María Reimóndez
gañou o Premio Johan Carballeira de poesía co poemario ‘Galicia
en bus’ que agora sae do prelo de Xerais para achegarnos unha
afoutada experiencia poética ao longo de Galicia dende diferentes
liñas de autobuses. Unha desprazamento xeográfico que se mestura
coa viaxe íntima.
Se algo precisa
traballar hoxe a poesía nesta terra na que tantos poetas están a
medrar non é tanto a expresión do escrito, grazas a unha xeración
marabillosa de creadores que xa traen esa cualidade de serie, como o
xeito en que se presenta esa poesía. O cómo se nos ofrece ese
contexto poético fronte a outras apostas do mesmo xénero,
permitindo a singularidade do traballo.
María Reimóndez
plantexoulle ao xurado do xa senlleiro Premio de Poesía Johan
Carballeira, tras vinte edicións, un poemario no que se traballa, e
moito, a forma de dito texto a través de diferentes liñas de
transporte de viaxeiros que empregan o autobús como xeito de
mobilidade xeográfica. Mirar a Galicia dende o asento dun autobús
xa é unha achega inspiradora non só para a creadora, senón tamén
para o lector que, a partir da lectura deste texto, verá de xeito
diferente aos autobuses. Esa elevación espacial unido ao movemento
dannos un punto de observación especial e que permite visualizar
xeografías e ámbitos humanos dunha privilexiada maneira. María
Reimóndez atinou ao atopar esta nova pespectiva e ao integrala como
referencialidade poética para facer da viaxe moito máis que unha
distancia que cubrir, senón para facer da viaxe experiencia e
contacto coa contorna. A importancia da viaxe, como tantas veces, non
é o seu fin inicial, chegar, senón o que acontence nela. Facer
poesía en movemento, artellar un discurso mentres a nosa paisaxe
secuénciase ante nós confírelle ao poemario esa identidade propia
e a unicidade na que teñen que traballar máis os nosos poetas.
Ao pouco de ler un xa
goza desta viaxe, sentado a carón da poeta e observando pola fiestra
a esta Galicia desarticulada en tantos aspectos e que precisa tanto
dos medios de transporte, como elemento integrador e superador da súa
fragmentariedade xeográfica, como tamén da poesía, como non.
E a poesía que aquí
se amosa é poesía limpa, saída dun xeito natural, sen complexas
metáforas nin xogos de palabras. Estamos ante unha poetización da
linguaxe cotiá, que permite unha moi agradecida lectura na que se
entende esa mestura da identidade íntima coa identidade colectiva.
Unha dobre plataforma de análise do que somos que coa nosa
protagonista plantéxase dende unha moi necesaria percepción
feminista: «... o alleamento do fogar/no que as mulleres
aprendemos/a querer outra vida/sen cancelas/e a creala coas
estratexias/de facer o pan/e tecer os fíos». Esa estratexia tece
tamén a poesía de María Reimondez, pero ao mesmo tempo fíxase nas
situacións dun país coa despoboación do rural, a destrución da
natureza, o feísmo ou a nosa «permanente crise de identidade»
Nesa mutación da
paisaxe tamén esculcamos a mutación do interior, isto é, do eu. A
carón desa fiestra do bus os ollos de María Reimóndez miran cara
fóra, pero tamén cara dentro. A memoria da infancia, de sucesos
vividos como o naufraxio do 'Prestige', acontecementos que se fixan
no interior como parte dun, como fragmentación tamén do ser que
sentiu as gadoupas da fera no seu interior. «En carne viva/por
dentro/sal/o único que fuches», é o remate do poema '(dentro)'.
Ambas paisaxes atopan o seu acougo dende este espazo de reflexión,
espazo preciso de mobilidade para ollar á vida dende perspectivas
nen estáticas nen limitadoras.
Mirar, con ollos de
muller, a esta Galicia de hoxe require dunha certa valentía,
sabedores de que moito do que nos imos a atopar nela non nos vai
gustar, de que ollarnos nese espello pódenos devolver unha imaxe
complexa que non sexamos quen de definir. María Reimóndez, como no
resto da súa escrita, afoutada e chea de alfaias, non renuncia a esa
mirada, ben ao contrario emprégaa para medirse coa nosa realidade
que xorde da viaxe e da propia vida coma gran viaxe que todos
afrontamos para, tal e como remata a autora o libro atopar o acougo
nese desexo final: «Transformarei en poesía/o meu destino».
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 10/06/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario