese a
violencia das persoas nun contexto vencellado á especulación
económica e urbanística e cunhas víctimas que son as persoas sen
teito. Se antes foron os preferentistas ou o branqueo de cartos,
agora o autor fende coa súa pluma para amosar de novo un deses
espazos tráxicos do noso ecosistema no que as persoas móvense e
interactúan dende un amplo abano de posicións. Quizais sexa nesta
ocasión, dentro das súas últimas obras, na que esa fenda entre os
comportamentos humanos sexan máis radicais. Unha das vítimas é
unha poeta a piques de publicar o seu primeiro libro, unha persoa
sensible, pero chea de debilidades e medos, fronte a ela os seus
verduxos, persoas sen ningunha sensibilidade, alleas por completo a
toda humanidade e únicamente desexosas de cumprir o encargo que lles
encomenda o sistema ou de moverse dende as adiccións que anulan a
personalidade.
De novo Diego Ameixeras
é quen de producir unha narración capaz de engaiolar ao lector
dende o primeiro momento manexando unhas ferramentas cada vez de
maneira más afinada, intercalando tempos e accións e xerando así
unha modernidade no que se conta que vai a beneficio daquilo que se
quere relatar. do mesmo xeito que nas súas novelas artéllase unha
narración que como un crebacabezas vai liña tras liña xuntando as
súas pezas, ata o xiro que pon todo patas arriba e fainos mudar a
percepción do relato que enfía cara unha nova dirección.
Como sempre son
fundamentais as relacións que se establecen entre os personaxes da
novela. Relacións de amizade, familia ou amor que se converten nunha
lousa coa que moverse ante as diferentes situacións que a trama
presenta. Lousa para a propia persoa, pero tamén para a súa
conexión cos demais. Amor, vinganza, odio, son os tres capítulos
nos que se divide o libro. Tres sentimentos que son parte esencial do
ser humano e que se presentan como o argumentario real do texto de
Diego Ameixeiras, cada un deles artéllanse como o pano de fondo dos
feitos que xera a trama, pero arredor desa trama serán esas
relacións humanas ás que nos poñan ante a verdadeira realidade do
ser humano, fronte aos seus abismos morais, ante as súas dúbidas e
tamén mesquindades. Porén tamén xorde un espazo lírico, que non
se detectaba nas outras novelas anteriores, a presenza dese personaxe
feminino, desa poeta, outórgalle a certas partes do relato unha
fermosura que semella querer loitar contra o desacougo que agroma en
cada páxina. Esa sensibilidade, esa respiración, diferente a do
resto dos personaxes séntalle moi ben ao relato e constitúe un
contrapunto brillante.
Ese vento feble
rápidamente perece fronte aos trebóns que provoca unha sociedade
egoísta e aniquiladora cos seus propios habitantes. «O home é un
lobo para o home» dicía Hobbes, e dende esa proposta filosófica
Diego Ameixeiras está a construír un relato literario sen paragón
na nosa escrita pola súa singularidade, ambición e afouteza.
Literatura que serve para tentar explicarnos, para facer do que
acontece ao noso carón, nas nosas rúas, o tubo de ensaio dende o
que conformar un xénero de seu que, partindo das propostas da
tradicional novela negra, ten tamén moito de análise social dun
tempo e dunha sociedade que non semella ter intención de rexenerarse
para constituirse como a contorna adecuada para nós. Polo de agora
Diego Ameixeras fai do amor, a vinganza e o odio, as canles que
mellor nos poden amosar no que nos estamos a converter, isto é, unha
sociedade cada vez máis escura.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 13/05/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario