Ven de publicar ‘O anxo de Eva’, unha engaiolante historia sobre unha
nena adolescente que busca fuxir da abafante relación coa súa familia a través
da presenza dunha amiga imaxinaria. Ata ahí todo sería digamos que normal, pero
ao seu carón aparece a figura dun anxo, un ser alado que aliviará non só a Eva
senón ao propio anxo cunha longa historia tras el. Marina Mayoral achéganos
unha lectura sobre a imaxinación e a realidade, unha feliz convivencia
literaria sobre a que reflexiona dende estas palabras.
Fai calor na praza da Estrela. Van ser as cinco da tarde e as pombas
buscan refrescarse nunha fonte da que borbotea unha auga coa que pingan as súas
ás. Elas van para alí e para alá, alleas ao que acontece ao seu arredor. Marina
Mayoral chega puntual a súa cita, moi coqueta no seu vestir será algo que amose
que a esta muller lle poden caer anos enriba pero o seu espíritu segue a estar
cheo de vitalidade. Así o demostra cando ao rematar a entrevista, e ata que
participe na libraría Cronopios na presentación do libro, e para facer tempo,
pregunta pola zona de tendas na cidade. As pombas seguen a bulir e a
acompañarnos cos seus arrolos e vós. As súas ás lévannos directamente ao
corazón dunha novela na que teñen singular protagonismo.
Cómo xorde o anxo de Eva?
—Pois dunha forma inconsciente, case irracional. Eu dou moitos talleres
literarios, e aos alumnos cando me preguntan cómo construir un personaxe eu
lles digo que cando o teñan eu lles podo indicar como pasalo da mellor maneira
posible ás páxinas dunha novela. Mediante monólogos, diálogos, a voz narrativa
ou o que sexa, pero o personaxe ten que aparecer na túa cabeza. Pero como xorde
este anxo? Pois seguramente de lembranzas infantís, porque en Mondoñedo as
nenas cando saía o Bispo íamos correndo a bicarlle o anel, e as veces dábannos
estampas, e a mín unha vez deume unha estampa dun anxo fermosísimo, cunhas
enormes ás, que estaba protexendo a unha nena. Eu sempre digo que me enamorei
daquel anxo, non facía máis que ollar para el, era guapísimo. Pasa o tempo e
nunha novela miña ‘La sombra del ángel’, hai unha escritora que basea os seus
relatos no que pasa na vida dos seus amigos pero transformándoos, naturalmente.
Nunha ocasión a un amante dunha das súas amigas transformao nun anxo. E ahí
está ese anxo, estrano, que non é nada devoto, nada relixioso. É un home
guapísimo con ás, e que ten lembranzas extrañas da súa vida, que quizás fose o
alén. Tivo así a súa aparición en dous contos e cando eu estaba a escribir
sobre Eva un día apareceu na habitación dela, así polas boas, así xordiu.
Que sería do ser humano sen a
imaxinación?
—Unha cousa aburridísima. A imaxinación é o que permite transformar o
mundo. Permite imaxinar o que non existe aínda, sin ela estariamos moi mal.
Sente Marina Mayoral a presenza
dun anxo ao ser arredor?
—Non, xa me gustaría a mín ten un anxo así protexéndome.
Que lle permite a presenza dun ser
como un anxo na novela?
—Pois que apareza na vida ordinaria o extraordinario, a mín eso é algo
que me interesa moitísimo. Porque a vida, a parte das cousas nas que podes
crer, que podes apalpar, hai experiencias, vivencias, cousas moitas veces que
son incomprensibles. Eu chámolles un misterio, ou cousas que non teñen
explicación. Aquelo que non se pode explicar racionalmente, como na película de
Kubrick, ‘2001: unha odisea do espacio’, cando aparece aquel monolito. A mín
eso interésame moito, e neste caso apareceu un anxo e eu dixen, vale, que siga,
a ver como reacciona a xente ante esa aparición extraordinaria.
Ademais é un anxo non moi divino e
sí moi terrenal
—Neste caso é un anxo terrenal, moi sensual, moi erótico, pero o mesmo
podería ser a aparición dun ser extraordinario, máis divino, un milagro que
rompe a cotidianeidade. Tanto pode ser de aspecto trascendente relixioso como
non relixioso. Ahí tes a Santa Compaña, non é un mundo relixioso, pero sí
trascendente, vai máis alá da morte.
Fala do erotismo, tamén un aspecto
recurrente na súa obra
—Porque é algo recurrente na vida das persoas. O erotismo como falabamos
antes da imaxinación é o mesmo, se nos falla algunha destas cousas perdemos
moitas cousas da vida.
Supoño que lle preguntarán moito a
raíz deste libro, canto hai de Eva en Marina Mayoral?
