mércores, 22 de maio de 2019

Extraordinario

A recente concesión do Premio Nacional da Crítica a ‘Extraordinario’, de Antón Lopo, alenta de novo a mirada a un texto engaiolante, no que a ironía e o humor enguedéllanse cunha trama persoal e familiar que vai do descubrimento da identidade ao conflito co fogar


A enerxía creativa de Antón Lopo non deixa de xerar produtos que, aínda non sendo moi enxeñoso, pódense calificar de extraordinarios. Se a ese milagre poético que segue a agromar na nosa paisaxe literaria, ‘Chan da Pólvora, da que é o seu director editorial, sumámoslle a concesión o pasado ano do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey ao poemario ‘Corpo’. Agora tócalle a súa prosa reivindicar as súas ben coñecidas e variadas cualidades literarias. Esa prosa chéganos da man deste texto editado por Galaxia e que vén de recibir o importante Premio Nacional da Crítica a unha obra en galego.
Extraordinario’ que tamén acadou con anterioridade o Premio Narrativa Breve Repsol 2018, parte de elementos xa coñecidos e que están detrás do quefacer creativo de Antón Lopo, como a procura da liberdade do eu, a conquista da identidade sexual e como iso se sitúa no centro dunha sociedade que aínda amosa moitas resistencias fronte as reivindicacións corporais. A partir de aí o pulo da novela xorde en como esa situación intégrase nun contexto máis xeral de revisión da propia vida do protagonista que, ao carón da súa nai enferma, da que estivo afastado durante un longo tempo, inicia unha viaxe cara o seu interior para a revisión da infancia e a xuventude. Complexos espazos de descubrimento e de encaixe das diferentes pulsións adolescentes e corporais no ámbito familiar, escolar ou de amizades.
Deseguida o escritor consegue que o lector se adentre na historia, a chegada de Óscar ao hospital para acompañar a súa nai desencadea unha acción no que o ámbito familiar revélase como un ecosistema imprevisíbel para cada un de nós. A familia é unha arañeira pola que todos nos movemos de diferente maneira fronte as conductas do seus compoñentes. Afectos ou tensións que condicionan moito do que somos e que aquí plantéxanse como o aglutinante dese proceso de procura da liberdade que Óscar, dende o seu proceso de crecemento físico e mental, e que arrinca ben cedo polas constantes tensións coa súa nai. A marabillosa caracterización dos personaxes que rodean ao protagonista convértese nun dos alicerces desta novela que ten esa capacidade dos bos libros de facerche a pregunta de: e vendo isto que pasa contigo? É o certo é que o lector non pode deixar de pensar no seu propio caso, en como son as súas relacións co seu contexto familiar e como tamén é o protagonista doutro relato máis íntimo e persoal
A eficacia do autor á hora de plantexar a narración lévanos tamén ao esbozo do sorriso, e así non poucos fragmentos do libro fannos botar unha boa risada. Inocencias da infancia, picardías adolescentes son eses elementos que lle serven a Antón Lopo para desengraxar momentos nos que se nos fala de cuestións realmente serias sobre como nos comportamos as persoas en certas situacións, e sometidos a diferentes cuestións sociais que adoitamos priorizar sobre os nosos propios desexos ou sobre o arame dos afectos. E é que esa é a palabra clave de todo este relato, os afectos, a súa mantenza ao longo do tempo, a súa perversión dentro do núcleo do fogar, as contaminacións externas... todo é que de modificalos, de anulalos e ata de transformalos en diferentes sentimentos que van a ir apegándose sobre a nosa pel como tatuaxes que mirar cando a vida nos leva por territorios afastados dese núcleo, desa arañeira, á que cada certo tempo vémonos obrigados a voltar.
Antón Lopo e ‘Extraordinario’ propoñen esa revisión de nós mesmos dende unha afouteza literaria e dunha historia da que non é fácil saír indemne. A vida é un complexo taboleiro no que botar os dados a xirar e as veces, a escrita é un bo compás para movernos por el.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 5/05/2019


Ningún comentario:

Publicar un comentario