venres, 8 de xaneiro de 2021

E agora que?

 

Saga/Fuga

 


VAITE 2020, Mala chispa te coma 2020. Foron algunhas das despedidas (abofé que as máis educadas e publicables) que lle demos dende Pontevedra a ese ano, xa gravado a ferro quente nas nosas vidas. Agora que o superamos aínda estremece pensar na xente que morreu, nas que sufriron pola enfermidade, nos que teñen a súa economía destrozada, nos meses do confinamento, na ausencia de contacto entre seres queridos, no andar cunha máscara na cara, na perda das nosas liberdades... certamente podes marchar a gusto 2020. Tanta paz levas como descanso deixas. Pero, e agora que?

Abriunos as súas portas o 2021 e semella que aínda estamos no epílogo dese annus horribilis. As seguintes semanas amosarán a nosa falla de sensibilidade e de colaboración na resolución do coronavirus. Non había máis que saír á rúa, sobre todo en certas datas dun Nadal que os nosos políticos nos obrigaron a gozar como se estivésemos para festas, para entender que non o estabamos facendo ben, que somos incapaces de tecer esa rede da solidaridade cos demais que é case a única que nos pode salvar ou polo menos a que pode ralentizar os procesos de impacto do virus no noso sistema sanitario; o outro, as vacinas, milagrosamente xa están entre nós, nunha vertixinosa carreira científica convertida nunha das máis grandes xestas da nosa historia, e que vén amosar a necesidade e obriga dos nosos dirixentes por potenciar e destinar recursos a ese campo, o da investigación, o dunha ciencia que cando se poñen mal as cousas sempre é a única vía de escape. Gastos que son inversións, cartos que se adican ao realmente importante, á nosa saúde. Cuestións que semellan evidentes pero que moitas veces parece que non o son, e así vemos como este país vai ao ‘trantrán’ para facer as súas propias vacinas, para non depender de franquicias forasteiras, por esa falla de investimentos, e todo iso mentres non deixas de ver a científicos españois traballando en laboratorios extranxeiros, aportando o que aprenderon ao longo dunhas carreiras que se cursaron no noso sistema educativo. E aínda por riba os retrasos á hora da vacinación e de novo a falla de sanitarios, a falla de inversións na sanidade.

Contaxios, vacinas e outras enfermidades, como as que contemplamos coa boca aberta coa toma do Capitolio dos Estados Unidos por parte dos partidarios do aínda presidente Trump, amosan un terrible escenario neste comezo do 2021 ou aínda final do 2020, porque xa todo comeza a parecer un mesmo ano, unha época terrible que nos pon a proba e cada día que pasa semella que nos afundimos máis nesta loucura colectiva, cun modelo global de sociedade esgotado dende o económico ao medioambiental e do que todos temos parte de culpa.

Aínda que nos poida parecer que o dos americanos nos queda moi lonxe non dubiden que eses dementes que discuten a realidade, aquilo que deciden os pobos, e que non entenden que o poder non é unha propiedade súa, senon que tamén poden mandar de xeito lexítimo os que non pensan como eles, témolos xa entre nós, defendendo ideais antidemocráticos e tamén antihumanos, e que aproveitaron o momento máis feble da nosa sociedade, con milleiros de mortos e de enfermos polo coronavirus, para poñer contra as cordas a nosa democracia.

Onte moitos botamos a man á cabeza, pero a pouco que un ía analizando a situación e que dende o noso país moitos sacaban a lingua a pacer, pois voltaba a ter claro o que pretende acadar toda unha ideoloxía mundial, que non responde a casos illados, con nomes como os de Trump, Bolsonaro ou mesmo Abascal, senón a toda unha pretensión de derribar ás vontades dos pobos, os únicos que poden decidir os camiños a seguir. Comenzaches mal 2021 e iso que te avisamos de que te portaras ben. A ver que fas!

 

Publicado no Diario de Pontevedra 8/01/2021


 


Ningún comentario:

Publicar un comentario