xoves, 30 de maio de 2019

Infamia

A nova novela de Ledicia Costas, dirixida ao público adulto, enfróntanos á máis aterradora miseria humana dende un relato engaiolante


LEVO VARIOS DÍAS tentando atopar o xeito de enfrontarme ao comentario deste libro. Hai textos que agochan unha forza especial, unha aura case telúrica que os envolve e converte cada achegamento a eles nunha experiencia moi diferente ao que acontece con outros libros. Así é como a maneira de interpretalos, pensalos e escribir deles convértese tamén nunha experiencia íntima na que non é sinxelo atopar o camiño para poñer a circular as palabras que expliquen ese halo que os fai diferentes.
Infamia’, de Ledicia Costas, e editado por Xerais, é un destes libros especiais. A primeira novela da autora dirixida específicamente ao público adulto, aínda que xa editara destinado a este mesmo público un libro de relatos co título de ‘Un animal chamado néboa’, convértese nun espiñento texto no que hai que ter moito coidado ao moverse no seu interior. Isto que leva consigo? que o lector implícase dende ben pronto no que nel acontece. A autora non busca agochar nada e, dende ben cedo, pon as cartas boca arriba, desfacendo o pretendido thriller psicolóxico para converter o libro nunha reflexión sobre a conduta humana e toda unha serie de perversións que aniñan nela.
Fronte a esas perversións temos unha serie de vítimas que a nosa sociedade semella deixar moi desprotexidas. As mulleres e os nenos convértense no albo destas conductas que estremecen a pel cando escoitamos nos medios de comunicacións as atrocidades que sobre eles se cometen. Esta é outra das pegadas que deixa o libro de Ledicia Costas, o ollar en fite á realidade, saber que o que se conta nesa historia forma parte de todos nós, por ser algo tan inmediato. O relato ten lugar nun pobo chamado Merlo, un espacio físico con identidade propia, converténdoo nun personaxe máis da novela, embozado por unha mesta néboa que agocha a desconfianza por toda unha serie de feitos que marcan a historia dese pobo e os comportamentos dos seus veciños.
A chegada a Merlo de Emma Cruz, avogada e profesora de Dereito Penal comeza a mover certos marcos que a historia deixara fixos. Recubertos polo musgo do tempo, non vai ser sinxelo atopar neles a lembranza do acontecido 25 anos atrás. Un suceso que toda a comunidade afánase por agochar, pero que ve como hai cousas que son imposíbeis de mergullar no lago da memoria, xa que aínda que teñan un gran peso acaban por saír a superficie, por facerse visíbeis ante aqueles que pecharon os ollos durante moito tempo e ante quen queira coñecer a verdade. Esa verdade é a unica terapia que de verdade sanda, a derradeira forma de converter a dor en gromo para medrar. Porque neste libro a dor é moi importante. A súa xestión, o que queda en nós ante un feito dramático e como nos enfrontamos a el, é outra das achegas de Ledicia Costas a un libro escrito cunha implicación por parte da autora que se transmite ao lector, de aí ese elemento do que falaba ao principio, imperceptíbel dun xeito físico ou visual, pero que e en cambio envolve todo o relato.
O asistir día a día á sucesión de noticias que sobre abusos a menores ou sobre a desaparición de persoas, turrou pola escrita desta autora, obrigándoa case a dar unha resposta dende o seu traballo a esa realidade, para tentar, dende a creación, poñer ante nós as sensacións de desacougo que só eses dramas poden xerar nas persoas. Non é sinxelo ese paso, menos aínda para quen ten ben plantexada a súa zona de confort dentro do sistema literario. Autora de éxito, referencia na literatura xuvenil e Premio Nacional, Ledicia Costas fixo un valente acto de transformación da súa fantasía e mundos imaxinarios ao poñer os pés nunha das lameiras dos adultos. Ela, que tantas xornadas adica a visitar colexios, a converter a literatura nunha ponte de fermosos soños entre as cabeciñas dos nosos cativos e cativas e a realidade, é quen mellor pode poñer negro sobre branco esas inquedanzas dos máis novos ante as perigosas situacións que se poden dar ao seu arredor e, sobre todo, plantexar as súas respostas, sempre diferentes, como diferentes somos todos, aínda que esta sociedade da infamia, da que somos parte, faga tantos esforzos por converternos en repeticións, en clons ameazados pola liberdade dos nosos sentimentos.




Publicado no Diario de Pontevedra 29/05/2019

Ningún comentario:

Publicar un comentario