O Museo de Arte
Contemporánea de A Coruña acolle unha espectacular exposición da
creadora Lita Cabellut. Unha contundente proposta sobre a súa
observación do mundo e como esa contorna convértese nun universo
plástico abraiante arredor de nós mesmos e o debate sobre a
existencia.
Proxectarse dende o
individuo. Afundirse na tradición para achegarnos unha nova
dimensión da pintura. Construir un relato dende o que enfrontarse a
nosa propia existencia. Son tres dos vértices nos que se sustenta
unha exposición desas que provoca o abraio no visitante, non só
polo que se amosa, senón por cómo iso se presenta ante nós. A
estudiada disposición da mostra no MACUF aumenta de xeito
exponencial o discurso da artista e permite que o espectador entenda
ou se aproxime moito mellor as súas intencións.
Esas intencións, as de
Lita Cabellut, axudadas polo intelixente e lúcido traballo do
comisario da exposición, Antón Castro, xeran un espazo cheo de
singulariades e calidades, en definitiva, unha exposición imperdíbel
para calquera amante do artístico e que sitúa a este proxecto a
altura de calquera mostra a nivel mundial. Certo que partimos dun
material dunha alta calidade, a pintura de Lita Cabellut, fronte á
que un entende o éxito e o momento de pulo que está a experimentar
o seu traballo reclamado dende diferentes xeografías. Así París ou
Hong Kong compartirán tempo de exposición con A Coruña, pero
permítanme que dubide de si nesas exposicións alcanzarase a fondura
do que aquí se amosa sobre todo por ese cómo do que falaba antes. A
disposición da obra da artista en diferentes espazos activando
momentos moi concretos da súa relación co seu universo de
personaxes, ese corazón central latexando na recreación do seu
estudo xunto a unha biblioteca-vitrina ou un vídeo no que observamos
o seu modo de traballo, pois todo iso resume esa
multidisciplinaridade do seu quefacer, da súa conciencia artística
que se eleva entre a escuridade dos espazos como unha lumieira a
través da cal observar o mundo.
Ese aspecto de Lita
Cabellut é o que máis me impresiona da súa obra, como a través
dos ollos dos seus representados vemos os ollos da propia pintora
mirando a cada un deses rexistros que este mundo noso tan diverso,
como cada vez máis alleo para o propio ser humano, é quen de
presentar. Eses ollos resúmense en diferentes itinerarios, estacións
de paso para seguir observando, para tentar entender a nosa
existencia: a soedade, a transitoriedade da vida, a tolerancia, o
silencio, a rebeldía, o futuro, a esperanza... son algunhas da
compoñentes que rexistran este relatorio de historias, porque tamén
hai moito disto nesta exposición. Historias que se amorean entre si
artellando un relato coral e humano.
Se entramos no twitter
de Lita Cabellut recíbesenos cunha frase de benvida: «Son máis
cunha pintora. Son unha contadora de historias». A partir desta
declaración de intencións todo se vai clarexando. ‘A mudez da
existencia’, ‘A verdade’, ‘Silencio branco’, ‘O grito
animal’, ‘Os acróbatas da cidade’ ou ‘As estrelas espidas’
son os nomes desas realidades que a artista plantexa. Grupos de
persoas que singularizados reflicten ese estado de soedade dentro da
manda. A soedade como obriga ou como necesidade. O devir do tempo
como motor da nosa existencia, o que define o que somos e aquilo no
que nos convertiremos. E todo iso felizmente enguedellado coa
tradición pictórica. Dende o retrato ata o xénero das vanitas,
axitado coa singular maneira de pintar, que é a que lle dá a Lita
Cabellut a súa condición de unicidade dentro da paisaxe artística.
Unha fusión do pincel co spray, o rodillo, a espátula. A cor como
berro, tamén como pozo no que afundirse e dese pozo ou dese berro
xorde a xestualidade chea de materia enfrontada a todos eses rostros,
a esas facinas nas que se percibe a súa relación co mundo a través
dunha sociedade na que a pintura de Lita Cabellut emerxe cunha forza
tan soprendente, nun principio, como necesaria tras o preciso proceso
de reflexión.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 26/11/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario