sábado, 8 de agosto de 2015

Pontevedra. Boa Vila

Pechado nun libro VI


Levo todo o verán amosando a personaxes pechados en libros. Vidas que se condensan entre páxinas e páxinas para reflectir o que foron e o que fixeron na súa vida, pero neste día tan especial para a miña cidade ese personaxe non pode ser outro ca propia cidade, unha Pontevedra que é moitos personaxes,  protagonista de libros, pero que, como en poucos, contense nun deses libros co que o Concello tería que agasallar a cada persoa que se inscribise no censo municipal. O ‘Pontevedra. Boa Vila’ que en 1947 saiu do prelo da pontevedresa Gráficas Torres é o maior tratado de pontevedresismo que, aínda hoxe, tantos anos despois da súa edición, nos podemos atopar.
Adentrarse neste libro é tomarlle o pulso á cidade, a moito do que hoxe celebramos como comunidade que se enche de ledicia ao longo da súa semana de festas. Nestas páxinas atopamos un conxunto de textos deliciosos firmados por nomes tan vencellados á cidade como Manuel Cuña Novás, Prudencio Landín, Antonio Blanco Freijeiro, Sabino Torres, Antón Fraguas, Juan Novás, Iglesias Vilarelle, Amancio Landín, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Filgueira Valverde, Isidoro Millán, Borobó, Ramiro Sabell ou Ramón Cabanillas entre outros, e cun prólogo firmado por Francisco Javier Sánchez Cantón. O culpable de enguedellar estes textos e esta nómina de autores foi o debuxante Agustín Portela que ilustra cada un deses textos do xeito tan marabilloso que adoitaba facer e que moita xente hoxe descoñece, de aí a necesidade de revisar a súa obra como ilustrador, debuxante ou pintor. Agustín Portela deixou con esta obra un itinerario vital e sentimental para entender o sustrato que se destila entre as pedras húmidas desta vila e as súas néboas filtradas pola luz dun sol que asoma en días como o de hoxe, no que os foguetes, o repenicar das campás da Peregrina, os traxes rexionais, as apertas cos que voltan a súa casa, as larpeiradas de Solla, as corridas de touros, o xantar dos Amigos de Pontevedra, os sons da charanga, os carruseis e as tómbolas, o baile do Liceo Casino... compoñen un ecosistema no que a alma pontevedresa ponse a mil por hora e burbulla de xeito torrencial.
Rincóns de Pontevedra, personaxes, lendas, festas... todo iso e máis agóchase nestas páxinas nas que nos podemos atopar dende a Praza da Leña ou a Fonte dos Tornos ata os Mariñeiros da Moureira, o Orfeón, o Loro de ‘Don Perfeuto’, e como non o Rei Urco, o meigallo no San Cibrán, as Corridas de Delfines ou as Festas da Peregrina, das que Ramiro Sabell escribe: «Llegado el día de la fiesta mayor, la hora de las doce anuncia el triunfo del júbilo popular. Ante la curva fachada del templo se desborda la alegría de la multitud. La plaza se llena de alborozos, en lo alto repican las campanas cantando la gloria de la Madre de de Dios, miles de cohetes rasgan el cielo azul y revientan en voces atronadoras el cielo de un día de agosto, que se hace más luminoso y radiante cuando músicas y gaitas alegran la fiesta y extraños reyes gigantes e inquietos cabezudos, rodeados de asustadizos niños llegan al lugar para pasmo de grandes y chicos, y diversión y contento de todos». 
Todas elas brillantemente ilustradas por Agustín Portela quen lle adica o libro «ao meu pai, quen soubo inculcarme o seu apaixoado amor por Pontevedra». E é que este libro transmite precisamente iso, amor por unha cidade, por ese camiñar diario por ela e por todo o que a sustenta ao longo dos séculos. Unha chea de historias que a moitos hoxe lles poden semellar parvadas, cousas de vellos, pero nas que un pode gozar do que é unha identidade común e un sentir, moito do que nos diferencia doutras vilas e pobos e que é o que converte a Pontevedra nunha poboación especial que ninguén dos que nela nacen cambiría por outra e que de vivir fóra sempre se teñen os cinco sentidos pendentes dela, así como dun regreso, aínda que sexa só por unhas poucas horas, e da que, os que se achegan nalgún momento da súa vida son incapaces de esquecerse.
Arrinca a Semana Grande, a semana na que a cidade é gozo e lecer. Participen dela, sintan o que é unha vila cómplice coas xentes de aquí e de fóra, cunha vila feita para estar a carón dun océano e abrazada por un río, pero tamén por un feixe de historias como as desta ‘Pontevedra. Boa Vila’.

Publicado no Diario de Pontevedra 8/08/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario