"A Fundación Manuel Moldes ocupará o último andar do edificio da Xunta en Benito Corbal" (Diario de Pontevedra 9/07/2019)
Oxalá, M.!
Oxalá
querido Manolo esto chegue a bo porto. Oxalá dentro dun tempo
podamos asomarnos de novo a túa obra e facelo a carón do teu
estudio, onde a luz segue acesa, aínda que moitos non o saiban. Os
teus avós seguen no sofá cos seus grandes ollos ben abertos, os
lobos seguen oubeando, as bañistas, nas que traballabas como un
rapaz que comeza, están desexando que os ollos se posen nelas e os
soños que emerxen da túa Pontevedra seguen a bulir entre cadros,
debuxos e pinceis. Todos eles queren honrarte estando de novo fronte
á xente, fronte a xente de Pontevedra, que foi a túa inspiración
irrenunciábel, nos bos e nos malos momentos.
Ese
círculo xeográfico que trazaches arredor da túa vida tiña na súa
circunferencia toda unha serie de paradas que ían do carballo de
Santa Margarida, ao Lérez, pasando pola Alameda, a Ferrería ou
Pasarón. Escenarios dunha ‘Pontevedra suite’ (tal e como se
chamou a túa derradeira exposición) que fronte a cada cadro
convertíanse en pintura. Misterio máis luz igual a arte e a vida.
Non, non nos esquecemos Manolo, e aí andamos, tentando que as partes
da ecuación se axusten para poñer ante Pontevedra de novo a túa
obra ergueita.
Sabemos
que a través dela podemos chegar a comprendernos moito mellor, que
poucas obras da pintura en Galicia explican, de xeito máis lúcido,
a nosa identidade que a túa, que tanto lle debía ao territorio, que
tanto se enfiaba co que o tempo puxo ante os teus ollos cada vez que
saías fóra do estudio. E agora, dende ese mesmo estudio albíscase
un futuro de esperanza no reformado edificio da Xunta de Galicia en
Benito Corbal. Na súa derradeira planta, ben cerca do ceo, a túa
obra voltará a respirar, e todos nós con ela.
Toca
aínda traballar arreo, plantexar un proxecto expositivo axeitado,
que o espazo acolla do xeito máis profesional posíbel a túa obra,
e moitas, moitas cousas máis, pero xa subimos un primeiro chanzo, e
un ben complicado, o de atopar quen aposte pola túa obra e o de
poñer un espazo á disposición da arte, co que nos costa iso
ultimamente.
Oxalá
todo siga polo seu rego, que as vontades sigan sumando para que
podamos chegar a ese derradeiro chanzo e volver a sentir ese
arreguizo que nos estremecía o corpo cando as túas pinceladas, as
túas materias ou as túas formas nos falaban dende o cadro,
poñéndonos ante un espello no que o tempo e a historia conxugábanse
nunha mitoloxía común que ti fuches quen de xerar.
A
nosa obriga como sociedade é que esta ilusión que arrinca non
esvaeza e remate fronte aos teus cadros, fronte ao teu mundo
inspirado no noso. Oxalá, M.!
Publicado en Diario de Pontevedra 9/07/2019
Fotografía. Manolo Moldes en su estudio (Séguez)
Ningún comentario:
Publicar un comentario