lunes, 13 de marzo de 2017

Mulleres bravas

«-E por que os ían face-los homes? Vaia solución.
-Pois porque as mulleres andarían en traballos máis cualificados, nas profesións liberais, na dirección de empresas, nas actividades artísticas, nas viaxes longas, nos proxectos...»
[‘Anagnórise’ (1988).
Mª Victoria Moreno ]



Nesta semana tinxida de violeta non foron poucas as iniciativas ou os xestos que de novo puxeron en valor ás mulleres, e aínda máis, as mulleres fronte á fenda que teñen que superar no seu día a día respecto a unha sociedade esaxeradamente masculinizada. Minoradas en infinidade de eidos do noso mundo fronte ao home, a cor malva destes días ondeou como unha bandeira movida pola brisa da esperanza e axitada polos refachos da coraxe por andar a estas alturas da película con estas reinvindicacións que semellan propias de séculos pasados.
Hoxe mesmo, na Librería Paz, terá lugar outro deses axitar de bandeiras coa presentación na nosa cidade, Culturgal aparte, dunha colección de libros dirixidos ao lector infantil, aínda que non só a el, que saen do prelo da Editorial Urco baixo o título de Mulleres bravas. Unhas publicacións nas que se fai unha escolma de mulleres que amosaron a súa afouteza fronte á vida, ensarilladas pola lingua a unha terra da que nunca se desfixeron é a que honraron ata as súas respectivas mortes. Polo de agora son dous os títulos publicados, o primeiro inevitábelmente tiña que estar adicado a Rosalía de Castro, a pedra angular da historia da muller na sociedade galega, na que vida e poesía compuxeron unha clara cerna reivindicativa que aínda hoxe é ronsel para moitas outras mulleres. O segundo deles achégase moito máis aos nosos días e tamén a nosa Pontevedra, a inesquecíbel María Victoria Moreno é a protagonista dun deses libros que reluce como unha pequena xoia dende o que volver a compartir tanto como nos deixou esta muller. Certamente o de brava encaixalle a María Victoria Moreno perfectamente, ela que deseguida que aterrou en Galicia acolleu a nosa lingua como súa, e non só iso, senón que fixo un primixenio apostolado dela, xa non só coa súa fala, senón ensinándoa ou, como non, dende a escrita de numerosos libros cos que engaiolar a miles de rapaces para facelos entrar, dende a educación e a lectura, no territorio do galego. Libros que eran divertidos, cheos de temáticas actuais e próximos a mocidade, con mulleres que os protagonizaban dende unha cotidianeidade que viña a rachar con moitos dos estereotipos daquel momento, e nos que sempre habían algunha mensaxe que pegar á pel, que levar ao noso carón para sempre. Textos inagotábeis aos que un aínda se asoma hoxe coa emoción de coller unha antiga edición dese Anagnórise que formou parte das nosas vidas e na que se suceden os nomes de varios membros da familia que puxeron mans e ollos sobre el. Un axóuxere doutro tempo coa forza suficiente para levarte a un tempo de construción, de formación dun mesmo que nin siquera podía imaxinar este hoxe que temos onde ás veces todo semella que está baleiro. Un tempo no que, abofé, non confiabamos nin en nós mesmos, pero alí estaba María Victoria Moreno. Ela xa o facía poñendo nas nosas mans moito do preciso para medrar coas súas palabras e coas súas arelas: «As persoas estamos feitas para levar adiante os soños máis fermosos», escribiu nese texto. Ela foi das primeiras en incluir esas arelas nos plans de estudos, do mesmo xeito que fixo dos afectos manuais para servir de alicerce a todos eses cativos que se proxectaron nela e dende ela.
Como muller brava, como heroína dunha vida na que sempre fuxiu de protagonismos, precisaba tamén de actores secundarios. Alma, a súa cadela, ou Teresita o seu coche vermello, foron algúns deles. Pingas que compuxeron o océano da súa personalidade no que, como vemos, aínda se botan barcos a navegar sabedores, como sabemos moitos, que aínda se poden apañar moitos peixes.
Eli Ríos, que fixo o texto deste libro, como María Lado fixo o de Rosalía, xunto ás marabillosas ilustracións de Eva Agra en ambos, ou o traballo dende a editorial de Andrea Jamardo, son tamén mulleres bravas que reivindican hoxe un traballo en feminino é unha mirada á realidade cada vez máis necesaria. Cada un destes libros é un deses chanzos precisos para seguir na liña do progreso, na do ascenso que as mulleres deben manter  de xeito firme para recortar esas diferenzas co home que, como crebas na nosa sociedade, obríganos a un esforzo co que non contabamos e que probabelmente o optimismo de María Victoria Moreno non contaba con andar aínda a voltas con iso neste tempo. Tomar como exemplo a Rosalía de Castro ou a María Victoria Moreno é un axeitado canon polo que seguir poñendo os pés sobre as súas pegadas, un camiñar cheo de luzadas moradas. Unha cor de reivindicación para facer do berro xuízo e razón que alumeou ao longo desta semana en rúas, institucións ou medios de comunicación coa intención de facelo ao longo de todo o ano.
Hoxe, entre os libros de Cano Paz, proxectarase moito do que esas dúas mulleres fincaron en Galicia dende a lingua, pero tamén dende o seu compromiso co ser humano. Un Vermú con libros que fará, dende as 12.30, que voltemos a mirada cara esas mulleres bravas da nosa historia. Achéguense, non o pasarán mal, lembrando, e sobre todo coñecendo ao relevo nas mulleres bravas desta terra que xa lles digo eu que pagan moito a pena, e ata poden mercar un deses libriños para os seus cativos, estarán sementando bravura, tamén conciencia, pero sobre todo futuro.



Publicado no Diario de Pontevedra 11/03/2017
Fotografía. María Victoria Moreno no 2003 (Gonzalo García)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada