Chega a miña amiga Cristina Prieto de Roma coa boca aínda aberta tras percorrer a capital italiana. Ateigada de belezas, de entre todas elas non deixa de falar da experiencia que significou entrar no Panteón. Cómo puideron facer iso?, non deixa de preguntarse un día tras outro. Eu intento facerlle chegar imaxes da súa posible construción e dunha conquista do espazo ata ese momento inimaxinable, ata o punto de converterse nun milagre arquitectónico que, aínda tantos séculos despois, segue abraiando a quen accede a ese cosmos entre máxico e divino. Esa é a gran achega da arquitectura, a de compoñer un espazo para ser vivido, para ser gozado, sentido, e tamén, como non, para ser lembrado coma ese ‘presente eterno’ que enunciara o historiador Sigfried Giedion.
Penso en todo iso cando percorro a exposición que, sobre a obra do arquitecto César Portela, se amosa no foyer do Centro Cultural Afundación de Pontevedra que el mesmo deseñou, e alí, entre esas maquetas que responden a outros tantos proxectos, a outros tantos soños, a outras tantas realidades, síntome coma un emperador romano ante o proxecto urbanístico dunha especie de cidade ideal. Auditorios, estacións, illas, faros, casas, museos, cemiterios, universidades... colocarse ante esa escolma de maquetas é moito máis que achegarse a unha especie de pequena mirada sobre a realidade. Cada unha desas maquetas é a resposta a un proxecto longamente meditado e a súa plasmación final dun xeito tridimensional que, ao levantar a cabeza, vexo materializado nesa outra apoteose espacial que, coma no Panteón, ten lugar nese foyer onde o aire faise arquitectura.
Nestes tempos nos que moitos arquitectos traballan dende unha condición espectacular do seu traballo, esquecendo a funcionalidade á que debe respostar esta disciplina artística e técnica, ver todos estes proxectos que alicerzan unha vida adicada a crear espazos, a facelos parte dunha comunidade que necesita deles como xeito de convivencia e mellora da sociedade na que se atopa inmersa, un entende mellor a importancia da arquitectura nas nosas vidas. Esa capacidade case divina que ten o arquitecto para xerar un lugar no que desenvolver as nosas vidas ten en César Portela un digno representante é, polo que nos toca, unha bandeira de orgullo que dende ás beiras do Lérez podemos axitar por todo o mundo.
A idea de adicarlle a el o I Mermorial Sesmero, plantexada polo Ateneo de Pontevedra e materializada por esa mesma asociación cultural, a Concellería de Urbanismo e o Colexio de Arquitectos de Pontevedra ven a outorgarlle ao homenaxeado esa pátina que o tempo e as miserias humanas tantas veces lle negan aos nosos veciños, o recoñecemento da comunidade da que forma parte. Terceira pata da Trinidade arquitectónica pontevedresa, xunto ao propio Alejandro Rodríguez-Sesmero e Alejandro de la Sota, Premio Nacional de Arquitectura e unha chea de proxectos sementados por todo o mundo, todo iso fala da súa importancia e tamén do descoñecido que, para moitos dos seus veciños é o seu labor. Moitos deles entran acotío no Mercado de Abastos, os seus fillos estudan na Facultade de Belas Artes ou van ao teatro nese mesmo Centro Cultural, descoñecendo quen foi a man que ideu todo iso ao tempo que se serven da súa arquitectura para que a vida lles sexa máis leve.
O fillo do debuxante Agustín Portela, persoeiro da Pontevedra xa mítica do pasado século, camiñará hoxe pola súa vila amosando o seu traballo. Todos vostedes poden achegarse a ese roteiro que percorrerá as súas pegadas na cidade e entenderán moito dunha arte que necesita da vivencia humana para ter razón de ser. Verán o que fixo e ao mellor lles fala do máis fermoso, do que está por facer. El soña coa recuperación desas marxes dun Lérez que se converte en mar, que mestura auga doce e salgada nesa bocana da ría na que as Corvaceiras bican A Puntada en Poio. Un espazo idílico, cunha chea de posibilidades, que o home se empeña en esnaquizar con atrancos coma aparcamentos, autopistas, fábricas ou recheos no mar. Ogallá algún día teña a oportunidade de cumprir ese soño, que será o de toda Pontevedra. Como soñou en Córdoba ou en Valencia, cidades nas que afundiu a súa sensibilidade para compoñer obras das que se sente especialmente orgulloso pola sintonía acadada con aquelas xeografías e as súas xentes. Arquitecturas entendidas como apertas entre pobos que collen o mellor de cada un para volverse espazos cheos de vida. Espazos da alma dun arquitecto.
Publicado en Diario de Pontevedra 11/10/2014
Fotografía: David Freire
Ningún comentario:
Publicar un comentario