HOXE FESTEXAMOS a nosa
lingua. Hoxe saltamos de emoción lendo xornais que escriben páxinas
en galego, asistindo a celebracións arredor das nosas palabras e
vendo como as televisións descubren que temos un idioma propio. Todo
iso hoxe, e mañá?, e pasado? e o mes que vén. Así se nos presenta
a nosa lingua como unha celebración dun día de festa pero que logo,
no día a día, cando deixa de ser festa, esquecémonos dela,
situándoa nos cantís da nosa indiferenza e cada vez máis
acurralada fronte ao castelán-que tantos ven ameazado- e aos que ben
pouco fan para poder equiparar, cando menos ambas linguas.
Entón hoxe toca festa!
Pois celebrémola. Sintamos como o que máis sentido lle dá a nosa
condición de galegos é a lingua, non mirar cara o horizonte do mar
ou acariñar un carballo. A lingua é a que nos identifica como unha
cultura e a partir dela é dende onde poder entendernos mellor.
Falemos en galego e fagámolo cos nosos cativos, expliquémoslles que
hoxe se celebra a edición do libro de Rosalía de Castro ‘Cantares
gallegos’, co que a nosa lingua comezou o seu rexurdir tras séculos
escuros, aos que non queremos voltar. Merquemos libros en galego para
que o noso sistema editorial sobreviva ante tantas incertezas e o
desamparo da administración.
Pois para todas estas
tarefas hoxe Pontevedra saca moitos libros á rúa, grazas a unha
iniciativa do Concello e a implicación de dez librerías. Todas elas
desafiarán a chuvia (son ben peores outras ameazas) colocándose
baixo os Soportais para amosar as vizosas producións dos nosos
autores e autoras. Pontevedra leva xa moitos anos a confiar no libro,
o imprescindíbel Salón do Libro, o bofacer da editorial Kalandraka,
ancorada como un buque máxico nas nosas rúas, e o incremento do
número de librerías na nosa cidade renovan a nosa condición de
capital literaria con que xa se coñece a Pontevedra en toda Galicia.
Unha xornada na que
ademáis temos uns convidados moi especiais, catro extraordinarios
autores que nos visitarán para telos cerquiña e pedirlles que nos
asinen os seus libros. Pola mañá Ledicia Costas e Arantza
Portabales e pola tarde Pedro Feijoo e Iria Collazo. Catro propostas
ben interesantes e nun momento idóneo para todos eles, xa que as
dúas primeiras veñen de publicar dúas novelas nas que amosan a súa
valentía. Ledicia Costas ao debutar na escrita para adultos con
‘Infamia’ (Xerais) e Arantza Portabales propoñéndonos con
‘Beleza vermella’ (Galaxia) unha novela negra. Ambas obras non
nos deixarán indiferentes e non dubiden de que aos poucos días de
saír do prelo vanse a colocar na cima das listaxes de vendas. E se
falamos de listas de vendas que dicir de Pedro Feijoo, só apuntar o
dato de que Xerais, a súa editorial, ven de poñer en circulación a
undécima edición de ‘Os fillos do mar’. Unha beizón para a
nosa escrita tan necesitada destes empurróns para conquistar
lectores. E por último, Iria Collazo, que debuta con ‘A casa do
paralelo 54’ na literatura infantil e xuvenil e está a converterse
nun deses novos nomes a ollar ben de cerca na nosa escrita.
E se queren seguir de
festa tamén teñen ben preto daquí, en Cotobade, na terra natal do
homenaxeado neste día, Antón Fraguas, os actos que gabarán a súa
figura. Xa ven que teñen diferentes opcións para a celebración,
pero a súa mellor opción é a de empregar o galego a cotío,
enxerilo no seu ámbito cotiá, para o que nunca é tarde, confiar no
futuro dos seus cativos para que manteñan acesa a esperanza de que
todos os días sexan días de festa para o galego, para a nosa
lingua.
Publicado no Diario de Pontevedra 17/05/2019
Fotografía: Os libros saen á rúa nos Soportais da Ferraría. (José Luiz Oubiña)
Ningún comentario:
Publicar un comentario