A obra do
cambadés Francisco Leiro chega de novo a Madrid para amosar un dos
universos máis singulares da escultura actual. A Principal de
Tabacalera acolle casi un centenar de obras entre esculturas e
debuxos que nos levan a unha chea de enerxías e inspiracións
galegas
Xa é un deses clixés
que adoita acompañar sempre a Francisco Leiro cando se fala do seu
traballo. A súa definición como o noso escultor máis
internacional, abofé que dende os tempos do mesmo mestre Mateo,
converte o seu traballo nun foco permanente de atención, xa non só
polas calidades formais das súas pezas, senón por cómo en cada
exposición, en cada plantexamento fronte ao público, o escultor
redimensiona o seu traballo con novas posibilidades de expresión,
tamén coa hibridación de materiais e de significantes, dentro dun
proceso de permanente revisión dun mesmo.
Iso é o que máis
seduce agora mesmo de Francisco Leiro, o comprobar como xa non son
precisas as súas figuras ciclópeas, nin o seu premeditado
salvaxismo á hora de rematar a talla das súas pezas, ni o
pretendido impacto brutal no espectador. A obra de Leiro foi
madurando de seu, acubillada baixo séculos de tradicións, de
solpores fronte ao mar de Arousa, de beizos das brumas e de oficios
que se foron sedimentando nas mans do escultor. Agora, unha pequena
talla, un debuxo, ou un grupo de pezas de reducido tamaño, nas
posicións máis inverosímiles, son quen de emocionar do mesmo xeito
que os seus xigantes, capaces, cada un deses traballos, de condensar
o espíritu do artista, a alma do canteiro ou o latexo do
carpinteiro.
De poucos artistas un
crítico pode gozar máis escribindo que do noso paisano. Esa
conxunción do carácter internacional da súa obra, mesturado cunha
incuestionable raíz galega, conxúranse para xerar unhas obras
engaiolantes que un nunca se cansa de ver, de tocar, e ata de
respirar. Si, respirar, porque a obra dos grandes escultores é quen
de humanizarse das máis variadas maneiras: movéndose, mirándote e
ata respirando.
Ata o dez de novembro o
propio espacio La Principal de Tabacalera, no madrileño barrio de
Embajadores, forma parte do discurso da obra de Leiro. Un espazo
posindustrial, de paredes descarnadas, e cunha contundencia que o
afasta das cuidadas presentacións dos museos ou as galerías de
arte, pero que serve, intelixentemente, para alentar máis
suxerencias nas súas pezas, como si as esculturas atopasen un
hábitat máis axeitado aos seus propósitos que os acubillos
tradicionais.
A mostra de nome
‘Leiro. Roteiro’ ten moito desa sensación, a de facer un camiño,
de tirar por unha corredoira á espera de atoparse con toda unha
serie de seres entre reais e irreais, entre máxicos e absurdos,
entre o lexendario e o soñado. Un ‘Leviatán’ de granito dá a
benvida ao visitante, unha especie de Caronte que nos conducirá por
todo ese camiñar no que debemos cruzar unha fronteira. Como todo
devir na vida, trátase de superar aneis, de medrar un mesmo dentro
dun ámbito colectivo. A súa ‘Fronteira’ son un conxunto de
pezas que xogan a indagar nese concepto, o dun lado e outro, hai
algunha diferencia entre estar dun ou doutro lado do Miño? Ou o desa
peza chamada ‘Entre hortas’ que nos leva ao recordo, ao choque
dun mundo tribal e o moderno, que reflicte a experiencia vivida en
Compostela, na rúa dese mesmo nome, cando o escultor viu a unha
muller cortando millo mentres a cidade asistía a revolución
urbanística da man do alcalde Xerardo Estévez. Espazos límite
entre tempos e sensibilidades que agora voltan a nós da man da
escultura, da arte, da sensibilidade, da memoria.
‘Tránsito’,
‘Semilleros’ os ‘Once Lázaros’, ‘Nichos’, ‘Lugar’ ou
‘Modelos’, entre outras, son as diferentes paradas nesa especie
de bosque que constrúe coas súas obras Francisco Leiro. Seres cheos
de vida que se enfrontan a nós para cuestionarnos, para que nos
midamos con eles e con toda a súa compoñente conceptual, chea de
xestos, expresións ou experiencias que humanizan a todas estas pezas
e lle conceden ao escultor esa condición de Deus ex machina que
sempre amosa o de Cambados, e que como poucos se integra nas súas
pezas case como unha apropiación da propia alma do artista presente
en cada unha delas.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 6/10/2019. Foto Tabacalera.
Ningún comentario:
Publicar un comentario