—Pois é curioso, sí que mo preguntan e é algo que me sorprende, eu non
me sinto nada identificada con esa nena. Conto como aparece esa nena. Entre os
veciños en Madrid había unha rapaciña que tería once anos, a que eu sempre que
coincidía con ela no ascensor lle preguntaba “Qué tal no colexio?” e sempre me
dicía, ben, e nada máis. Pero unha vez, por tomarlle o pelo, eso pensaba eu,
pregunteille: “bueno eh qué, tes mozo?”. Ela botou unha sonrisa e dixo “Bueno
síííí”. Estaba encantada da vida de ter mozo, eu quedei tan abraiada que non
sabía que dicirlle máis, porque aquela cousiña tan pequena con mozo. E quedoume
esa idea na cabeza e que sabiamos moi pouco das nosas adolescentes. Eu teño
fillos e os rapaces maduran máis lentamente cas rapazas, así que me pusen a
ler, a observar ás nenas que se movía ao meu arredor, e unha vez pasoume unha
cousa que tamén incluín na novela (os que a lean daranse conta da anécdota).
Nunha biblioteca que hai perto da casa na que van moito chavaliños, unha vez
vin a unha rapaza moi pequena, cun rapaz maior ca ela ca estaba arrodeando cos brazos contra unha parede. E ela díxolle:
“Deixame, deixame”. Eu achegueime e pregunteille: “Hola pasa algo”. El púxose
firme e rápidamente baixou os brazos e ela dixo: “Estamos xogando”. Non me
acabo de facer á idea de que unhas mozas tan pequenas anden xa xogando con eses
xogos eróticos. E gustoume trasladar ese tema. Esas son pequenas cousas
autobiográficas, pero eu por exemplo non mintía, e Eva minte como respira,
cunha absoluta facilidade. A mín resultaríame moi sinxelo porque a imaxinación
mo permite
E que un relaciona a muller que
será escritora coa imaxinacion desa rapaza
—Eu si que imaxinaba dende moi nena. E escribín tamén de moi pequena. En
Mondoñedo xogabamos ás comedias. Se facían as comedias na praza da Catedral
ante o Bispo, e logo as nenas tamén xogabamos a facer as comedias. Eu inventaba
as historias e as miñas amigas as representaban, elas cantaban, eu non canto
ben. Pero insisto no de mintir eu nunca mintía, e nunca lle dixen unha
mintira a miña nai, é algo ao que lle
teño repugnancia, mesmo as mentiras piadosas me costa dicilas.
E
que hai de Marina Mayoral en Eva?
—É moi lectora, coma mín. Eu lía todo o que caía nas miñas mans, incluso
o que non tiña porque ler, xa que aínda non tiña idade para leelas. Neso sí que
nos parecemos moito as dúas.
Outro dos temas do libro que é moi
importante xunto a relación de Eva co anxo, e a relación entre os membros da
familia
—Sí eu quería reflexionar sobre o
mundo da realidade, que é esa relación coa familia: os pais separados pero que
parece que a nai segue enamorada del, o irmán coa súa noiva negra...ese é o
mundo da realidade, das cousas concretas. E logo está o mundo do anxo que é o
mundo do misterio. O mesmo anxo lle di: “Eu non estou seguro de ser un anxo”,
de feito a voz narrativa nunca lle di anxo, sempre lle di, “o ser alado”. En
certo sentido esa voz narrativa represéntame a mín
Como se atopa Marina Mayoral
nestes momentos no eido literario?
— Pois no fin do camiño. Na última volta que dicía Buñuel.
Sintes que aínda te quedan moitas
historias que contar?
— Non, teño moi presente a morte na miña vida. Sempre pensei nela e
agora véxoa moi preto. Non sei ata onde chegarei e se me dará tempo a escribir
máis libros.
Que importancia ten Galicia na túa
obra?
— É tan grande, eu teño a impresión de que todo ven daquí. A miña maneira
de entender a vida, as relacións humanas. Por exemplo con eso do erotismo, a
mín paréceme natural, ese sentimento, afastado do mundo relixioso. Por exemplo
cando se ten un fillo é unha cousa boa, unha compaña para a nai na vellez non
esa cousa Calderoniana da honra. A mín eso me vez de Galicia, de onde me vai
vir. Outra cousa, o alén, eu son agnóstica, pero teño unha postura de apertura
cara o outro mundo. Qué sabemos nós?, e eso tamén me ven de Galicia
E o humor?
— Sí, pero eso xa é máis tardío. As primeiras cousas que escribín facían
chorar as pedras. Eran tristísimas, e o de agora, tamén pero está contado con
humor. Foi un proceso paulatino.
A maior parte do tempo o pasa en
Madrid como ve Galicia dende alí.
— Sempre estiven ligada a universidade porque quixen ter a vida resolta
para poder adicarme a escribir o que me apetece, o que me gusta. Eu non fago
novela histórica porque non me gusta, escribo o que quero. Galicia non a vexo
con demasiada nostalxia, eu sempre digo que me levo a nube conmigo. Cando me dín
onde está Brétema (a vila imaxinaria na que sitúa as súas novelas), eu digo que
está dentro de mín. Está feita de cidades galegas pero vai conmigo. As miñas
primeiras novelas, que eran moi, moi neboentas, as escribín en Benidorm, baixo
un sol de xustiza, pero eu levo ese mundo galego no meu interior.
Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 30/06/2013
Fotografías: Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario