luns, 27 de outubro de 2014

A Corporación represaliada do 36

A Corporación Municipal de Pontevedra que exerceu o seu labor no tempo da II República, entre febreiro e xullo de 1936, rematou cando a sublevación militar levou por diante non só un sistema político democráticamente elixido polo pobo, senón a vida de moitas persoas, de moitas familias esnaquizadas no máis fondo da súa alma.



Non son bos tempos para o acordo entre os diferentes grupos políticos tantas veces afastados da realidade, da memoria dun pobo, e mergullados na cegadora procura de votos. Por iso é salientable o acordo por unanimidade rexistrado no último pleno do Concello de Pontevedra, no que, entre as diferentes liortas xa habituais, emerxeu un facho de honradez e honorabilidade. Unha luz que viña a alumear a aqueles escurecidos pola sinrazón do home e a  fratricida pelexa entre os que ata unhas poucas horas antes eran simplemente veciños.
Ese acordo municipal xuntou ao Partido Popular, Partido Socialista e a concelleira non adscrita, María Biempica, co BNG, na moción presentada por este partido para a restitución simbólica e a realización dunha homenaxe á Corporación Municipal e aos funcionarios do Concello de Pontevedra represaliados e destituidos como consecuencia do levantamento militar de xullo de 1936. Aplausos e loanzas a todos eles, así se fai un pobo, co recoñecemento sen miopías a un dos feitos más noxentos da nosa historia local.
Aquela Corporación que foi derrubada polas armas fora a elixida democráticamente polo pobo composta por unha diversidade de partidos que viña a visibilizar a efervescencia política daqueles anos da República que moitos non puideron aturar. Ese acto de rebelión colocou no lugar de todos eles a unha corporación antidemocrática, xurdida do ruido de sables e allea a vontade popular. O pior foi o que veu despois, o rastro de vileza a través da persecución e a represión violenta. Foi o tempo do medo e dos silencios esnaquizados polos estouridos ás ribeiras do Lérez ou dende as ladeiras de A Caeira en forma de disparos que enchían a sempre apacible atmosfera pontevedresa de arrepiantes sons tras os cales só as bágoas ás agachadas eran quen de amosar a repulsa e indignación polo que acontecía.
As eleccións de febreiro de 1936 repuxeron no seu lugar a unha corporación que fora substituída por una comisión xestora tras os feitos revolucionarios de 1934, como ben apunta Xosé Álvarez Castro no seu libro ‘Pontevedra nos anos do medo (Xerais, 2013). Estes feitos viñan a evidenciar as moitas tensións vividas en todo o Estado durante os anos previos ó alzamento militar, unha clima que facía presaxiar o pior, que foi o que ao final sucedeu. Eses tempos acubillaron no interior de moitas persoas sentimientos e desexos xurdidos da frustración e dun odio que derivou nese mes de xullo tráxico. Aquela coporación do 1936 que Xosé Álvarez Castro, e seguindo a prensa do momento, a resumía en 19 concelleiros, antimonárquicos, 7 monárquicos e 1 independente conformábase dentro desa xeneralidade con membros dos partidos republicanos, socialistas, obreiro-agrarios e entre os seus nomes os do alcalde, Bibiano Fernández-Osorio Tafall; o primeiro tenente de alcalde, Manuel García Filgueira, quen por ausencia do primeiro exercía naqueles días de alcalde; Francisco Tilve Rodríguez, segundo tenente de alcalde; Felipe Aparicio Díaz, terceiro tenente de alcalde; Marcelino Candendo Paz, cuarto tenente de alcalde; Manuel Gama Casalderrey, quinto tenente de alcalde e o síndico, Manuel Lorán Montes. Fuxidos, escondidos, multados e embargados os seus bens ou asasinados como os casos de José Acuña Gallego, detido e asasinado en Ponte Sampaio, ou Alberto Martínez Tiscar, asasinado en Bueu e fondeado na Ría de Pontevedra. Eles eran membros desa corporación, pero ao seu carón tamén houbo compañeiros que, formando parte dela, formaron parte desa mesma represión. Eles seguirán no esquecemento.
Pero non só foron cargos políticos os que tiveron que someterse a esa faciana escura, senón que moitos funcionarios do Concello tamén estiveron inmersos en diversos procesos. Xardiñeiros, barrendeiros, gardas, músicos e ata o coñecido arquitecto Emilio Quiroga, viron como a súa carreira freouse en seco e nalgúns casos a súa propia vida foi a que rematou, coma nos casos de Dionisio González Pérez, subcabo da policía local, ou Juan Milleiro, auxiliar de oficina ou o músico da Banda Municipal, Raimundo Rodríguez.
Dende o pasado luns estes nomes esquecidos voltarán a estar entre nós co gallo da homenaxe que se lle renderá como parte dun exercicio de xustiza. Ao longo do mes de novembro, mes no que a memoria de Pontevedra sempre lembra aos axusticiados o 12 de novembro de 1936, terán lugar diferentes actos para achegarse a aqueles feitos.
Non só serán os nomes dos aquí citados senón que hai moitos máis dos que coñeceremos a súa afouteza nas horas do horror, aquelas que quedaron sumidas no tempo como unhas páxinas nunca recollidas e visitadas polos que nos antecederon, pese a estar perfectamente recollidas nas actas do Concello de Pontevedra, o que amosa a podremia daquela terrible e eficaz represión xurdida dende o medo que se prolongou no tempo pero que agora ten, por fin, o tempo que merece.


Publicado en Diario de Pontevedra 26/10/2014
Imaxe: O alcalde de Pontevedra en 1936 Bibiano Fernández-Osorio Tafall (foto cedida pola súa filla Carmen Fernández Arruti)

Ningún comentario:

Publicar un comentario