‘Deixe a súa
mensaxe despois do sinal’ de Arantza Portabales Santomé é un
orixinal relato, ou conxunto de relatos, que se enguedellan de xeito
intelixente para contar catro historias persoais. Catro existencias
en feminino que se fan literatura para amosar as quebras da vida.
Catro mulleres e catro
vidas. Catro relatos que lle falan a un contestador, pero que nos
falan a nós mesmos de como elas se enfrontan ao que ese taboleiro de
xogo, en que se converten as nosas existencias, dispón ao seu
arredor. Marina, Carmela, Sara e Viviana son mulleres ante situacións
límite, realidades expostas dende a sinceridade, dende una maneira
de escribir que non precisa da frase elaborada, do relato longo ou
cheo de distracións. Arantza Portabales diríxese á cerna desas
vidas, a rastrexar as emocións dende o emprego de frases curtas e
plantexando unha serie de S.O.S. que atronan no seu interior e que
precisan ser canalizados cara un destinatario no que se busca o
desafogo máis que unha resposta que xa se dá por perdida. Mulleres
que precisan a reflexión, a necesidade de respirar, botar fóra
aquilo que as consume, aquilo que non entenden pero que pouco a pouco
superan ata a súa redención final.
A intelixencia de
‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’, editado por Galaxia, é
a súa contrución formal, o cómo eses relatos comezan afastados
entre si para ir enguedellándose, xa non só dende unha construción
literaria, senón social, ao ir pouco a pouco amosándose como partes
dun todo, dunha realidade vivencial que nos sitúa ante esas colmeas
en que se converten os nosos edificios. Vivendas separadas por uns
escasos metros ou centímetros pero que en realidade afástannos
moito máis do que pensamos dos nosos veciños Pero hai momentos nos
que a vida se conxura para que esas vidas se crucen, para que xorda a
descuberta e moitas veces unha especie de milagre provoque novos
afectos e ata a empatía entre aqueles que ata hai un intre non eran
máis cunha morea de descofianza e descoñecemento.
Arantza Portabales
plantexa todas esas vivencias que como monólogos interiores
convócannos ante catro personalidades que deben solucionar os
problemas que lles puxo a vida no camiño. Unha separación
matrimonial, unha doenza irreversíbel, as visitas ao psicólogo
dunha moza ou unha muller que exerce a prostitución son os vieiros
polos que as protagonistas teñen que transitar, o que lles serve
como exercicio interior para acadar o seu propio coñecemento, pero
tamén para tentar entender as razóns polas que se chegou a ese
punto das súas vidas.
O falar de xeito
aséptico cunha máquina convértese pouco a pouco nunha cálida
conversa na que teñen lugar todos os matices da vida. A amargura, a
ledicia, o amor, o medo, a dúbida, o rancor e todo iso vaise
conxugando dende cada unha desas voces, distintas todas elas, pero
conxugadas dunha maneira eficaz baixo ese senso novo da escrita co
que traballa a autora e que permite unha nova posibilidade, xa que se
se quere pódese ler a vida de cada unha delas de xeito continuado,
sen as interferencias das outras historias, simplemente seguindo as
numeracións do índice.
Temos así catro
libros, catro relatos nos que a autora non despreza o humor, como un
dispositivo máis para tentar acougar as situacións máis
dramáticas. Un humor preciso para que a vida non nos volva tolos e
permita, ao mesmo tempo, obter os folgos precisos para seguir
adiante.
Unha historia pódese
contar de moitas maneras, e a elección dese cómo é o que marca a
diferencia entre os libros. Arantza Portabales plantexa nestes textos
un crebacabezas que non debeu ser nada sinxelo armar, pero que a
medida que se avanza na súa lectura un non deixa de aplaudir ese
esforzo e de sorprenderse con eses encontros que se fían nos
distintos relatos. O que se reforza cando se remata o libro e un ten
a sensación de participar nas confesións de catro mulleres ás que
os dados do azar fixeron conducirse por casas complexas. O que elas
non contaban era coa mestría de Arantza Portabales e a súa
capacidade para que todos nós nos puidésemos asomar a todas elas e
entender así como todo pasa por algo.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 3/12/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario