«Chamádeslle violencia á nosa paixón pola verdade». Como lle pode quedar
o corpo a quen escribe isto, cando lle queda como lle queda a quen o le? A
frase, extraída do derradeiro poema deste libro, sacude ao lector e deixa no
ambiente a sensación de que a inocencia da poesía non é tal. Cando unha frase é
quen de provocar ese efecto derrúbase, dende os seus mesmos alicerces, esa
pretensión de moitos de facer da poesía un xogo declamatorio, con máis ou menos
pretensións literarias, afundíndose no seu valor primixenio de esculcar na
cerna do ser humano para amosar as súas miserias, os seus medos, as súas
inquedanzas; pero tamén os seus desexos, as súas ambicións ou os seus soños.
Nesa lea quere poñer orde María do Cebreiro para o que escorrega polas
páxinas de ‘Os inocentes’ un conxunto de poemas que pouco teñen de inocentes ao
chantarse ante o home para amosarlle o material co que está modelado.
A pertenza a un mundo e a un tempo agroman no poemario para artellar todo
este balizamento que, dende a linguaxe semella poñer ante nós un itinerario
sentimental no que buscar refuxio, pero, sobre todo, atopar explicacións as
dúbidas que acotío forman parte de nós. E forman parte para ben, xa que ese
ronsel dubitativo é o que nos fai máis fortes cando somos quen de enfrontarnos
as súas teimas acadando respostas. Respostas para as preguntas coas que María
do Cebreiro madura a súa experiencia poética, xa cun fondo percorrido pese a
súa idade, pero iso non a arreda para facer da vida o taboleiro da súa obra e o
das nosas reflexións. «A vida consiste en gañar e en perder a aposta ao mesmo
tempo», escribe. Pouco máis que dicir, entre a derrota e a vitoria nos movemos
nun fío moi feble que se pode crebar ante calquera xiro da vida. O imprevisible
é o que pode mudar todo, o que nun intre faga estourar, como castañas no lume,
a este home ou esta muller, se antes non picaron na súa pel un burato para
respirar o que acontece ao noso arredor.
A poesía permítelle a autora achegarse ao eu, evadíndose de todos eses aneis
concéntricos que nos rodean e confunden ante o que é realmente importante, e
que somos nós mesmos. Esa subxectividade prolóngase a cada un de nós nese
desexo de facer da poesía un berce morno, pero o resultado, antolladizo el,
decide ir por outro lado, ese no que a linguaxe marca o territorio dos
sentimentos supeditados á afouteza da poesía para definir o seu propio terreo.
Abofé que as intencións da autora foron outras, como atopar esa inocencia na
que coido que nin ela mesma confiaba, sabedora como é de que linguaxe e forma,
é dicir, a poesía, imponse como a hedra no valado para artellar a súa propia
paisaxe, a que constrúe ante nós como unha beizón colectiva.
Publicado en Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 5/10/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario