venres, 26 de xullo de 2019

Unha 'volta de olhos'




Acostumados a mirar cara nós mesmos tantas veces na procura de solucións as nosas eivas culturais, non estaría de máis botarlle unha ollada, nestes días de reflexións sobre cara onde ir, a ese territorio tan próximo ao noso, pero que, polo propio comportamento que mantemos con el, semella estar a milleiros de kilómetros.
Portugal leva moito tempo converténdose en diferentes ámbitos da sociedade e, por suposto, tamén no cultural, nunha referencia que chama máis a atención lonxe dese país que aos seus propios veciños. Cando aquela sentenza saramagiana de que “Portugal e España son dous irmáns xemelgos pegados polas costas que nunca se miran á cara”, tería xa que ser só unha frase máis do longo catálogo da lucidez do escritor de Azinhaga, é que a realidade a negase, pois resulta que os pasiños que damos para abolila son tan cativos que semella agrandarse.
Tan preto do territorio luso, Galicia podería aproveitarse das sinerxias creativas dun país que mantén en pé moita da súa identidade, pero que soubo incorporala a un hábitat internacional grazas a súa mirada cosmopolita do día a día. O coñecemento de idiomas dende a infancia, un secular interese por coñecer a vida máis alá das súas fronteiras, o recente interese do turismo estranxeiro polas vilas portuguesas e a mantenza da cultura como un dos grandes referentes do país, converten a Portugal nunha alfaia cultural que enche de orgullo a un pobo xa de por si sempre orgulloso de si mesmo e que nos tería que empurrar a artellar dende Galicia conexións moito máis intensas que as que adoitamos ter.
Traballar nas relacións xeográficas tería que ser un primeiro chanzo, agora que xa coñecemos o interese dunha nova liña de ferrocarril, nun sector próximamente liberalizado, para competir no trazado atlántico que iría dende A Coruña ata Porto, reducindo tempos e fatigas, para así ir esvaecendo esa 'raia' que semella estar máis nas nosas mentes que sobre o territorio físico. Vilas como a propia 'invicta' de Porto, Vilanova de Cerveira, Guimarães, Braga ou Póvoa de Varzim, só por citar algunhas do norte do país, son fortes xeradores de cultura que semellan estar moi afastadas das nosas propostas culturais. Tecer redes de traballo entre creadores, institucións públicas ou privadas co noso ámbito creativo sería unha excelente liña de actuación para o noso sector, que tantas veces perde demasiado tempo buscándose a si mesmo sen sacar a cabeza fóra da súa contorna máis inmediata. Portugal é unha boa proba de que se pode reivindicar o propio, pero que, posto en relación a un altofalante externo, as súas consecuencias e dimensións son moito máis interesantes que as intencións de estar afastados do resto do mundo nunha especie de reduccionismo cultural que nos reafirme como colectivo, o que tamén se pode levar a cabo pero sempre se poderá facer de xeito máis intelixente e produtivo en relación a outras culturas.
A nosa lingua é tamén unha enorme ferramenta de achegamento á realidade portuguesa á hora de establecer canles de comunicación co que acontece nela. Aínda que moito máis alonxadas entre si do que nos pode parecer nunha apresurada aproximación, si que é unha vantaxe o noso manexo do galego fronte a outras linguas que, sin embargo, son moito máis accesibles a un ámbito cultural acostumado a manexarse noutros idiomas, empurrado por esa sensibilidade que dende nenos se recoñece en Portugal de poñer en disposición da infancia ferramentas útiles e prácticas para o dominio do inglés. Potenciar o portugués nos nosos centros de ensino sería unha máis que interesante vía de aproximación.
Non só as nosas administracións terían que motivar os contactos entre axentes culturais galegos e portugueses, senón que os propios creadores terían que amosar un maior interese polo que acontece en Portugal, onde hai moitas programacións culturais envexables dende a nosa terra, e que, pola proximidade xeográfica, permitirían a súa chegada ou incorporación ao noso propio sistema artístico ou cultural. Pintura, cine, música, deseño, teatro... son parte cotiá do que acontece en moitas vilas portuguesas, non só as de gran tamaño, senón que outras máis pequenas apostan en firme pola cultura como parte importante do seu latexto diario e como referente para seguir medrando como sociedade, con proxectos ben consolidados como a Bienal artística de Vilanova da Cerveira ou a 'Correntes d'Escritas' de Póvoa de Varzim.
As letras galegas semellan ser as que están a dar uns primeiros pasos para achegarnos a esa realidade lusa, a coincidencia no tempo na designación de Carvalho Calero como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020, iso si, con moitos anos de retraso en relación aos seus merecementos na defensa da íntima relación entre a lingua portuguesa e a galega, ou a posta en marcha pola editorial Kalandraka dun camiño de ida e volta na tradución de libros da literatura portuguesa e española coa súa colección ‘Confluências’, semellan abrir unha pequena fiestra á esperanza para seguir na disolución de fronteiras e que agardamos que outros sectores como os da plástica cos centros museísticos á cabeza, cun papel clave nesta posibilidade de axitación, asumisen para, máis pronto que tarde, conformar entre Portugal e Galicia un motor cultural a nivel europeo e que por fin os dous xemelgos puidesen mirarse aos ollos, daríanse conta do ben bonitos que os teñen.


Publicado no suplemento 25 de xullo de Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo/Atlántico Diario/La Región




Ningún comentario:

Publicar un comentario