Palabras maiores cando nos achegamos ao
traballo de Agustín Fernández Paz. Sempre capaz de mergullarnos na súa escrita
chea de beizóns e de posibilidades que nos vai descubrindo cada vez que publica
un libro. O fixo con títulos como ‘Non hai noite tan longa’ ou ‘A viaxe de
Gagarin’, pero tamén o fai cando se afunde no que semella é unha das súas
paixóns literarias, os libros de misterio e ciencia-ficción. Se con ‘Cartas de
inverno’ o autor alicerzou un dos nosos piares dese xénero, a partires de aí
ese xeito de narrar e de construír historias cheas de inquietude e atmósferas
abafantes foise espallando en diferentes libros con cadansúas características.
Títulos como ‘As fronteiras do medo’, ‘Malos tempos para os fantasmas’ ou ‘Aire
negro’, móvense por eses vieiros do desasosego aos que se lles engade agora ‘A
neve interminable’, un relato que se artella dende un fato de narracións que
reflexionan sobre a construción do terror na literatura, pero que ao final
ábrenos unha porta inesperada cara un territorio sobre o que reflexionamos ben
pouco e iso que somos nós quen escribimos esa historia cada vez máis
terrorífica.
Un grupo de guionistas buscan
inspiración e o ambiente preciso para desenvolver o guión dunha serie
televisiva de misterio nun lugar afastado do ruido. Así chegarán ata un hostal
ubicado na Fonsagrada no que, ao pouco de chegar, comenzará a nevar. A partires
desta situación inicial o relato converterase en diferentes relatos, todos eles
cunha compoñente común, como é a do medo como inspiración e a inquietude como o
ámbito de traballo no que desenvolver unha historia. Cada un dos protagonistas
vai a escribir un relato na procura da inspiración común cara elaborar ese
guión que todos eles precisan. Pero cada unha das súas historias o que acada e
que nós, lectores, percorramos accións e situacións que nos levarán a
visitar eses espazos que a literatura é quen de construír sempre coa referencia
de autores fundacionais do xénero coma Lovecraft ou Edgar Allan Poe. Esta
diversidade permítelle a Agustín Fernández Paz novos achegamentos á escrita,
variando cuestións dentro de cada un, pero que lle serve para levar a cabo eses
ensaios, que ademais non descuidan o resultado final ao non entorpecerse uns
aos outros. O misterio, a inquietude, o desasosego... en definitiva iso tan
dificil que lle concede forza a calquera arte, como é a construción dunha
atmosfera, está maxistralmente resolto en cada un deles por un autor que ese
terror psicolóxico xa o traballa sumamente ben en ‘Aire negro’.
Como remate Agustín Fernández Paz aínda
se permite un xiro final, cando esa protagonista permanente ao longo do libro,
a neve, compañía silente, revélase como o gran medo co que si deberíamos tremer
nestes momentos da nosa existencia na que esquecemos o que é realmente perigoso.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso 24/05/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario