Dentro do chamado
‘Ano Faílde’ a Fundación Laxeiro de Vigo acolle unha mostra de
quince esculturas da colección persoal do autor, que amosan o seu
tratamento da pedra e esa mezcla de tradición e modernidade que o
integrou no grupo artístico de ‘Os novos’
Esquecido durante moito
tempo, a celebración do ‘Ano Faílde’, promovido polo concello
de Ourense co apoio da Xunta de Galicia, está levando a cabo unha
serie de actividades para dar a coñecer a súa figura e
redimensionar o seu traballo escultórico. As obras, seleccionadas
dende o comisariado de Natalia Figueiras, forman parte dunha serie de
pezas moi persoais, xa que foron feitas sen ser encargas, sendo todas
elas iniciativas do creador e das que nunca se quixo desfacer.
Todas elas chegan a nós
grazas ao traballo de conservación do seu fillo, Miguel Ángel
Faílde, recentemente falecido, de aí que a mostra teña tamén ese
carácter de reivindicar ese labor de conservación e custodia das
obras. Nado en Ourense en 1907, Antonio Faílde iniciou a súa
aprendizaxe como escultor en Piñor. Aos doce anos xa traballa como
canteiro e matricúlase na Escola de Artes e Oficios. A finais dos
anos vinte ten o seu propio taller, o que o leva a apostar non só
polo oficio máis artesanal, senón por unha achega creativa que
singularice o seu labor. A catedral de Ourense convértese nunha
escola permanente na que Antonio Faílde atopa as formas da tradición
galega xurdida do círculo do mestre Mateo. No seu xeneroso Museo
atopa máis camiños da pedra, os do seu valor histórico que vai
dende as formulacións íberas ata a excelencia do mundo do Barroco.
Bolseiro da Deputación de Ourense seguirá os seus estudos na Real
Academia de Belas Artes de San Fernando, na que, co paso do tempo,
nomearase académico. Despois da Guerra Civil regresa a Ourense onde
gaña a praza de profesor na Escola de Artes e Oficios, na que el
mesmo estudara. Tardou moito en expoñer, abofé que debido a esa
loita permanente co material para tentar coñecelo a fondo e poder
achegarse ao que el pretendía atopar no seu interior. Ourense en
1949, Vigo en 1950 e Bos Aires en 1951 foron as súas primeiras
mostras públicas. Nesta última, celebrada na Galería Velázquez e
organizada polo Centro Gallego de Bos Aires, foi o único escultor
xunto aos Laxeiro, Maside, Díaz Pardo, Pesqueira ou Julia
Minguillón. Estas exposicións comezaron a facer del un creador
coñecido e admirado, a crítica gababa esa mestura da escultura
tradicional cunha mirada vangardista no tratamento das formas. Madrid
aplaude o seu traballo o que o leva a acceder á Academia de Belas
Artes, mentras realiza diferentes exposicións entre as que destaca a
monográfica na Dirección Xeral de Belas Artes en 1960. En 1979
morre no seu Ourense natal.
‘Anatomía da pedra’
é, polo tanto, un achegamento a esa relación tan especial que o
artista mantivo cun material que estaba por riba de calquera outra
cuestión. A materia en estado de espera. A pedra como acougo para as
formas que nela se atopan á espera de que o escultor as libere. O
adagio miguelangelesco tiña un firme defensor nas propostas do
escultor ourensano. Figuras tenras, cheas dunha gran inxenuidade, nas
que escenas cotiás e espidos femininos compoñen unha caricia dende
a pedra á figura humana que, lonxe de procurar o detalle, aposta
máis pola esencialidade das formas, pola suxerencia que nos leva ao
universo do Románico. Esa esencia é precisamente a que, partindo da
tradición, fixo del o único escultor que formou parte daquela
xeración inesquecíbel da plástica galega, como foron ‘Os novos’,
aqueles Renovadores da arte galega que, coñecendo as novas linguaxes
dos anos vinte e trinta, formularon unha arte identitaria galega
baseada na pureza desas formas que, dende a nosa tradición artística
ou os elementos da natureza, falasen do que somos.
Quince esculturas
que saen do taller de Antonio Faílde para reivindicar ao seu
creador, para sacalo do esquecemento, para corporeizalo ante nós.
Aquilo que tanto fixo el coas súas obras agora son esas mesmas pezas
as que o fan por el.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 7/07/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario