xoves, 18 de xuño de 2020

A xente que suma

Pepe Solla xunto a unha voluntaria no
comedor de San Francisco (Gonzalo García)

Entre as consecuencias que nos deixou esta crise do coronavirus penso que unha das máis salientables foi a de darnos conta, nunha situación extrema e nunca vivida, daquela xente coa que se pode contar ante a catástrofe e coa que non. Da xente que suma e da que resta. A que está disposta a arrimar o ombreiro, sen agardar nada a cambio, e os que se moven por intereses que se poden agochar en innumerables esquinas, que van dende os motivos económicos ata os políticos, con tantos ‘falabaratos’ que pensan que facer política é topar co de enfronte, e vez de tentar un punto de encontro que beneficie ao colectivo en vez de aos seus.
Poucas vacinas mellores para unha sociedade que dispor deste tipo de xente que non dubida en dar o mellor de si mesmos para tentar paliar o desacougo que se instala en moitas persoas, sobre todo naquelas máis desfavorecidas. E poucos andazos peores que aqueles que se adican a encher de barro o territorio no que nos movemos, xa de por si bastante enlamado (tanto o real como o virtual), son os que meten paos nas rodas dos que teñen que tomar decisións moi complicadas en situacións límite que se están a levar a vida por diante de milleiros de persoas. Xente que, cegados por eses miopes intereses e na procura dun protagonismo que nunca tiveron pola súa irrelevancia, non deixaron pasar nin un minuto de tregua para dubidar de todo o que se fai, para aproveitar unha situación crítica e tentar empurrar polo cantil da súa propia vergoña a un goberno elexido pola cidadanía e ao que se acusou dunha serie de barbaridades que deberían facer que todo ese apostolado do mal baixase a cabeza e nos deixen vivir sen as súas intrigas durante moito tempo.
Imos cos bos, que son os que pagan a pena. Os que quedarán no noso recordo como a xente coa que poder contar, os que empuxan dos seus dende o ámbito social ou dende o máis  íntimo. En Pontevedra houbo moita xente que adicou estas semanas a axudar aos que máis o precisaban. Xente que adoita facelo ao longo de todo o ano. Persoas anónimas, ánxos da garda que non esperan nada a cambio pero que se deitan pola noite co tesouro baixo a almofada de saber que fixeron o ben pola comunidade. Nos medios de comunicación adoitamos centrarnos máis naquela xente coñecida, eses rostros que ao longo do ano desenvolven unha profesión recoñecida e pola que asoman de xeito frecuente por estas páxinas. Por iso cando unha destas persoas cambia o paso toma un protagonismo merecido, pero que tamén ten que servir para salientar o traballo de todas esas persoas anónimas.
Así foi como nesas semanas alarmantes a figura do cociñeiro Pepe Solla converteuse nun deses rostros da solidaridade e do compromiso. Un chef de referencia na cociña adicado a plantexar, e mesmo a cociñar, menús para a xente con maiores dificultades económicas. Deste xeito o cociñeiro de Poio non dubidou en compartir momentos cos voluntarios das cociñas de San Francisco, a xente que cada día do ano se bate en duelo coa fame. O certo é que esa complicidade do chef tampouco é algo que sorprenda, non é a primeira vez, e non será a última, para alguén que sempre que se lle reclama para unha tarefa deste tipo fai un oco nos seus negocios para botar unha man, para aliviar penas e para manter ese apelido no máis alto da nosa sociedade, xa non só dende o ámbito culinario, que xa estableceu o seu pai a carón da nosa ría con letras de ouro, senón dende o da solidaridade.
Non debe ser sinxelo poñerse na pel daqueles aos que os tempos de crise golpean máis forte. Imposible facelo para os que nos movemos polo camiño da seguridade e o agasallo dunha vida chea de comodidades, pero as veces está ben poñerse un momento nesa situación, no que debe ser pasar fame, comer sempre produtos de supervivencia e que de repente poidas probar unha comida diferente. Ese instante vale moito, sentirse unha persoa, gozar dos teus sentidos grazas ao que ese alimento é quen de achegarte. Tres días á semana, duascentas persoas conseguían eses menús aos que Pepe Solla lles proporcionaba, non só a calidade dos produtos suministrados polos seus proveedores, senón tamén a súa xenial man para facer de calquera sabor un xeito de esquecer a realidade por moi complexa que esta poida ser. Iso é precisamente o que consegue Pepe Solla nos seus locais, un paréntese gozoso fronte ao real, xa que moitas veces eses sabores semellan irreais.
Tras superar os peores días a nosa sociedade quedou baixo as gadoupas da enfermidade. As feridas permanecen, sobre todos nos máis afectados e nos máis febles na súa economía. Pouco a pouco, e grazas a esa solidaridade de moita xente, recompoñeranse as cousas e todo quedará como unha aprendizaxe máis no sendeiro da vida. Abofé que Pepe Solla tamén aprendeu moitas cousas, mirarlle aos ollos a quen máis necesita ter unha mirada ao outro lado, ten que se unha boa ensinanza, ou tamén compartir cociñas cos que traballan a diario dende o anonimato, sen procurar máis estrelas que as de facer felices á xente e subir algunha máis ao ceo da bondade. Alí, Pepe Solla, dende estes días, sumou esa outra estrela que cada día merece máis na porta do seu restaurante.



Publicado en Diario de Pontevedra 18/06/2020


Ningún comentario:

Publicar un comentario