venres, 30 de outubro de 2020

Eterna señora Lola

 


ESTABA O Pontevedra c.f. a piques de debutar en Pasarón esta tempada cando o noso compañeiro radiofónico, Ramón Mella, deixaba voar nas redes este tesouro, unha fotografía da señora Lola no seu lugar de traballo en Pasarón. Non é sinxelo atopar fotografías da señora Lola máis alá dela vendo algún partido do seu equipo da alma, como a de Miguel Vidal publicada no Diario de Pontevedra celebrando un gol e que lle serviu a Yoseba Muruzábal para inmortalizar a súa figura nunha medianeira no barrio do Burgo, fronte ao que foi o seu espazo de traballo. Por iso, atoparnos con esta imaxe foi unha sacudida, unha impresión para entender máis o traballo calado e extenuante da señora Lola, un traballao alleo aos focos mediáticos e ás louvanzas, máis alá das que os propios xogadores que vestiron as equipacións que ela mesma lavaba podían ofrecerlle. Ao fin e ao cabo un traballo como o de tantas e tantas mulleres que se adicaban a estas tarefas dentro e fóra das súas casas, normalmente co esquecemento da sociedade.

Visibilizar esta tarefa é xa un éxito que vén a reivindicar e a poñer en valor ás mulleres durante tantas décadas de olvido. Converter o noso rueiro nunha recuperación do universo feminino que tan presente estivo sempre, aínda que agochado, nas nosas vidas, tería que motivar o noso orgullo por tantas mulleres silenciadas ao longo do tempo, como comprobamos co traballo que se fai no proxecto ‘A memoria das mulleres’ do concello de Pontevedra coa achega de Montse Fajardo.

Ver a señora Lola cos brazos en alto nese mural, percorrer as enrrugas do seu rostro que, de xeito tan brillante, plasmou Yoseba Muruzábal ou deterse uns minutos a contemplar a fotografía que lle fixo Ramón Mella como parte dun traballo proposto polo mestre Xurxo Lobato en 1998 é enfrontarse a parte da nosa historia, e facelo a través de quen nunca pretendeu máis que facer o seu traballo da mellor maneira posible. Pode que con algún berro, pero tamén cunha fonda amabilidade, como a que a señora Lola tivo con aquel rapaz que comezaba a facerse un oco no mundo da comunicación e nun terreo, o deportivo, no que a señora Lola lle descubriu boa parte da maxia que se agochaba naquel Pasarón de vellas xestas sempre a piques de ser renovadas.

No modesto hábitat da señora Lola atopámonos lavadoras e santos e santas. O laboral e o divino, ao que tantas veces se tivo que encomendar para tentar mellorar o rendemento dun equipo que nos últimos tempos non lle puido dar demasiadas alegrías, porén estas chegaban mediante os aloumiños dos seus ‘nenos’, aqueles xogadores que sabían que boa parte da historia dese clube dependía de xente como ela, sacrificada, ausente das grandes fotografías, adicada a mellorar aos demais en base ao seu traballo e sen nunca pretender un sentido de trascendencia. Por iso, cando chegan estas homenaxes públicas, un sempre pensa que lle pasaría pola cabeza á señora Lola, a Dolores Calviño, ao verse retratada dese xeito, ao ver que a lembramos máis a ela que a moitos xogadores aos que ela lles limpaba a roupa, pero tamén ao ver que unha muller, Lupe Murillo, é agora quen manda non Pontevedra c.f., e como as mulleres están a protagonizar unha necesaria revolta para facer desta sociedade unha sociedade máis xusta.

Yoseba Muruzábal pintou á señora Lola, pero ao tempo pintou a dignidade que o tempo escureceu e do que Ramón Mella nos agasalla esta testemuña coa que tentar entender un pouquiño mellor a quen fixo do sacrificio silencioso parte da nosa historia común.

 


 

Publicado en Diario de Pontevedra. 30/10/2020

Fotografía. A señora Lola en Pasarón fotografada por Ramón Mella en 1998.


Ningún comentario:

Publicar un comentario