Un piano, unha cadeira,
un foco de luz que racha a escuridade e James Rhodes. Así se
presentou no escenario do Pazo da Cultura este pianista chamado a ser
unha sorte de mesías da música pola súa capacidade para encher
recintos e facer que a música clásica conecte co público. Tampouco
lle foi alleo o auditorio de Pontevedra, ateigando as cadeiras dende
as que observar as súas evolucións arredor de grandes nomes da
música. Chopin, Beethoven ou Bach protagonizaron un inmenso recital
de piano que deixou sen alento ao público e co corazón encollido
por esa capacidade que ten James Rhodes de transmitir a música, e de
convertela en parte activa das vidas dos compositores e, no recital,
do propio público.
Impagábeis foron as
súas referencias á cidade que aquí se atopou, co impacto de sentir
o baleiro dos coches e as persoas facendo do espazo público parte
activa da vida cotiá. Normal esa emoción xa que a súa relación
coa música ten moito diso, de facer do íntimo algo público, de
converter os sentimentos dos grandes compositores da historia da
música nun fío que popularice o seu traballo máis alá da súa
fonga pegada cultural. James Rhodes desmitifica aos xenios: “Chopin
era un gilipollas”, “Beethoven era el puto amo” ou “¿Cómo
que Bach no era romántico?” (a próxima vez que nos visite
comprometeuse a falar en galego), para humanizalos, para situalos
dentro dunha vida máis alá dun libro de texto ou dunha clase de
conservatorio. Porén, cando chega a hora da interpretación, cando
James Rhodes pousa no chan o micrófono, deixa as gafas sobre o
piano, baixa a cabeza e as súas mans comezan a debuxar no aire toda
unha serie de filigranas ao tempo que bican as teclas, entendemos que
a vida ás veces é só un pasatempo, que o realmente importante é o
legado que certos nomes deixan na sociedade a través das súas
obras. Cada unha das intervencións do pianista previas a interpretar
unha peza eran o xeito de que esa música nos parecese real, parte da
invención humana para, en canto a escoitamos, converterse nunha
absoluta emoción, nun xeito de evasión do que acontecía fóra dese
Pazo da Cultura que se converteu nunha caixa máxica grazas á maxia
dun piano.
Se con Chopin
comprendimos a capacidade do artista para facer unha música que
resposta tanto ao íntimo como ao público, con Beethoven comprobamos
o seu maxisterio absoluto e a súa perfección compositiva, para
rematar o concerto cun sorprendente Bach. Si, o vello Johann
Sebastian que, lonxe de ser un precursor de tantos, James Rhodes
demostrou a súa total sintonía cos mestres do Romanticismo que
protagonizaron o recital. O brutal tránsito do órgano ao piano, a
recreación da endiañada multiplicación de notas e un fastoso
adagio, deixaron coa boca aberta ao público que despediu ao pianista
cunha enorme ovación.
James Rhodes volveu a
amosar como a música é moi diferente a cómo a presentan moitos nos
plans de estudo, tamén a cómo falan outros dela como se fose unha
especie de experiencia inalcanzábel para o común dos mortais. Cada
nota que James Rhodes lle sacaba ao espectacular piano do Pazo da
Cultura era o latexo dun home que entende a música como a
prolongación dunha maneira de pensar e de ser, que ten, na súa
xenialidade á hora de interpretar, unha marabillosa canle de
comunicación co espectador. Unha canle entre o milagroso e o máxico.
Unha canle impagábel para todos os que gozamos dun músico
prodixioso do que en Pontevedra podemos gabarnos de telo visto.
Publicado no Diario de Pontevedra 21/05/2019
Fotografía. Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario