Unha nova
edición da obra de Eduardo Blanco Amor recupera unha das grandes novelas en
castelán do século XX escrita fóra de Galicia.
Día de
Galicia. Día de sentimentos e emocións que van máis alá dunha liña nun mapa
para mesturarse co que moitos galegos senten, tanto no noso territorio como
naquel lugar do mundo no que se atopen. Un deses galegos que levou a súa patria
no interior durante os tempos do exilio foi o escritor Eduardo Blanco Amor
(Ourense, 1897-Vigo, 1979), do que se vén de reeditar, nunha abeizoada edición
a cargo da sempre intelixente editorial Libros del Asteroide, a que é a súa
mellor novela (aínda que ‘A esmorga’ teña moito máis sona) ‘La catedral y el
niño’, escrita no exilio entre Arxentina e Uruguay, e sustentada na memoria da
súa infancia na vila das Burgas aquí chamada Auria.
Eduardo
Blanco Amor emigrou en 1916 a Bos Aires, onde fixo carreira no xornalismo para
voltar a España en 1929 como corresponsal de ‘La Nación’ comezando a ter
contacto con Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Castelao, co que chegou a
colaborar na revista Nós. En anos seguintes o seu círculo de amizades
englobaría a nomes tan senlleiros da cultura como García Lorca, ao que editou
os seis poemas galegos escritos por García Lorca, aínda que hai tamén quen
pensa que foi o propio Blanco Amor quen axudou, e moito, ao granadino a
escribir en lingua galega. A Guerra Civil o colle en Bos Aires e xa non se moverá
daquela capital ata o seu regreso en 1966 con casi setenta anos, desenvolvendo
ademáis do traballo de escritor, en prosa e verso, en castelán e en galego,
unha intensa actividade como editor.
Polos máis
diversos motivos Galicia non acostuma a ser moi agarimosa cos seus, obrigados
en moitas ocasións por unhas ou por outras cuestións a traballar lonxe dela. Os
procesos migratorios forman parte do noso ADN, en tempos por obrigas brutais,
vencelladas á pobreza e ao atraso, despois ás persecucións froito da Guerra
Civil, e no noso tempo pola escaseza dunha aposta decidida polos nosos talentos
que ven como noutras latitudes xorden oportunidades e confianzas que non
reciben en Galicia. É ben curioso como este texto dun emigrado como Eduardo
Blanco Amor, sae do prelo dunha editorial dirixida dende Barcelona por outro
galego na diáspora, Luis Solano (Vigo, 1972), que, fundada en 2005 por el mesmo
é, hoxe en día, unha das máis respectada polo seu catálogo e seriedade á hora
de recuperar textos polos que outras moitas editoriais, máis planetarias nas
súas intencións fronte a este modesto asteroide, non apostarían, sempre
preocupadas por primar a rendibilidade sobre a literatura de calidade. Que sexa
alguén nado na mesma cidade ás orelas do Atlántico na que morreu Blanco Amor
quen saque do prelo unha fermosa edición dun texto non moi coñecido polo lector
en xeral ten algo de xustiza poética, tamén de berro que co altofalante dun 25
de xullo no pode ser máis que de rebeldía daqueles que non poden facer da súa
terra o espazo no que desenvolver o seu talento e cualidades.
Non é mala
época a do verán para mergullarse nesta novela. Fonda e familiar, cun regusto
ás grandes historias das sagas que conformaron a gran novela do século XIX ao
estilo de ‘Os Maias’ de Eça de Queiroz. Unha linguaxe sobranceira que nos
coloca ante a mirada dun neno entre os seus pais separados movéndose en mundo
contrapostos e todo iso nunha vila como a Ourense de principios de século XX.
Todas elas,
as dos protagonistas, autores e editores son miradas de galegos que se achegan
a nosa realidade dende tempos e xeografías distintas pero sempre co latexo
dunha mesma terra.
Publicado no Diario de Pontevedra
e El Progreso de Lugo 25/07/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario