venres, 15 de xaneiro de 2021

O verán, o Nadal, e nós?

Saga/Fuga 


O PRIMEIRO foi o de salvar o verán, despois o que tiñamos que salvar era o Nadal, pero, e a nós, quen nos salva a nós? Así se podería escribir a evolución desta pandemia no noso país. Sempre detrás dos movementos do virus, nunca adiantándonos, e máis aínda cando todos sabemos como se comporta e as consecuencias de certas decisións.

Enleados no perverso debate de economía ou saúde, sen entender que sen saúde non pode haber economía e non tanto ao revés, estamos dispostos a permitir a morte de miles de persoas por salvar durante unhas semanas as nosas economías. Terrible se o pensamos durante un momento, que é, precisamente, o que ninguén con capacidade de dirixir este desconcerto semella ser quen de facer. Os nosos políticos rodéanse de profesionais sanitarios que supoño terán un parecer semellante ao que non poucos expertos en sanidade e epidemioloxía non deixan de avisar polos medios de comunicación de xeito case desesperado, calificando as medidas que tomamos para deter o virus como febles e con poucas consecuencias para o que realmente nos tiña que importar que é deter a transmisión da enfermidade, aliviar o noso sistema sanitario e evitar mortes, tráxico punto final da cadea.

Asistimos cada vez máis perplexos e indignados aos feitos e ás palabras de políticos de tódalas cores que non deixan de sonroxarnos polas súas actitudes, polas súas decisións, complexas, sen dúbida, nesta situación tan estraña e dura, pero que semellan tomarse cada vez máis pensando en todo menos en nós. Políticos que se agochan nas competencias duns e doutros, políticos que pensan que somos idiotas e aos que se nos chega a botar en cara aquilo que eles mesmos nos permitiron facer, ausentes da valentía que todo gobernante precisa para iso, para gobernar, que é tomar decisións, nos gusten ou non, protestemos ou non, haxa manifestacións ou non.

Pouco a pouco o virus convértese xan non só nunha praga, senón nun detector das eivas da nosa casta política, sempre poñéndose ombreiro con ombreiro co outro político que lle pode facer sombra, e nunca medíndonse cos ollos dos cidadáns, moito máis responsables (na súa meirande parte) do que hai que facer, capaces de asumir medidas moito máis fortes en beneficio da saúde e menos a favor do Ibex 35 e dos movementos de capital. Certo que son tempos duros, nos que os cartos lle fan falla a todo o mundo, pero nunca, nunca, deberían ser a prioridade do político fronte ao ben máximo de cada individuo: a súa vida. Temos os cartos de Europa para repartir, fágase. Axúdense aos sectores máis necesitados, cos que se está sendo máis duro nestes momentos. Se se pechan negocios hai que compensar aos seus donos, pero facelo xa. Virán tempos aínda máis severos no económico, teremos que apretar moito máis o cinto, pero iso será despois, agora deixar correr as cousas e as medias tintas lévannos a unha terceira onda cuns síntomas que presaxian a neve negra do inverno. Os nosos políticos, os de Madrid e os daquí, non fai falla citalos, todos os sabemos e lembraremos os feitos de cada un, non quixeron ser o Grinch do Nadal, e agora tócalles asumir as cifras que van a chegar en forma de enfermos nas UCIS e de mortos. De novo o estremecemento. Agora estamos á carreira para tomar medidas, decisións que coma no verán tiñamos que ter tomado antes do que ben sabiamos ía acontecer, con dor e mágoa, pero coa realidade nas mans e a sinceridade nos corazóns, non cos xestos atribulados dos que non estiveron á altura. Damnatio memoriae.

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra 15/01/2021

Fotografía: Sanitario facendo unha proba de detección do coronavirus (David Freire)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario