mércores, 24 de xullo de 2019

O equilibrio da luz


Sandalias verdes’ de Pilar García Rego é un valente poemario no que a autora deixa ao aire as feridas que o tempo, inevitabelmente, deixa en todos nós. Un laio que se converte en alento fronte ao recordo, pero tamén nunha necesaria redención que só a escrita é quen de acadar.


Os versos tecen a dor, pero tamén son o conforto que xorde da palabra. Nomear a mágoa é procurar o equilibro da luz. Converter a escrita nun territorio de expiación íntimo fronte ao tempo, o auténtico ring de boxeo no que a vida solta os seus golpes.
Ler a Pilar García Rego é atoparse cunha poeta que debuta, pero tamén cunha muller capaz de facer da vida poesía dende ben atrás, lonxe das páxinas, apegada ao día a día e co caderno como compás. Non deixa de sorprender un primeiro libro como este, pleno de achegas, de palabras que definen tantas situacións. tanto de xeito directo como indirecto. Imaxes que se van enguedellando no ronsel das palabras, na teima por atopar ese equilibrio que nos devolva á normalidade do cotiá. Dende o primeiro poema a autora sitúanos no arame do tempo, movéndonos por el coa memoria e co fío que nos une aos nosos como rede. Dende aí o poemario vai construíndo o seu propio territorio, o dos afectos, o dos sentimentos cara as persoas, pero tamén cara a contorna, a forza case telúrica do natural, a natureza como deidade dende a que permanecer ergueitos ante o medo. Porque no libro hai moito medo, cans negros que andan pegados ás pernas. «Hai días de cans negros», escribe Pilar García Rego, e todo muda no labirinto da vida no que «o medo, as veces, é o silencio». O medo é sentir a ausencia, unha evocación que enfía boa parte do poemario nese tecido da memoria no que se sente o alento dos que non están. As manchas de Berta Cáccamo. As derrotas inevitábeis da vida. A anguria do náufrago.
Páxina tras páxina o lector sente as emocións que levaron a autora a deixala súa pegada no que agora convértese nun primeiro poemario publicado por Xerais na súa colección de poesía co título de ‘Sandalias verdes, zapatos azuis e cans negros», e é que na vida as cores son ben importantes. As cores son sinais e pegadas que se manteñen firmes dende o simbólico, por moito tempo que pase na nosa travesía dende a infancia, esa travesía que se pode facer por mar ou pola terra. Son as cousas da poesía, a capacidade para darlle unha volta á realidade e poñela ante nós do xeito máis gráfico posíbel, da forma máis convulsa para que sintamos o arreguizo co que a palabra nos pode amosar un espazo paralelo ao visíbel. «Navegar polas leiras de estalotes e pampullos amarelos,/desenfreados,/esgotados de tanta luz». Unha navegación que belisca a pel, que se comporta como unha proposta chea de audacia por traer á terra o espírito da mar, a conquista como parte dun eu que se enfronta ao seu destino. O crepitar da terra.
E de novo o silencio para rematar. O silencio ante o fin. «O silencio de antes da morte é moito máis pezoñento/que o que vén despois». O veleno da vida. A catarse. Rematou. O corazón fixo «Crac..!
Pilar García Rego compón deste xeito un tránsito de pés nus pola existencia, dende a consciencia do que se sente, do que se ten, máis tamén do que se perde. A vida como un cesto cheo de cereixas do que sacas, enguedelladas, cousas boas e malas, como parte desa travesía no que cada chanzo é parte do noso propio proceso de crecemento, de enfrontar a vida sen máis equipaxe que o que nós mesmos somos. Fronte a todo iso a palabra, o verso, a sinalización da experiencia que se comunica con todos nós facéndonos parte desa viaxe na que tamén sentírmonos descalzos.
A xornalista, coñecida no mundo cultural por ser a cara visíbel dese oasis na Televisión de Galicia que é o Zigzag, sube, de xeito firme, un deses chanzos que a vida é quen de poñer ante nós. A súa proposta literaria entendémola como un primeiro paso neste territorio da poesía á que é benvida por esta achega valente e decidida por amosar unha íntima conquista da luz cando a escuridade traba nas pernas.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 30/06/2019


Ningún comentario:

Publicar un comentario