Arte ▶ ‘Too
much’ é unha iniciativa artística que procura atopar espazos de
visibilidade para artistas cuxas obras posúen unha indudable
calidade, pero que non sempre son acollidos polos espazos
referenciais das artes galegas. Artistas plásticos e poetas
traballando uns a carón doutros xerando novas sensibilidades para a
nosa arte
Superar a escuridade.
Abater as paredes do estudio. Conectar a obra coa sociedade. Deste
xeito é como debemos entender a mostra ‘Too much’ que podemos
visitar na Sala de exposicións do Palacete das Mendoza de Pontevedra
ata o 25 de outubro. Artistas á busca do público como posición
ante unha sociedade que semella darlle as costas ao creativo, ao
cultural. Aínda así o máis grave para a nosa arte é a negación
deses espazos de visibilidade por parte das administracións, de
centros culturais as veces estigmatizados pola procura dunha
excelencia que, as máis das veces, convértese en pretendida máis
que real.
«A creación é un
azar de tenruras e terrores nun labirinto por escribir», escribe o
poeta Xaime Toxo, participante, xunto a outros poetas, como Elisabeth
Oliveira e Carmen Quinteiro, desta mostra colectiva cos artistas
plásticos Xaquín Chaves, Basilisa Fiestras, Lito Portela, Antón
Sobral e Fiz Valcárcel. Nese labirinto é no que nos sitúan todos
eles con este paso adiante na reclamación da súa consolidación
como creadores que, de xeito inevitable, precisa de plataformas de
acción, de escenarios dende os que darlle o sentido final ao seu
traballo, isto é, dende o contacto co público.
Antón Sobral exerce de
comisario, e tamén de dinamo, desta pequena mostra do que pode ser
nun futuro. Sementeira dun Observatorio Galego das Artes, con esa
premisa da visibilidade e da aposta por unha serie de creadores
galegos necesitados de atopar eses puntos de luz. Propiciar un debate
sobre a función das políticas culturais do país, atopar o apoio da
empresa privada no mundo da cultura establecendo canles de
colaboración, así como xerar un diálogo entre todos os axentes
vencellados dun ou doutro xeito á cultura, serían tres das liñas
de traballo deste Observatorio que, dende a positividade, buscaría
achegar posibilidades sempre dende a visión dos artistas, duns
creadores que moitas veces son sempre o último elo da cadea, cando
son os maiores protagonistas.
Os nove creadores que
aquí nos convocan fan da súa individualidade unha parte do
colectivo, e amosan, cunha ollada, a súa maneira de enfrontarse ao
artístico. A lírica da abstracción de Xaquín Chaves, a simbólica
paisaxe de Antón Sobral, a mezcla de linguaxes de Carmen Hermo, a
natureza de Lito Portela, a figuración de Fiz Valcárcel, a
sensibilidade de Basilisa Fiestra, o inxenio de Elisabeth Oliveira, a
emoción de Xaime Toxo e a intensidade de Carmen Quinteiro,
confírmanos esa sensación de novos aires na nosa creatividade, e o
ben que lle senta a nosa sociedade que novos nomes teñan o seu
espazo. Se algo deixan claro é a súa calidade como creadores, as
posibilidades das súas maneiras de entender a sociedade dende o
soporte elexido, e cómo as súas linguaxes pódense medir coas de
calquera outro creador, de aquí e de lonxe de Galicia, cando tantas
veces nos deixamos levar por aquilo de que o que vén de fóra é
mellor co noso.
Así acontece en
demasiadas ocasións, cada vez máis a nosa presenza deixa de ser
requerida dende centros artísticos de primer nivel que terían que
ter como obriga da súa programación o apoio aos nosos creadores,
máis aínda cando a súa calidade, como xa se afirmou, non ten que
envexar a ningunha outra, ao tempo que se moven nunha situación de
desamparo que ‘Too much’ tenta paliar dende este primeiro chanzo.
Publicado en Diario de Pontevedra 14/10/2019
Fotografía: Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario