sábado, 14 de junio de 2014

Facultades


"Volvémonos pobres. Habemos ir entregando unha porción tras outra da herdanza da humanidade; a miúdo tivemos que deixalas na casa de empeño pola centésima parte do seu valor, a cambio do diñeiro solto do actual". (Walter Benjamin)

O raro non é, como se publicou fai uns días, que a Facultade de Belas Artes de Pontevedra sexa a quinta mellor facultade de España no seu ámbito, senón que haxa catro que son mellores co centro pontevedrés. “Qué esaxerado!”, pensarán vostedes. Pois fáganme caso, achéguense ata o Museo de Pontevedra (fágano rápido porque incomprensiblemente a mostra remata o domingo 22 sen cumplir un mes dende a súa apertura) e visiten a exposición ‘En plenas facultades’. Nela verán, baixo a proposta dos comisarios Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre o ideario creativo non dos alumnos, senón dos seus mestres. E se os mestres son quen de facer isto, que non farán os seus discípulos cun pouco de disciplina, talento e traballo. Qué de todo hai na viña do señor!
O pasado ano iniciouse este proxecto que viña a visibilizar como o facer dos mestres desta facultade non se limitaba o labor docente, senón que, alonxada da burocracia didáctica, unha primeira quenda deses mestres, amosaba a súa faciana como artistas, como creadores que reflexionan daquelo que acontece ao seu arredor, transformándoo e amosandoo en diferentes soportes. Agora chega unha segunda quenda que pechará esta débeda pendente cun sector, o dos docentes, abofé que esquecido decote dende a creación do centro pontevedrés. Todas as miradas puxéronse ao longo do tempo nas diferentes xeracións de alumnos, e xa van unhas cantas, xa que dende a apertura dos estudos en 1992 non foron poucos os que encheron esas aulas e, posteriormente, configuraron ou configuran a súa andaina profesional. Aquela exposición ‘Novos camiñantes’, comisariada en 1999 polo pontevedrés Miguel Fernández-Cid, puso o ollo sobre as novas miradas que xurdían do antigo cuartel de San Fernando, converténdose nun fito que chega ata hoxe e con elos que se espallaron en múltiples direccións, sendo algúns deles os que afianzaron esa positiva calificación universitaria.
A atinada percepción dos comisarios de poñer en valor aos grandes esquecidos do proceso renovador de moito do sistema plástico en Galicia nas últimas décadas é a que permite achegarnos a obra de nomes como os de Almudena Fernández, Chelo Matesanz, Monica Ortúzar, Anne Heyvaert, Fernando Casás, Berta Cáccamo, Manuel Moldes, Manolo Dimas, Elena Lapeña, Nono Bandera, Ignacio Pérez-Jofre, Ánxel Huete e Elena Fernández Prada, amosando a afouteza dos seus ideais como creadores. Unha diversidade que fará que cada un deles responda a distintas cuestións e a partires do emprego de diferentes linguaxes, pero todos xuntos entonando cunha soa voz a súa necesidade de seguir sendo artistas, de continuar na loita de facer visible o invisible, e de artellar uns discursos que nos representen como sociedade, cerna do debate e explicación do que acontece nestas salas.
Falamos dunha sociedade que esmorece en moitos dos seus sectores, e que non deixa de comportarse como o derrubo de todo un sistema que nós mesmos engordamos e agora converteuse en escombro. Así o soubo ver Ignacio Pérez-Jofre dende esa serie na que unha afortunada visión conceptual e tamén resolutiva en canto á forma coroa a exposición cunha peza chea de connotacións. O paso do tempo, a inclusión do construido sobre o que un día estivo en pé, ademáis de ser unha crítica a este tempo no que todo custa tanto, incluido o material para pintar, sendo todo un éxito esa procura de novos materiais de cara a mellorar os aforros. E como ela as demais pezas, xeitos de ollar a un lugar no que viven e traballan, no que estes profesores amosan as súas plenas facultades como artistas, como xente do pensamento e non so coma unha engrenaxe administrativa á que moitas veces nos leva un sistema educativo e universitario cada vez máis afastado das necesidades dos alumnos. Sirva esta mostra para berrar ben forte, que todos eles están aquí, e por fortuna ese aquí chámase Pontevedra.

Publicado no Diario de Pontevedra 14/06/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario