Rue Saint-Antoine nº 170
O Museo de Pontevedra propón ata o 30 de agosto unha
reflexión sobre a paisaxe como escenario habitual das nosas vidas. A partir
dese escenario doce artistas farán as súas propostas para reflectir coa súa
obra como é esa relación entre quen a menudo é o seu máximo depredador, pero
tamén quen saben que nel pode estar a felicidade
GALICIA É pura paisaxe. Pura relación entre os seus habitantes e unha
contorna chea de matices e posibilidades para vivila como unha experiencia
sensorial, pero tamén artística. Unha das bondades que ten a arte, e os
artistas, é a de poder achegarse á realidade e convertela nun fragmento íntimo
que recolle todo aquilo que esa paisaxe lle pode suxerir ao artista. ‘En (re) torno a paisaxe’ búscase
precisamente iso, enfrontar a unha selección de artistas con ese ámbito natural
ao que estamos afeitos dende que somos pequenos, co que nos relacionamos ao
longo de toda a nosa vida e que vemos cómo se transforma ou modifica, ás veces
de xeito natural, e outras, probablemente ás máis, e de xeito lamentable, pola
incursión do insensible home.
Baixo o comisariado
de Paula Cabaleiro os
doce artistas plantexan a súa saída ao exterior e o seu regreso ao interior do Museo
dende unha reinterpretación contemporánea e chea de motivacións para o
espectador que (re) interpreta a paisaxe a través da propia visión do creador.
Para levalo a cabo o artista hoxe válese das inmensas posibilidades que a
expresión artística lle permite para (re) inventar un xénero artístico, abofé
que o primeiro que motivou ao home a facer arte. A representación da natureza
dende a prehistoria converteuse nun punto de experimentación para pescudar nesa
relación entre o home e a súa contorna.
Doce creadores galegos, diversos, en estilos e xeracións,
converxen para artellar este novo ecosistema. Percorrelo e saber o que se
agocha baixo ás súas sensibilidades converte esta visita á exposición nun
espazo para a reflexión, onde cada obra ten o seu lugar sen interferencias
entre elas facendo desta visita un momento moi agradable. Cada un dos artistas
protagonistas teñen tamén a súa propia vivencia ou experiencia sobre o vivido
fronte á natureza, a esa paisaxe cos leva envolvendo dende que naceron e da que
comprenden a súa importancia como berce dunha identidade común.
Elena Fernández Prada acude a dous escenarios clásicos da historia da arte. O inferno
e o paraíso. Paisaxes que se transforman para dende a pintura, e dende a idea
da paisaxe que se facía nesas pinturas, achegarnos dúas imaxes, do presente,
dúas paisaxes, unha dese terror mediático ao que xa estamos afeitos, e outra
dese paraíso dun pracer sinxelo, de pés e pernas en contacto co céspede.
Fernando Casás non representa á
natureza, senón que nos presenta a esa natureza a través dunha serie de
fragmentos que se dispoñen ao longo dunha parede. Unha espectacular peza na que
a natureza fálanos de xeito directo para que vexamos como nun fragmento reside
unha fonda capacidade de suxestión.
Jorge Perianes cautívanos dentre a entrada da exposición coa súa peza. Unha
peza que nos reclama como a abellas pola súa beleza, polo que é quen de facer
para conquistar o espazo onde se fixo esta obra ex profeso polo propio autor
que a foi rematando unha vez aberta a exposición para que o espectador formase
parte tamén dese proceso íntimo do creador aquí aberto ao público, como esa
natureza que se abre entre as fendas para atopar o seu lugar.
Manuel Sendón colócanos ante nós mesmos. Ante esa paisaxe made in Galicia de casas a medio facer, de
espectaculares vistas colapsadas, de aberracións urbanísticas e paisaxísticas que, aínda así, son quen de acadar un certo punto de
beleza ao formar parte dunha paisaxe que as captura e as integra nas súas
posibilidades.
Ruth Montiel fai que miremos cara o ceo, facendo visible o invisible, unha
contaminación que descoñecíamos pero que é real.
Carmen Nogueira traballa na paisaxe urbana, na relación entre arquitecturas
recentes e as que se atopaban nesa paisaxe e se atopan aferradas á memoria dos
seus habitantes. Estudar a relación das vivendas da rúa Serra co propio
edificio do Museo é construír unha nova paisaxe dende o contacto humano.
Lois Patiño mergulla no seu cine a natureza cun papel protagónico. Aquí
primeiro a auga e despois a terra, redimensionan a nosa posición nesas
cosmoloxías.
Carla Andrade abre o fascinante foco das súas fotografías á inmensidade
vertebrada por un camiño onde se coloca o visitante como parte do seu propio
itinerario pola natureza.
Vari Caramés enche de misterio este percorrido, a súa fotografía, impoñente,
énchenos de dúbidas e de preguntas sobre que acontecerá ao dar a volta nese
camiño.
Sara Coleman texe a paisaxe. Fía unha orografía que colga do aire pero que
baixa á terra para que atopemos diferentes percepcións dalgo tan endeble coma
nos pode parecer pero que logo se revela como un descubrimento.
Pamen Pereira, fusiona diferentes elementos naturais pero marabíllanos con ese
frasquiño de perfume paisaxístico que está a nosa espera. Un tempo suspendido
pendente de suceder e de evocar.
Iago Eireos, sorpréndenos coa súa capacidade de suxerir, de facer da pintura
un espazo do que fluír elementos para compoñer unha instalación impactante.
Doce paisaxes arredor dunha gran paisaxe, a dunha terra que é paisaxe e
tamén inspiración para estas doce miradas fascinantes.
Publicado no Diario de Pontevedra 18/08/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario