xoves, 9 de xuño de 2016

Agrupar/desagrupar

O CGAC acolle ata o 26 de xuño unha desas exposicións precisas para entender a nosa realidade artística, xurdida do paradigma da creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e a achega do Atlantismo.

'A aldea pantasma' (2011) de Jorge Barbi. CGAC

PERMITE O tempo pasado dende a implantación da Facultade de Belas Artes en Pontevedra facer certas lecturas necesarias sobre o seu papel dinamizador da arte en Galicia. Forxa de creadores, con máis ou menos ventura nun territorio sempre complexo, e asoballado por unha sociedade acostumada a marxinar todo o que supoña actividade artística, e non digamos xa, se ese arte ten que ver co hoxe e as percepcións dos creadores máis actuais.
Os comisarios da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, veñen dende hai un tempo desenvolvendo ese traballo de relectura do feito dende aquel ano de 1990, pero o fan, non tanto dende o contacto cos que foron alumnos, e son hoxe artistas, senón que basean a súa digresión no quefacer dos profesores, normalmente creadores que se debaten entre o seu carácter funcionarial e o desenvolvemento da súa traxectoria artística. Unha relación que agromou en exposicións no Museo de Pontevedra nas que baixo o título de En plenas facultades, con dúas convocatorias, facían un meritorio e clarificador percorrido por esas realidades artísticas moitas veces a mercé da burocracia e sometidas polos plans de estudos e a falla de sensibilidade da administración.
A partir dese tremor a cuestión expándese, e ambos comisarios, bos coñecedores do acontecer nese eido, desembarcan no CGAC cunha proposta, Agrupar-Desagrupar: rupturas da representación, baseada nunha cuestión cerna do artista, "a autoconciencia do feito artístico". Esa entidade do realizado constitúese como unha sorte de ruptura, subtítulo que explica a dinamización dun discurso visual moitas veces restrinxido ao lenzo e a un formato máis tradicional, agora fuxidío. A escolla de Jorge Barbi, Carme Nogueira, Simón Pacheco, Pamen Pereira, Isaac Pérez Vicente e María Ruido establece unha perfecta visualización e orientación desa concepción artística espacial e conceptual. Todos eles lobos solitarios nun tempo que, entre o refluxo da tan coñecida Xeración Atlántica e as promocións de artistas xurdidos daquela facultade, víronse metidos nun desfiladeiro polo que atravesar a peito descuberto. Ninguén saiu virxe daquelo, e así, nesta mostra adaptada a un espazo tamén senlleiro daquel tempo, daqueles noventa tan ilusionantes como esnaquizados agora dende diversas perversións administrativas e de xestións erráticas, e que aínda hoxe semellan querer repetirse —cando non manterse— como é o CGAC, vemos como esa heteroxeneidade dende o expresivo a través dos máis diferentes soportes, ao igual que dende as máis diversas inquedanzas discursivas cristaliza nun conxunto de opcións ante as que ninguén permanece indiferente. A liberdade absoluta, o rachar calquera posible código, as interferencias nas mensaxes abócannos a un discurso múltiple de cada un deles que reclama, pese a proximidade entre si, un aura propia.
Dende ese camiñar un lembra tamén o paso polo CGAC, dende a súa creación, de moitos nomes que participaron desa nova epifanía creativa en Galicia, das súas achegas para configurar un itinerario propio. De cada un deles pero, por extensión, tamén dunha nova realidade como a xerada neste territorio dende aqueles dous fitos que a finais dos oitenta e principios dos noventa balizaron un necesario despegue. A partir deles o plantexamento da exposición, dentro dese discurso de reflexión e análise daquelas realidades, deixa o camiño aberto a novas percepcións, a unha nónima extensa de homes e mulleres —sendo esta unha das importantes achegas dese tempo, a abeizoada inclusión da muller no discurso artístico—, que seguirán asomando neste obrigado proceso de mirar a diferentes realidades dende o fío argumental dun tempo e un espazo que segue a dar materia para a reubicación do artístico pero tamén de nós mesmos.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 5/06/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario