sábado, 30 de xaneiro de 2021

Diario 1921


 Saga/Fuga



O 29 DE XANEIRO de 1921 Castelao camiñaba polas rúas de París a onde chegara tres días antes grazas a unha das dúas pensións obtidas para coñocer diferentes realidades artísticas da Europa do seu tempo. Se a segunda das pensións foi a que o levou á Bretaña francesa para saber dos seus cruceiros en 1929, a que agora lembramos tivo unha duración de nove meses que lle permitiron coñecer a fondo o que acontecía en París, Bélxica e Alemaña, no referido ao contido dos grandes museos desas vilas, así como enfrontarse ás novas correntes artísticas que fixeron de Europa o espazo no que coincidiu a tradición coas novas vangardas.

O resultado desta viaxe é un caderno en forma de Diario que se conserva no Museo de Pontevedra e que agora vense de reeditar por Galaxia, dentro dun primoroso proxecto, a chamada Biblioteca Nós, coa que se celebra o centenario desa xeración que mudou a visión cultural de Galicia con protagonistas como Castelao, ou outro pontevedrés de acollida, como foi Antón Losada Diéguez, ao que se lle adica un volumen cunha escolma de textos baixo o intelixente título de ‘O esquecido mentor de Nós’.

Pensar en Castelao percorrendo Europa, fai hoxe xustamente un século, é unha das emocións que latexan ao manexar este libro que conta cun limiar de Filgueira Valverde no que califica esta obra tan descoñecida como «un monumento da lingua galega». Por el desfilan as súas impresións sobre o que se atopaba, tanto no espírito de vilas como París, Bruxelas, Gante, Berlín ou Múnich, cun Castelao sempre atento á vida da xente, coma no interior dos moitos museos nos que pasou moitas horas fronte a obras de arte. Obras que entendía estaba obrigado a ver como parte dese proceso de formación, de coñecemento do que acontecía fóra de Galicia para poder enxerilo na súa visión persoal do que tiña que ser a arte da nosa terra, sempre tan vencellada ao popular. Por iso mesmamente Castelao no Louvre non atopa o que el procuraba, aquilo que provocara a emoción vencellada ao pobo, unha magnificencia dos grandes nomes da Historia da Arte que si se converteu en emoción en Bruxelas fronte aos pintores primitivos.

Cada unha destas páxinas é parte dese proxecto vital, neste momento tan vencellado ao artístico, e que pouco a pouco substituíuse polo compromiso político, en boa parte motivado pola perda de facultades visuais do Rianxeiro, así como polo afianzamento das súas posibilidades como canalizador das arelas dunha terra que comezaba a espertar e a reclamar os seus soños comúns.

A chegada desta edición neste mes de xaneiro tan importante na vida do noso protagonista. Mes no que naceu e no que morreu, chega xunto con outra boa nova, a da denominación do ata o de agora Sexto Edificio do Museo de Pontevedra como Edificio Castelao. Se xa é indiscutible a idoneidade deste bautismo, menos polos que sempre procuran enlear todo cos fumes da política que tantas veces métense nos ollos e impiden ver as cousas, percorrer estas páxinas convértese nun motivo máis para sinalar a pegada artística de Castelao e o que supón achegarse a ese edificio e percorrer o seu legado, entre o que se atopa este ‘Diario 1921’, que agora incluso terá que ampliarse en canto a mostrar máis fondos de quen estivo detrás da súa creación, así como permanentemente atento a súa evolución ata o seu pasamento. Unha atención que mantiveron no tempo de xeito decidido e agora impagable os grandes directores deste Museo, Filgueira Valverde e Carlos Valle Pérez, inmellorables coñecedores do que supoñía Castelao para o Museo e mesmo para a propia cidade, tan presente tamén nestas páxinas, cunha morriña permanente, e as citas as ruínas de San Domingos, a Manuel Quiroga ou mesmo ao "loro" de Perfecto Feijoo.





Publicado no Diario de Pontevedra 29/01/2021

Fotografía. Detalle do orixinal do Diario 1921 (Museo de Pontevedra)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario