Dende
Valle-Inclán a Jabois, Madrid sempre amosou o seu interese polo
sentir galego. Unha querenza de lonxe que se ve renovada de xeito
cada vez máis intenso, e xa non só dende os parnasos culturais,
senón no día a día, naquilo tan cotiá como camiñar pola rúa ou
consumir algún dos nosos produtos gastronómicos máis totémicos.
Non
hai máis que pasar uns días na vila e corte para entender que todo
o que arrecende a galego gusta e que ten éxito entre os madrileños,
así como entre os moitísimos visitantes que durante estes días
enchen rúas e prazas, entre colas interminábeis ante as
administracións de Lotería e as compras no Primark. Toda esa
multitude precisa de espazo para moverse e Madrid vén de estrear
unha ampliación provisional, que despois do Nadal será definitiva,
das beirarrúas da Gran Vía convertidas nun caudaloso Amazonas polo
que discorren milleiros de persoas cara arriba e cara abaixo. Manuela
Carmena arrinca así en Madrid un proceso de humanización que se
prolongará por diferentes espazos urbanos, alentando un proceso xa
irreversíbel e que semella que llo borboriñou ao oído o mesmísimo
Miguel Anxo Fernández Lores, autoridade mundial na materia e
recordman de recollida de premios ao modelo de cidade por esa loita
contra os fumes e a conquista de espazos para o cidadán.
Mimetízase
así fisicamente Madrid en Pontevedra, un Madrid no que pasear entre
as arquitecturas doutro galego, Antonio Palacios, é tamén no que
manter un fío directo coa terra a través da gastronomía. Mercados
de Nadal nas prazas nos que diferentes postos do Forno de Lugo
dispoñen ante a multitude un amplísimo repertorio de lambetadas,
tortas, pans e empanadas. Alí, xunto ao Teatro Real, e baixo os
anuncios das representacións de La Boheme, os nosos paisanos non
paran de vender empanadas de polbo ou cachos dun pan de millo
escintilante baixo o sol do inverno madrileño. Pero máis aló do
espontáneo destas apostas, outras afúndense na cerna da capital. Na
Cava Alta, ás costas do mesmísimo Lucio, abriu as portas un local
da franquicia galega Galeguesa, cunhas hamburguesas que son máis que
comida, son un compromiso coa terra, o medio ambiente e a gandería
máis tradicional. Non dubiden de que en pouco tempo o sabor das
cachenas deixará os famosos ovos estrelados como o recordo dun tempo
pretérito, converténdose esta carne noutro atractivo nesta zona tan
senlleira do plano madrileño.
E
é que Madrid respira polos seus barrios, os seus entornos máis
tradicionais, sometidos nos últimos tempos a uns procesos de
revitalización que enchen estes espazos de novas posibilidades. Un
dos que mellor se está a enfrontar aos novos tempos é o barrio das
Letras. Alí onde Cervantes, Lope de Vega e Quevedo moveron a súa
pluma en colosais duelos literarios, un dos nosos referentes
editorais, Kalandraka, tamén abriu as súas portas á cidadanía
para amosar as súas xoias, porque iso é o que son estes libros
especialmente dirixidos aos cativos, xoias de palabras e debuxos que
non deixan de inspirar aventuras e soños entre eles, e que agora os
lectores de Madrid teñen ben preto, como tiveron a Kiko Da Silva o
pasado sábado explicándolles o proceso de creación dunha novela
gráfica. Unha delicia que lles podo asegurar que moitos pequechos
non esquecerán por cómo aquel miudiño home de negro acabado de
chegar de Galicia faloulles de moitos dos seus heroes. Heroes como os
que están a facer de Madrid Galicia.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 13/12/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario