martes, 1 de marzo de 2016

Fragmentos

Rue Saint-Antoine nº 170
Escultura A Galería About-Art acolle ata o 8 de abril as novas pezas propostas pola artista Alejandra Sampedro a partir da súa relación co mar, ou mellor dito, co que o mar devolve ás costas tras engulilo durante máis ou menos tempo. Un exercicio plástico que navega entre a memoria, a recuperación, e o reaproveitamento do que deixou de ser.



«Restos de naufraxios ou cargas dos barcos que o mar arrastra ata a costa». Así define o diccionario da Real Academia Galega a palabra creba. Na experiencia artística de Alejandra Sampedro creba podería entenderse como a unidade mínima de significado, a parte máis pequena dun discurso que converte a arte en toda unha acumulación de sentimentos recuperados do vaivén das ondas do mar, das escumas axitadas polo tempo, pero sobre todo, da memoria daquilo do que puideron formar parte cada dun destes fragmentos.
A escultura de Alejandra Sampedro é unha escultura fragmentaria, unha sorte de acumulación de restos do naufraxio reaproveitados e reasimilados como parte dun plantexamento creativo no que leva traballando dende hai moito tempo. Cada vez máis confiada no que fai, e máis madura na súa proposta, as súas pezas non deixan de sorprender polos efectos plásticos acadados dende un material que esta sociedade xa desbotara como parte do seu proceso. Unha nova mirada ao arte póvera que reaproveitaba aquilo que xa non lle valía a unha sociedade cada vez máis farta e con pouca atención ao medio ambiente. Aquelas pezas que xurdiron nos anos sesenta ou setenta berraron contra un mundo que comezaba a aplicar un capitalismo atroz e unhas maquinarias de consumo que ben cedo se lle atrancaron na gorxa a moitos artistas que procuraban unha maior pureza e sinxeleza, ademais de artellar un discurso de denuncia desa actitude da sociedade. Alejandra Sampedro vai a sublimar esa proposta coa poetización do que fai, coa escolla meditada duns fragmentos que si, son refugallos, máis acadan unha beleza propia, así como a poética da salvación dende o mar que aqueles artistas, moito máis salvaxes, non acadaron, e abofé que nin pretenderon acadar. Así é como as pezas de Alejandra Sampedro non nos provocan rexeitamento, senón que xorden como pezas atractivas e ata cheas de beleza. Superficies que invitan a botar a man, a entrar en contacto co material, a tentar, como se fosen unha caracola, a escoitar aquilo que nos teñen que dicir. Cal foi a súa vida anterior? Quen os tivo entre as súas mans? Como chegaron ata aquí? Unha chea de preguntas que parecen xurdir do interior destas pezas que as veces ata se volven brincadeiras e xogan a confundirse con outras obras de arte. A imitar pezas xa consagradas as que elas tentan semellarse, como se esquecesen que elas veñen do baleiro, do pozo escuro dunha sociedade cos desbotou. 
Pero nesas crebas hai tamén unha punto de ignición inesperado, como é o da memoria. Aquel que xorde como parte dunha localización e unha experiencia concreta, como é o entorno do vello faro de cabo Silleiro en Baiona, no que traballou o avó de Alejandra Sampedro, e a experiencia da procura desas crebas como alicerce da infancia, do desafío ao tempo de horas perdidas a carón dun mar ao que Alejandra Sampedro acostumouse a escoitar, pero sobre todo a tela paciencia para esperar aquilo que o mar indultaba do seu interior. Restos de cerámicas ou vidros, da nosa contorna, ou traídos polas correntes que chegan ao sur da nosa provincia traendo elementos das máis insospeitadas procedencias.
Alejandra Sampedro a través dunha das súas pezas
O tempo e o mar encargáronse de facer o primeiro traballo ao deixar a súa pegada en cada un deses fragmentos, a pulir co cincel das ondas as súas superficies xa casi preparadas para que a artista lles conceda unha nova vida. Agora toca buscarlles o lugar axeitado, a composición xunto ás demais crebas, a análise da superficie e a figura a compoñer. e é entón cando medra unha nova escultura, a aposta dunha muller para relacionarse co mundo dende un discurso, o escultórico, que ten nela a unhas das súas máis arriscadas expoñentes na nosa actualidade.
Así é como vai agromando todo un bestiario de seres abraiantes, cheos dunha forza que abofé provén deses fragmentos doutras vidas, como se cada anaquiño depositara a súa forza anterior, casi telúrica, en cada nova creación, en cada novo avance. As súas figuras van acadando, deste xeito, novas conquistas con diferentes formulacións a través dunhas poses sorprendentes  capaces de xerar un espazo fascinante polo que ten de triunfo da imaxinación. Un chega a sentirse observado entre todas elas, como se quixeran formar parte deste mundo ao que as trouxo a súa creadora. A intelixente distribución das crebas permite abondar neses novos aspectos dunha escultura que nunca deixa de sorprender.
Con este novo mar de crebas Alejandra Sampedro continúa a afondar no seu proxecto, nese que lle levou a participar xa en diferentes exposicións individuais e colectivas dende a súa presentación en 2011 na Mostra Novos Valores da Deputación de Pontevedra. Ela segue a xerar novas formas, a facer deses anaquiños fragmentos artísticos que buscan ser parte dunha nova existencia que procura a nosa emoción e bendice o noso contacto como público.
Cada vez máis coñecida, aqueles que aínda non viron as súas pezas teñen nesta mostra na Galería About-Art na rúa Pasantería unha boa oportunidade ata o 8 de abril para deixarse levar por unha proposta complexa nas súas pretensións, pero que, a vista do feito, sitúanos ante unha maneira de facer e de entender a arte con infinitas posibilidades e aínda un longo percorrido. Alejandra Sampedro sábeo e de aí a súa confianza nas súas posibilidades e nesas pezas xurdidas do fondo do mar, da memoria dos tempos, da autosuficiencia como sociedade constituíndose como unha achega máis deste tempo que se reflicte nos seus fragmentos.




Publicado no Diario de Pontevedra 29/02/2016
Fotografías Juanjo Sánchez

No hay comentarios:

Publicar un comentario