luns, 2 de xullo de 2018

O primeiro Nós

O achado dos orixinais do álbum Nós, feito por Castelao entre 1916 e 1918, marca a exposición 'Meu Pontevedra' no Museo de Pontevedra, e propón a revisión dunha obra clave no seu devir artístico.


É INCRÍBEL como a vida arredor de certos personaxes, que un pode considerar xa suficientemente analizados ou estudados, permite aínda certas descubertas que non fan máis que afondar no seu talento e nas súas capacidades. A exposición que dende esta semana se amosa no Museo de Pontevedra titulada Meu Pontevedra, arredor do íntimo e alongado vencello da súa cidade de acollida e á que sempre levou no seu corazón, está chea destas descubertas, de pezas descoñecidas, de datos anovados e correxidos e, sobre todo, dese abeizoado achado, nas mans dun particular, dos orixinais do álbum Nós, dos que non se tiña coñecemento da súa pervivencia no tempo, alén dalgunhas atribucións maledicentes.
Todos estes fitos arredor dunha exposición só poden falar ben dos seus comisarios, Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, mergullados nunha tarefa titánica, como é a de contextualizar Pontevedra na vida e obra de Castelao e tamén á inversa, a análise dun Castelao apegado ás pedras e á sociedade pontevedresa na que el mesmo xogou unha sorte de papel revolucionario dende diferentes frontes culturais, artísticas e sociais. O descubrimento do álbum Nós ponnos ante un deses fitos da nosa arte, xa que a importancia da colección de estampas ven dada polo significado que ten dentro do conxunto da obra creativa de Castelao. O álbum Nós, feito, como o propio autor fai constar entre 1916 e 1918, supón un xiro total na súa relación coa arte ao substituir un feito puramente plástico polo emprego da arte como manifesto reivindicativo ou político da situación de Galicia. Castelao dende estes momentos deixará de lado o seu labor como artista de seu, isto é, deixa de participar en exposicións e incluso abandoará a súa faceta como pintor de grandes lenzos, reducindo o contido pictórico ao tempo que amplían as compoñentes reivindicativas da súa obras.

Deterse ante o medio cento de debuxos que compoñen o álbum amósanos, por unha banda, todo un alarde das aptitudes para o debuxo de Castelao, e por outra, a capacidade para inxerir unha sorprendente forza a partir dunhas poucas liñas. Os seus rostros, a composición das esceas, as relacións entre as figuras, a súa esquematización déixanos ante un discurso dun vigor arrepiante e que se ve alimentado polas frases que acompañan ás imaxes. Textos que amosan o asoballamento dos máis febles, as inxustizas, as miserias dunha vida que facían de Galicia un lugar no que comezaba a prender a faísca do asoballamento fronte a outras rexións. O álbum Nós amosa unha vida propia, non só como unha obra artística ou como un manifesto, senón como un traballo que, dende a súa magnificencia, ía arrastrando diferentes secuencias ao seu arredor. A súa primeira exposición pública será en 1920 na Coruña; en Pontevedra, a cidade na que se artellou, exhibirase en 1922; e en 1924 farao na Casa de Galicia de Madrid que, en tempos de Primo de Rivera, conlevou a censura de textos, como no que se falaba da Revolución de Irlanda que podía plantexar algunha equivalencia coa situación de Galicia fronte a España. As estampas imprímense grazas ao apoio económico de varios pontevedreses e aos contactos doutro, Francisco Javier Sánchez Cantón, quen acadou a posibilidade de que foran impresas na prestixiosa Hauser y Menet de Madrid. A abundante correspondencia que completa a exposición do álbum Nós entre Castelao e Sánchez Cantón evidencia a importancia desa amizade levada no tempo máis aló do que se tiña pensado e afasta a lenda escura de que fora o propio Sánchez Cantón quen ocultara uns orixinais que o abraiaron cando chegaron a Madrid. Do mesmo xeito que nos acontece a nós vendo uns orixinais nos que se atopan veladuras imposibéis de ser reproducidas, así como certas augadas, ou a gradación de planos, ou as liñas de cor que forman parte desta feliz descuberta.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 3/07/2016 

Ningún comentario:

Publicar un comentario