Alí é
onde xorde todo. O útero no que medra o maxín do artista. O lugar
onde buscar o acubillo ante o que acontece fóra del. O berce onde
mecerse na busca do amparo ao que nos obriga a sociedade. Falamos do
taller do artista, un espazo para a reflexión de cada un deses
creadores, pero tamén, ata o 15 de setembro grazas ao comisariado de
Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, un espazo para a
reflexión do visitante á exposición ‘O bosquexo do mundo’, que
se amosa na planta baixa do Museo Marco de Vigo.
Abrir
o taller ao público ten un pouco de amosar as propias carnes do
autor. Saltar esa barreira física e ata mental que moitas veces se
agocha tras unhas paredes e alí, moitas veces, as máis delas, o que
se adiviña son os restos dunha batalla, dunha loita sen cuartel
dende o maxín do artista ata a realidade do que acontece fóra. Ese
boceto que se amosa no seu interior é o que agora dá un chimpo ata
a sala de exposicións para mergullarnos nese conflito, nesa lea na
que se enreda cada creador para albiscar ao fondo a súa
materialización artística, o resultado de confrontar a sociedade co
seu pensamento. E é ese pensamento o que sustenta o aquí exposto,
xa que cada un deles vainos abrir o seu mundo, o seu universo
creativo para que formemos, aínda que sexa un cachiño, parte del.
Confórmase así unha suxerente viaxe ata ese berce do que nunca
adoitamos formar parte.
A
colectividade, plantexada dende o atinado comisariado da mostra,
lévanos a unha diversidade formal e de plantexamentos que o que fai
e conducirnos por numerosos vieiros, uns máis afortunados que
outros, pero en todos hai algunha conclusión que extraer para
achegar ao colectivo. A disposición das salas do Marco, engádelle o
valor necesario para a integración das pezas que van xogando cos
espazos do mesmo xeito que xogan no taller do artista no bosquexo
dese mundo tanto interior como exterior.
Soportes
do máis diversos, influencias de todo tipo, miradas, apuntes,
textos, imaxes, materiais... son os restos dun naufraxio que dende a
individualidade pasa a actuar en conxunto para acadar esa vertente
épica que é o que sostén a mostra, ao suxeitar baixo esas formas
unha loita conceptual do artista co seu territorio.
Do
íntimo ao público, falamos do enfrontamento permanente que se dá
nos autores con independencia de tempos, modas, correntes,
xeografías, idades ou xeitos de expresión. Aquí atopamos unha gran
diversidade de creadores, de lugares, espazos e tempos diferentes.
Algúns ata foron mestres doutros na Facultade de Belas Artes de
Pontevedra, auténtico paradigma do que é o taller do artista, xa
que non son poucos os que nela medraron como creadores e configuraron
os seus idearios para agora compartir espazos de proxección no que é
o mellor apoio para ámbolos dous. Un diálogo do que formamos parte,
sentándonos á mesa con todos eles, o público invadindo a súa
intimidade, abrindo portas como ‘vouyeurs’ descoñecidos, miróns
dos que eles nunca saberán nada. Eles así o quixeron, agora nós
sabemos de que material se forxan os seus soños, que diría Bogart.
Un material a camiño entre eles e nós, un bosquexo do que será
obra nun futuro, ou polo menos foi inspiración nalgún momento, pero
que xa contén a entidade suficiente como para formar parte dunha
exposición. Porque dende o acto máis instintivo dun creador xa se
pode falar de arte. Poñer eses actos ante nós é a súa validación
definitiva, ao tempo que nos coloca aos espectadores dentro do seu
universo, dentro do seu bosquexo.
Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 30/06/2013
Obras de Marta Bran y Tamara Feijoo. Imágenes de Enrique Touriño/MARCO
Ningún comentario:
Publicar un comentario