xoves, 5 de novembro de 2015

CGAC. De Arissa a Vallhonrat

A Recuperación de Arissa
A Fundación Telefónica desenvolve nos últimos tempos unha plausíbel tarefa de recuperación da obra de grandes fotógrafos que recollen parte da nosa memoria. Un deles, o catalán Antoni Arissa, chega ao CGAC como evidencia do que supón ese esquecemento

'En la feria' (1930). Colección Fundación Telefónica

O SEU nome é Antoni Arissa. Abofé que un descoñecido da fotografía, sobre todo para o público en xeral, e ao que agora o Centro Galego de Arte Contemporánea en Compostela recupera grazas ao labor feito pola Fundación Telefónica. Un labor de posta en valor, de resurrección dunha obra esquecida e ata abandoada. De feito gran parte destes materiais atopáronse de xeito casual nun mercado, e a fortuna, e o bo ollo dun comprador rescatounos do esquecemento. A Fundación Teléfonica leva moitos anos traballando na recuperación de fotógrafos cuxa obra quedou esquecida e maltratada polo tempo, a falla de sensibilidade e a ignorancia, todas elas a partes iguais, sepultaron a moitos nomes que desenvolveron unha máis que meritoria tarefa. A destrucción de arquivos ao longo da Guerra Civil e o perecedero dos materiais precisos para a fotografía acabaron de compoñer esa faciana de perda e esquecemento.
Con Antoni Arissa o CGAC arrinca a nova etapa baixo a dirección de Santiago Olmo, obrigado a compoñer unha axenda que comece a poñer en marcha a maquinaria que precisa un centro destas condicións. Facelo cunha exposición destas características, ademais do propio valor formal e artístico da mostra, que é indubidábel, permite poñer en pé unha das liñas de actuación que levará a cabo o museo como é o de traballar dende a memoria como un xeito de coñecemento do pasado, e a súa precisa revisión dende a actualidade. Unha memoria que repousa nas imaxes de Antoni Arissa como a radiografía dun tempo e de diferentes xeitos de entendela fotografía. A mostra artéllase en tres estacións, en tres momentos vitais e temporais que se explican dende diferentes miradas dende a tradición da fotografía. Un primeiro momento, entre 1922 e 1928, no que o pictorialismo define a imaxe dende a mirada á paisaxe e o encadre da realidade como unha pintura. A luz, a natureza, o mundo rural, as figuras na paisaxe protagonizan ese momento que co paso dos anos iríase acomodando nunha maior modernidade provocada pola vida urbana, a literatura, o pensamento... Neste segundo momento o fotógrafo achégase aos ismos da arte da época e a súa mirada enriquécese con puntos de vista novos e arriscados, lecturas da realidade cotiá, imaxes nas que reflicte a vida dun tempo novo. Son os primeiros anos trinta e a figura acada unha maior consideración. É a vida da cidade, das rúas, dos comercios. Tamén dos traballos no porto e dos interiores das vivendas. Fragmentos dunha vida cotiá revestida dese realismo social que caracterizou aquel intre.
'Conversación' (1923-1929). Colecc. Teléfonica
Nun terceiro momento o fotógrafo amosa unha forte madurez, un discurso artístico pleno, que fala de xeito directo coas vangardas artísticas. A nova obxectividade, os achádegos da Bauhaus, o mundo do deseño... impresións que Antoni Arissa coñecía de primeira man xa que traballaba na imprenta familiar na barcelonesa rúa Caspe dende a que estaba perfectamente informado do que acontecía na Europa do momento a través de diferentes publicacións. As fotografías desta derradeira etapa son impactantes pola contundencia acadada do que pode semellar anecdótico. Obxectos, elementos publicitarios, lámpadas, tipografías... enchen as súas fotografías dunha mirada chea de afouteza e afastada de complexos. Artéllanse así pequenos escenarios case teatrais nos que as luces participan desa exaltación do cotiá e do anonimato.

‘Arissa. La sombra y el fotógrafo’, é todo un descubrimento. Unha achega a un nome esquecido e agora actualizado que ademais exhíbese dun xeito moi atractivo, en boa medida pola calidade das imaxes e da súa reproducción, algo que non ven máis que a incidir nas bondades como fotógrafo dalguén do que ata hai ben pouco descoñeciamos a súa existencia.


Desafíos na montaña con Javier Vallhonrat



INTERACCIÓNS é a mostra que dende o pasado xoves pódese ver no CGAC ata o 31 de decembro. Unha exposición comisariada polo propio director do centro, Santiago Olmo e que chega a Compostela tras amosarse no Museo da Universidade de Navarra.
52 fotografías, 7 vídeos e unha vídeoinstalación cos que o seu creador, Javier Vallhonrat, desenvolve un proxecto artístico mergullado na natureza e o seu achegamento a unha montaña como gran totem da experiencia co medio.
Esa experiencia reflictirase dende cinco bloques temáticos que expoñen nocións coma as do itinerario, a desorientación, as catástrofes, o refuxio e a metereoloxía. Cinco puntos de paso que miden a relación, dende a fascinación á incerteza, que plantexa o achegarse a un medio natural agreste.
Esta experiencia xorde a raíz dun proxecto anterior no que Javier Vallhonrat participou, ‘Tender pontes’, no que lle chamaron a atención dúas fotografías realizadas en 1853 por Joseph Vigier do macizo da Maladeta, no Pirineo oscense. Ese é o punto de partida para, dende unha imaxe primixenia, e case inaugural do xénero documental e da propia fotografía, estruturar unha aposta artística que vencella ao home coa contorna natural. Un desafío permanente dende o que o artista reflexiona sobre esa tensión entre a inmensidade, o inabarcable, e a necesidade de control do medio polo ser humano, aínda que todo o que acontece sirva para definir outra variable como é a nosa vulnerabilidade. Algo que se podería extrapolar a circunstancias da vida lonxe da natureza ou en estados de acoso como os que nos plantexou e plantexa aínda a nosa sociedade. 
Soedade, silencio, frío... toda unha poética capaz de xenerar numerosas lecturas no espectador, nese camiñante na natureza.




Publicado no suplemento 'Táboa Redonda'. Diario de Pontevedra y El Progreso. 1/11/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario