martes, 19 de maio de 2015

Abeizoada recuperación



É un dos grandes fitos deste Día das Letras Galegas. O da recuperación de textos esquecidos, de narracións que o tempo e o non prestarlles a atención precisa fixo que foran caendo no esquecemento. Hai moito disto na obra de Filgueira Valverde, un facedor egrexio da cultura galega dende os máis diversos dos seus recunchos. O seu labor como xestor cultural, dende o Museo de Pontevedra ata a primeira Consellería de Cultura de Galicia, fixo que a súa produción literaria se vise asoballada pola propia praxe física e intelectual dese quefacer institucional. Pero a carón del Xosé Filgueira Valverde pode presumir e vindicar tamén a súa obra narrativa, tamén heteroxéna como todo nel, pero con fitos salientables como ‘Os nenos’, ‘6 canciones do mar’, ‘O Vigairo’, ‘A monxa frade’, ‘Agromar’, ‘Auto de Santa María’ ou os nove tomos dos ‘Adral’ son proba de como a súa obra literaria tamén é merecente de agasallo nun día como este.
A editorial Galaxia leva traballando dende a designación de Xosé Filgueira Valverde como protagonista no Día das Letras Galegas na abeizoada recuperación deses textos aos que non é sinxelo achegarse. Trala edición de ‘Quintana Viva’ agora chegan arredor deste día tres obras singulares. A primeira, a que nos ocupa; e as dúas seguintes os dous primeiros volúmenes desta xesta do coñecemento chamada ‘Adral’.
Baixo a fermosa capa que acolle unha obra de Ovidio Murguía neste libro recóllense catro composicións ben diferentes entre si, o que ven a reflectir esa característica que pode extenderse a moitos dos quefaceres na vida do ‘vello profesor’, como o foi esa heteroxeneidade do saber e do coñecemento. O home ao que nada lle era alleo, tampouco na escrita, traballa dende a poesía, o teatro, ou a narrativa. Tres xéneros aquí acubillados e que presentan a un Xosé Filgueira Valverde que entende o galego como unha parte irrenunciable do ser humano. Un galego do que nos anos trinta defendeu de xeito intenso a liberdade das nais galegas para falarlle aos seus fillos no seu idioma, un dereito que no ámbito educativo levou ata as Cortes Franquistas para pronunciar alí as primeiras verbas nesa língua.
Forman o libro, ‘O vigairo’, un relato sobre a historia do mar de Pontevedra, daquela Moureira que deu a volta ao mundo para facer de Pontevedra o epicentro de Galicia coroada coa Basílica do Gremio de Mareantes. ‘A monxa-frade’, un curioso relato cheo de humor, e dúas obras de teatro: ‘Agromar’, unha auténtica xoia plantexada dende a mirada infantil, e as liortas entre rapaces da aldea e o rapaces da vila, porque eles os nenos, están «máis achegados á fonte da vida, senten máis fonda a chamada do ben e a magoa da falsía», comenta o propio Filgueira Valverde nun prólogo cheo de gabanzas. E a derradeira peza, tamén de teatro, ‘Auto de Santa María’, unha obra de teatro litúrxico medieval arredor da Asunción da Virxe María.


Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 17/05/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario