martes, 15 de marzo de 2016

Encadeados ao nome do vento

Rue Saint-Aintoine nº 170
Poesía O novo poemario de Alexander Vórtice ‘Atrofiadas as estrelas’ é unha mirada desalentadora sobre nós mesmos, onde só a caricia ou a pel doutro corpo semella resistir como un refuxio para a esperanza. Mergullarse neste poemario é un incendio dos sentidos que se complementa coa gran achega da delicadeza pictórica de Antón Sobral.



Collo un dos comezos dos poemas acubillados no último libro de Alexander Vórtice, poeta de noites en vela e versos de veludo. Tocou ese, pero podía ser un calquera dos moitos que un gravaría a lume na súa pel para pescudar un poemario abondoso de caricias, pero tamén de rañaduras.
Non é doado enfrontarse a este mundo dende a percepción dun poeta, cada día vóltase un ‘tour de force’ contra unha sociedade baleira, pero tamén contra un mesmo, contra ese alguén que tenta converter en palabra, aliviando a decepción, o que esta sociedade insolidaria e covarde fai co ser humano, e do que boa culpa temos todos nós. Esa loita do día transfórmase pola noite en verbo, en acción de escritura como xeito de resistencia, un berro na noite escura que se fixa no folio como un faro dende o que continuar camiñando polo seu raio de luz.
Jesús Rodríguez de día. Alexander Vórtice de noite. Ambos levan dez anos escribindo este poemario, este rastro de esperanzas desesperanzadoras, de faíscas a piques de ser lumarada que só precisa dalgo tan aparentemente sinxelo como é o contacto con outra pel. O aloumiño convertido en ignición para a nosa redención. Nesa caricia condénsase todo: o amor, o cariño, o medo, a tenrura, a paixón, a soidade, a desilusión, a mágoa, a felicidade... todo iso é o que fai deste poemario un devagar, un camiñar paseniño polos corpos e almas da nosa especie. Cada poema que emerxe neste océano de tactilidades é unha confesión na que un poder ir e vir, estar e saír,e case tocar, a palabra convertida nese veludo que lles comentaba ao principio. Son poemas polos que se pode pasar a man, nos que un pode chegar a calibrar un latexar íntimo que non se pode resistir a esa íntimidade do desacougo. Poemas que precisan de osíxeno ao seu arredor para alumear como o facho dese faro, á pescuda de nós mesmos. 
Nesa pescuda é na que anda dende hai moito tempo Alexander Vórtice. El, que aínda hai ben pouco asomaba por estas mesmas páxinas cun titular apocalíptico: «A poesía está a morrer e a nós queren converternos en códigos de barras». «Más renazca la muerta poesía», bramó Dante ao comezo de ‘La Divina Comedia’, e aquí seguimos de loito pola poesía e ela agromando dende esas bágoas dos poetas, cada vez máis forte, cada vez máis necesaria e cada vez máis precisa co que nos quere contar. A precisión que nos achega Alexander Vórtice é a precisión da noite, do acougo, de quen escribe coa quietude da auga trala tempestade do día. «Lentes de poeta durmidos na mesa», «Eiquí os dous somos adictos á escuridade», «Avanzo camuflado entre as sabas»... máis comezos de poemas que nos levan ata esas calmas noctambulas das mareas. O punto de arrinque para o abrollar dos sentimentos, para escorregar entre as palabras o pandemonio do día a día agora domesticado pola escritura e a mirada do poeta. El que choraba pola poesía e a poesía é a que o salvou.
Así é como imos debullando cada un deses poemas, unha arañeira na que nos deixamos envolver ben a gusto porque ao fin e ao cabo todos precisamos desas caricias, dese tacto de veludo que a palabra achega para que a pel non estea tan lonxe, para que nos sintamos necesarios uns cos outros.

De xeito intelixente Alexander Vórtice non deixa eses poemas á intemperie, os mesmos que falan de corpos e de turxescencias, como non van a precisar dun sustento firme? E poucos mellores que os que xorden do maxín de Antón Sobral, pintor que fai da pintura unha ledicia compartida. Un ritual festivo de cores e liñas repleto de sensualidade e momentos para o goce. Pintor de mares e océanos, algún dos cales ata leva o seu propio nome, agora o océano é o corpo espido de muller, a síntese enfebrecida dunha paisaxe humana, tenra á vez que afouta, sinxela ao tempo que complexa, unha estrutura humana monumental e que agora o artista é quen de converter nun vento feble, nunha brisa morna que envolve a todos estes poemas coa visión destes trazos mergullados en cores. Augadas do desexo que converten a palabra en presenza, en corpo de muller.
‘Atrofiadas as estrelas’, publicado pola editorial Discursiva, amósase como a imperiosa necesidade que ten o poeta por traducir o seu mundo. Ese espazo físico no que se atopa inscrito e que dende a palabra acouga os seus demos para propiciar entre o lector a necesaria reflexión sobre nós mesmos. Xunto con Antón Sobral conforma un itinerario poético no que ambos móvense como dúas brisas, dous ventos que se encadean para xunguirnos ao misterio da poesía. Un misterio que ilumina a noite.



Publicado no Diario de Pontevedra 14/03/2016
Ilustracións a cargo de Antón Sobral

Ningún comentario:

Publicar un comentario