«Rachade o encantamento co voso cálido aplauso e con xeneroso alento axudade ó meu veleiro ou fracasa o meu intento, que só era agradar.»
(Fragmento do epílogo de ‘A Tempestade’ de William Shakespeare)
Na abisal profundidade dos ollos de Hugo Torres afúndese a tempestade xenerada polo inesgotable talento de William Shakespeare. O Próspero que argallou a compañía Voadora emerxe da afouteza e a imaxinación á hora de facer teatro, pero sobre todo, ante o estrondo que supón enfrontarse cun texto emblemático no universo teatral. Non se arreda esta xente de Voadora á hora de facer o seu traballo, compoñéndose como un dos alicerces máis brilantes da nosa cultura, ao ser quen de abraiarnos montaxe tras montaxe. Sempre cun paso máis, sempre cunha aposta cara adiante sobre as táboas.
Este novo Shakespeare é fascinante converténdose nas súas case dúas horas de duración nun tormento para a mandíbula ao estar todo ese tempo coa boca aberta ante o que acontece. Un pasouse os últimos días relendo o texto orixinal e cavilando cómo lle meterían o dente a esta historia de traizóns, trasnos, feitizos e loitas de poder e facelo como adoitan facelo eles, cunha achega novedosa. Pois non tardaron moito en confirmar as expectativas e, dende a saída á escena do Pazo da Cultura, o pasado xoves, de Próspero, un xa queda enfeitizado polos trasnos burlóns que bulen ao longo da obra. Todo un prodixio escénico que sorprende pola posta en escena, a capacidade de imaxinar e fabular a partires dun texto orixinal que semella pechado dende a contundencia e o mito shakesperiano pero ao que a intelixente e a cativadora adaptación da directora da obra, a pontevedresa Marta Pazos, non fai máis que alentala para que medre dende a mirada do noso tempo, cun conxunto de actos que se enguedellan entre si dende unha potencia visual feita con non demasiados elementos pero que funcionan de xeito marabilloso e sen botar en falla grandes atrezos. Iso é o poder do maxín.
Nesas pasaxes inclúense elementos xa esenciais e definidores do traballo de Voadora. O humor, a música, o xogo entre o exterior e o interior da escena disolvendo esa parede invisible que moitas veces afasta ao público do que acontece tan só uns metros diante súa e todo iso mantendo un traballado equilibrio entre o texto clásico e a nova visión proposta. Un mar embravecido, o da linguaxe do autor inglés, do que se sae con bo tino e que se un despois de presenciala obra acode ao texto orixinal recoñece o respecto a el, así como o traballo de adaptación a todo o universo propio proposto dende a compañía.
Pero tamén, e dun xeito explícito, ademais do que vai acontecendo ao longo da obra, o mesmo teatro está en discusión. Nomear textos sobre a súa metodoloxía ou o traballo dese Próspero director teatral e tamén meter a man no que é a xénese do teatro, plantexando dúbidas e preguntas sobre as súas posibilidades. As canles, á vista está, son infinitas, só depende de quen as poña en valor. Adoitase a dicir que a forza dun creador reside non no que se conta senón no cómo se conta aquilo que lle interesa compartir co seu público. Acontece na pintura, no cinema, e como non, tamén no teatro. As eternas propostas de Shakespeare xa están inscritas no noso imaxinario colectivo, a riqueza de achegarse a elas é o de propoñer algo novidoso e que permita seguir a exploración das súas posibilidades. Como esa illa á que chegan os protagonistas de ‘A tempestade’, a illa que supón Shakespeare no teatro respira cos novos aires dende este revisión inxerida no hoxe e capaz de conectar cun público que ante o texto orixinal sentiríase ben afastado.
Voadora segue deste xeito voando coas súas obras, argallando imaxinativas apostas que a levaron en pouco tempo a ter un oco senlleiro no teatro que en Galicia leva tempo dando mostra de boa saúde, sempre máis polo bo facer das compañías que polos apoios que adoitan recibir, pero xa se di que o principal apoio ten que ser o do público, e Voadora aí ten un punto forte, a conexión con moita xente xoven que eles foron quen de meter nunha sala de teatro.
Próspero remata fora da escena con ese monumental epílogo xa baleiro de espíritos reclamando o ‘cálido aplauso’ e o ‘xeneroso alento’. De ambas cousas se levou a moreas de Pontevedra.
Publicado en Diario de Pontevedra 25/10/2014
Fotografía: Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario