A marabillosa
restauración do Pórtico da Gloria, entre as moitas cousas que nos
descobre, déixanos un inspirador sorriso
Se a visión do Pórtico
da Gloria é sempre motivo de abraio e emoción, achegarse a el
despois do incríbel proceso de restauración feito ao longo dos
últimos dez anos convértese nunha obriga para o goce de calquera
persoa. Foi un deses investimentos que se fan para a recuperación do
noso patrimonio e un traballo feito cun primor que ten que ser
recoñecido por todos nós como algo máis que un simple traballo.
Estamos afeitos nos últimos tempos a ver restauracións calamitosas
que mutilan o noso patrimonio, por iso, cando un ve un resultado así
entende da necesidade de xerar bos profesionais neste tipo de
disciplinas, así como da obriga de investir neste tipo de traballos,
algo que só reporta beneficios á sociedade. O apoio das
institucións ao Programa Catedral de Santiago e o investimento da
Fundación Barrié de la Maza a este longo proxecto merece un forte
aplauso da sociedade galega, que recupera a que pode ser a nosa maior
obra artística. A obra que o Mestre Mateo asinou en 1188 como
Magistrum e que agora se presenta ante nós da mellor maneira posíbel
e o máis próxima a como se concibiu na súa orixe, na que a cor
tiña unha grande importancia e que permite que descubramos elementos
que polo paso do tempo e a degradación eran moi complicados de
albiscar. Un deses elementos son os xestos dos protagonistas do
Pórtico, figuras que acadaron unha humanidade que non ten
comparación na súa época e que fala do talento do artista para
xerar unhas esculturas nas que se contén unha intensa carga de vida.
Eses xestos ou a arriscada colocación das figuras pegadas a esas
columnas, algo moi do estilo francés pero pouco visto por esta
xeografía, e evitando a frontalidade, o que facilita a conexión
entre elas non aparecendo como figuras solitarias nun amplo conxunto
iconográfico, é o que lle concede a este monumental acceso á
catedral a súa condición de espazo singular e que permite unha
conexión co público moi difícil de atopar noutros recintos
similares, incluso de épocas posteriores, presuntamente máis
evolucionadas no artístico.
Non hai máis que
fixarse nese sorriso do profeta Daniel, situado entre Xeremías e
Isaías, para entender a arte Románica como unha arte luminosa,
afastada desa concepción escura que se ten do mundo medieval,
afortunadamente cada vez menos defendida. Un sorriso pillabán, que
só ten comparación en inspiración artística para o espectador no
da propia Gioconda, e que ten a súa explicación na presenza fronte
a Daniel da voluptuosa Esther, nunha chiscadela do artista. Pensar
neste Pórtico acabado de facer, cheo de cores, é algo que estremece
hoxe, ao imaxinar a fortísima impresión que lle produciría a quen
se achegase a el. Realmente era o acceso á Gloria, a ese Cristo
maxestuoso que nos dá a benvida, xunto aos Evanxelistas e os
Apóstolos, entre o Antigo e o Novo Testamento. Entre a fonda
espiritualidade e a humanidade que destilan estas esculturas que
agora son un canto á nosa vida, tanta que ata hai unha empanada
entre elas. Esas meixelas coloradas, as faccións dos rostros, as
poses, ata os cabelos dun fondo realismo, con eses ‘carocois’
típicos dos cabelos do círculo do Mestre Mateo, emerxen agora cunha
forza que por moito que un teña estudado este espazo non deixa de
estremecer.
Xa só queda agardar
ata o día 27 deste mes, cando todos poderemos acceder a el. Será
cando sintamos tremer as pernas ante o que é capaz de facer o ser
humano. Un, na súa orixe, case que 900 anos atrás, ideándoo e
creando unha obra única; e outro, hoxe, respectándoo e poñéndoo
en valor para todos nós, para que sigamos enfrontándonos ao sorriso
de Daniel por moitos anos máis.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 4/07/2018
Fotografía Fundación Barrié de la Maza
Ningún comentario:
Publicar un comentario