As figuras de
Alberto Giacometti ‘móvense’ entre as obras mestras do Museo do
Prado dentro dunha das iniciativas que celebran o douscentos
aniversario da gran pinacoteca
COMEZAN as vacacións e
iso permítenos movernos cara destinos máis lonxanos aos que estamos
acostumados na fin de semana. Madrid sempre é unha boa opción
grazas a súa amplía oferta cultural, e se nesa oferta sempre unha
cita segura é visitar o Museo do Prado, inesgotábel nas súas
posibilidades de contemplación, dende hai uns días unha nova
proposta merece a nosa atención.
Os actos de celebración
do douscentos aniversario da creación dunha das grandes pinacotecas
do mundo están a encher de actividades a este centro a outros
moitos, como o Museo de Pontevedra que, durante estes días, aínda
acolle o ‘Retrato de médico’ do Greco como préstamo temporal da
entidade madrileña. Así é como varias das salas do Museo do Prado
están tomadas dende este mes e ata o 2 de xullo por unha serie de
figuras correspondentes con esculturas dun dos grandes mestres desta
disciplina, como o foi o escultor suízo Alberto Giacometti
(1901-1966). Vinte obras, dezaoito esculturas e dúas pinturas,
repartidas na primeira planta do edificio de Villanueva. Unha
chiscadela á historia a través dunha especie de paseo póstumo
entre as grandes deidades da pintura do Prado. Velázquez, El Greco,
Rubens, Tintoretto ou Durero son algúns deses autores aos que se
lles obriga a ter diante as figuras alongadísimas do escultor. Ese
existencialismo vertical, casi flamíxero, aínda que estático,
semella case exercer un movemento que o relaciona co que acontece nos
lenzos.
En febreiro de 1939 os
cadros máis importantes do Museo de Pontevedra abandonaron España,
buscando refuxio en Suíza. Non foron poucos os creadores e
pensadores daquel momento que se achegaron a ver as obras mestras do
Museo do Prado no exilio. Entre eles Alberto Giacometti en pleno
proceso surrealista. Varias destas pezas escultóricas sitúanse na
gran sala que aparece coroada polas Meninas de Velázquez, aínda que
ao seu arredor, varios dos retratos máis importantes do pintor
barroco amosan a forza do sevillano e a súa capacidade para
trascender á historia.
Non parece estraña a
admiración de Alberto Giacometti por pintores como Tintoretto o El
Greco. O seu ascetismo formal, a estilización dos corpos lévase ao
extremo na obra do suízo pero, sobre todo, xera unha simbiose entre
ambas creacións dunha enorme sensibilidade. Todo o contrario
acontece con Rubens, e as súas ‘Mujeres de Venecia’, cunha
fisonomía moi alonxada da das obras de Giacometti, funcionan de
xeito contrario ao anterior, como unha antítese que plantexa unha
conversación que excede ao puramente formal e tamén semella
trasladarse ao material, xa que ese bronce de Giacometti contrasta
coa luminosidade da pel case marmórea das mulleres de Rubens.
Durero, Murillo ou Goya
plantexan diferentes encontros co escultor que nunca estivo no Museo
do Prado e que agora presenta as súas figuras casi como ex votos
ante a contundencia de todos os mestres da pintura, moitos dos que
admirou e ata bosquexou en máis dunha ocasión. Achegarse ao Museo
de Prado durante as próximas semanas engade un valor ao que
significa por si mesmo, convidándonos a participar dunha especie de
paseo póstumo no que un non se cansa de mirar cómo funcionan todas
esas relacións artísticas por riba dos séculos, por riba dunha
historia que, en ocasións como esta, fúndese nunha mesma realidade.
Nun plano que nos incorpora para sentir a arte nun momento concreto,
nunha encrucillada de camiños que moitos percorreron de xeito
maxistral e que agora camiñan ante nós mesmos.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 12/04/2019
foto: Paco Campos (efe)
Ningún comentario:
Publicar un comentario