▶ «-Como serán as cousas fóra de aquí?
-Polo aspecto que teñen non creo que o
pasen nada ben»
[Diálogo de ‘La rosa púrpura del Cairo’.
Woody Allen]
O soño de moitos xa está aquí. Pontevedra está a piques de dicir que
ten un festival de cinema, unha pantalla enteira para engulirmos e facermos
formar parte dun dos inventos máis marabillosos do ser humano, que fixo moitas
cousas mal, pero tamén algunha boa, como é o cinema.
Cando en decembro se organizou unha
especie de ensaio xeneral, con atrezo completo, figurantes, directores, efectos
especiais e todo o que conleva un cotarro destas características, editado como
a versión 0 do Festival Novos Cinemas
tiñamos ben claro que todo este soño ía a ser real, e que non sería cousa dun
día, tendo a continuidade necesaria neste tipo de proxectos. Vímolo nese
ensaio, pero xa o intuíamos ao saber quen estaba detrás desta pantalla que se
abría á cidade de Pontevedra. Xente como Dani
Froiz, Ángel Santos ou Suso Novás aos que o sangue lles
circula polas veas a 24 fotogramas por segundo, non deixarían que isto fose
unha aventura casual para poñermos aos amantes do cinema os dentes longos,
senón que o que estaba agromando era unha das historias máis fermosas
vencelladas á cultura e a cultura feita en Pontevedra.
Sempre se botou en falla nesta cidade un
evento destas características, máis aínda dende que unha Facultade de Comunicación e Ciencias Sociais comezou a xerar
talentos claramente recoñecibles no sector audiovisual galego, xa de por si
cheo de milagres alleos á falla de compromisos en fite das administracións
(ollo á situación que se vive no CGAI!)
e sobrevivindo en base a este talento e ao esforzo individual e colectivo dos
seus protagonistas. Esa eiva rematará cando se levante o pano do Festival, pero
tamén ao ver como as institucións desta vez si que respostaron nunha feliz
alianza para suxeitar, dende a cruda realidade dos cartos, o soño da pantalla
dos organizadores do Festival.
Aquel encontro de decembro foi quen de
incrementar a nosa impaciencia ante o que ía vir, e agora, coñecendo o programa
que arrincará o vindeiro martes, damos por boa a espera. Unha sección oficial
con nove películas de novos realizadores a concurso, unha retrospectiva adicada
a José Luis Guerín, quen tamén
impartirá un seminario, sesións de cinema ao aire libre, charlas, encontros
entre profesionais do sector, proxeccións para escolares e presenzas como as
dos directores e directoras de cada unha das películas, amosan como un festival
pode xurdir de cero dende a paixón e o amor por un traballo que non depende
únicamente do que se proxecta nunha pantalla ante o público, senón que precisa,
e respira, a través dese intercambio entre o que hai tras ela e o que hai fóra.
Entre os protagonistas que saen e entran na pantalla, como na película de Woody Allen, para poñerlle enriba da
mesa un pulso que botar a esta sociedade tan acostumada a facer do que non é
real un constante desprezo, cando cada vez debería ser máis imprescindíbel para
non afogarmos na súa cada vez maior falla de osíxeno.
O cinema permite evadirmos da realidade,
aquí me teñen a min vendéndolles soños en vez de consignas políticas ante o día
de mañá. Facer equilibrios sobre a lona branca de proxección é un exercicio
apaixoante que nos permite ter ao cinema como unha poderosa arma para coñecer e
analizar como o ser humano forma parte dun ecosistema forxado por el, aínda que
moitas veces semelle ser o seu máis firme perigo. Woody Allen con ‘La rosa púrpura del Cairo’ esnaquizou
esa barreira física entre o real e o irreal, e sacou do interior da película
aos seus protagonistas para movelos polo exterior. Agora, os organizadores do
Festival Novos Cinemas queren que participemos desa ilusión.
Sexan cómplices, enchan cada unha das
proxeccións, gocen cada un deses fotogramas e farán que este soño se prolongue
cada ano como unha beizón para Pontevedra. Estes proxectos precisan do apoio
xeral, sen facer contas nin contos, sen buscarlles intereses ás inversións que
van a ir sempre máis alá da recuperación dos investimentos, porque hai cousas
que non teñen prezo, que ninguén pode taxar, como acontece en tantos eidos da
cultura e o seu indubidábel beneficio para o ser humano. Pontevedra séntase xa
dende hoxe nas butacas do Teatro
Principal, agardando que un raio de luz divida o real do irreal
converténdonos en parte dun soño.
Publicado no Diario de Pontevedra 25/06/2016
Fotografía: Equipo do Festival Novos Cinemas na xornada de clausura da edición 0. (Tania Moreira)
Ningún comentario:
Publicar un comentario