Cando
Castelao chega a Pontevedra en 1916 xa levaba once anos signficándose dentro do
eido artístico, buscando un territorio plástico no que desenvolver o que el
entendou que sería a súa actividade máis senlleira, a de creador.
A
partir do tempo daquela primeira obra asinada por el, ainda que co nome de
Daniel Rodríguez C., arrinca esta mostra que nos plantexa o primeiro itinerario
artístico dun creador que comezou un labor que evolucionou ata servir de plataforma
de expresión para visualizar as súas arelas políticas e ideolóxicas. A
cristalización desa idea de que a arte pode servir como xeito de concienciación
dun pobo comeza a desenvolverse en Pontevedra coa realización do Álbum Nós en
1916, expoñéndose por vez primeira en 1920. Ese paréntese da súa vida, o que
vai entre 1905 e 1920, é o que se acolle nas paredes do Sexto Edificio do Museo
de Pontevedra, especialmente engalanadas para a ocasión nunha montaxe que honra
a quen tanto fixo por Pontevedra e tamén polo propio Museo, agora fiel custodio
de gran parte do seu legado.
Este
tempo amosa varios elementos que serán cruciais ao longo da súa traxectoria
artística. O primeiro deles, a súa grandeza como debuxante, a capacidade de
artellar todo o andamio da obra de arte a partir do seu dominio do debuxo.
Absolutamente maxistral nos seus apuntamentos, cheos de sinxeleza e
gracilidade, esa valía permítelle converterse nun gran caricaturista e nun
fantástico ilustrador. De todos estes territorios temos boa conta na mostra,
debuxos aos que un se achega dende a fascinación do pequeno, e cómo unha
pequena ilustración ou escena pode ter a mesma forza cun gran lenzo. En moitas
destas obras comezamos a recoñecer elementos formais que serán tamén
recurrentes ao longo da súa obra: os cruceiros, os piñeiros, as romerías, os
valados de pedra, as construcións tradicionais, os personaxes. Achegas á unha
paisaxe que serven para empatizar co espectador, para facelo tremer a partir
desa familiaridade coa contorna. Toda esa dimensión aumenta en canto pasamos ao
lenzo, o cuadrilátero no que se mide o pintor, o que desexa ser pintor, como
Castelao o desexou dende novo, cando se afasta da súa carreira de mediciña e
decide que a arte era o lugar axeitado para moverse polo mundo, algo que
recolle moi ben o cartaz que nos presenta a exposición cunha imaxe do propio
Castelao coma un Velázquez, o orgullo do pintor fronte á modelo, mirando ao
espectador, dinamitando as dimensións do cadro, en definitiva, sentíndose
artista.
Neses
lenzos, nos que aquí, como nunha sorte de milagre artístico, atopámonos con
toda a súa produción en gran formato, temos a súa real dimensión como pintor. O
que parte do debuxo como alicerce da obra, o que compón o cadro nunha sucesión
de planos que van do protagonismo dos seus personaxes principais ata o fondo no
que a paisaxe o envolve todo. Os seus ‘Cadros de cegos’, ‘O emigrante’ ou ‘O
regreso do Indiano’, amosan o seu coñecemento da historia da pintura, as súas
visitas ao Museo do Prado, a súa admiración pola pintura flamenca, o detalle, o
punto de vista alto sobre os fondos verdes. Puro Patinir. Pura pintura.
Publicado no Diario de Pontevedra 31/03/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario