viernes, 25 de octubre de 2019

O Día de Galicia Lorca en Galicia

Interior do Café Moderno a principios do século XX
(Pintos. Museo de Pontevedra)

O 25 de outubro de 1916 Federico García Lorca pisaba Galicia por primeira vez. Unha data que se quere poñer en valor para que o 25 de outubro sexa celebrado cada ano como o Día de García Lorca en Galicia. Unha data de conmemoración cultural para as nosas letras, dende unha figura que escribiu en galego, aí están os seus ‘seis poemas galegos’, recuperados pola editorial Alvarellos. Non sei se Lorca chegou a escribir en moitas linguas máis, pero non creo que pasen de tres ou catro, e entre elas estaría o galego, converténdose nun incomparábel embaixador da nosa lingua. Tamén esa data serviría como un alicerce máis do noso compromiso coa memoria histórica, cun símbolo, encarnado no autor granadino, dunha desas máis de cen mil persoas asasinadas e cuxos corpos están nas cunetas e nos foxos da ignominia da historia.
Citaba antes o libro, premiado como o mellor editado do ano 2018 en Galicia, a edición facsímil dos ‘Seis poemas galegos’, xa publicados en 1935 no prelo de Ánxel Casal e que agora recuperou Alvarellos. Unha xoia polo que contén, xunto cos poemas, o prólogo de Blanco Amor, e unha colección de fotografías na que se recollen as xeografías galegas da súa presenza na nosa terra, dende aquela viaxe de 1916. Esta mesma editorial publicou ‘El gran viaje de estudios de García Lorca’, no que se recolle aquela chegada a Galicia do poeta e que o deixou marcado, voltando a ela cando se requeriu para compartir a súa engaiolante figura, ou como membro do ilusionante proxecto da Barraca, no que o teatro clásico español se levaba por pobos e cidades.
Ámbolos dous libros, que conforman unha importante achega á presenza lorquiana en Galicia, son a cerna desa iniciativa que o propio editor, Henrique Alvarellos, está a promover para que o día de hoxe sexa o Día de García Lorca en Galicia, co que tería de visibilidade e de poñer o foco en Galicia e no galego.
Unha relación na que Pontevedra deixou unha das maiores pegadas dentro dese itinerario vital. Son dúas as presenzas do autor de ‘Poeta en Nova York’ na nosa cidade. A finais de agosto de 1932 co espectáculo da Barraca que se desenvolveu na praza da Estrela, e tres meses despois, convidado para pronunciar unha conferencia sobre a pintora María Blanchard, no desaparecido Cine Coliseum. Nesa viaxe foi ‘asaltado’ por un grupo de mozos, poetas, escritores e ilustradores, que compuxeron unha das máis fermosas aventuras creativas na nosa cidade, a revista ‘Cristal’, capitaneados todos eles por Juan Vidal Martínez. Levado ata a ‘redacción’ daquela revista pedíronlle un poema para publicar no seguinte número. No Café Moderno, sobre unha daquelas mesas de mármore, sobre as que Castelao e Bóveda imaxinaron unha Galicia afouta, ou na que Luis Amado Carballo compuxo varios dos seus poemas, García Lorca armou un soneto para que aqueles mozos o axitasen como unha bandeira de liberdade e esperanza. Lorca tocou o piano, Lorca paseou baixo a lúa de Pontevedra, Lorca foi ata Samieira a gozar da ría, Lorca falou por Radio Pontevedra, Lorca apoiou a Laxeiro na concesión das Bolsas Artísticas e Lorca falou de María Blanchard antes de coller o tren en Campolongo, antes de facer de Pontevedra unha parte da súa vida.



Publicado no Diario de Pontevedra 25/10/2019
Foto Pintos. Arquivo gráfico Museo de Pontevedra


No hay comentarios:

Publicar un comentario