Dende o seu recuncho vital de Mourente ata o Innisfree xa mitolóxico de
John Ford, Luis Rei abre de novo a cerna da súa realidade como creador e aínda
máis alá, como ser humano. Poucas disciplinas máis intensas ca poesía para
entenderse a un mesmo, para abrirse en canal e intentar achegarse a aquilo que
nos identifica como eu. Solitario, singular, é ben certo que o creador
literario necesita de cando en cando exercer ese acto de expiación íntima,
aflorar sensibilidades, rastrexar esas derivas que foron acaendo ao longo dunha
vida chea de experiencias e sensacións e que logo quedan nun como crebas sobre
a area dunha praia.
Moito diso hai neste poemario de Luis Rei. Cada vez mellor poeta o autor
peneira cunha inusitada efervescencia esa bagaxe da vida, e así é como por
estes versos non deixan de xurdir fragmentos do naufraxio (ao fin e ao cabo
toda vida ten algo de naufraxio) aos que o noso protagonista se aferra como
unha Ítaca a que regresar unha e outra vez na procura do alento para continuar
fiando a súa traxectoria literaria e persoal, se é que ambas non son unha.
Nesa incorruptible harmonía atopamos o seu Monte Louro, faro existencial
que da sombra a moito do escrito por el, pero tamén as illas do tesouro, as
leiras e as praias, as ondas e as conversas cos amigos, Beethoven e Zurbarán,
as nubes e a patria sentida.... en definitiva, os dons aos que el mesmo prega
no poema final, un impoñente belisco para quen o le polo respecto que se ten a
todo aquilo que fai mellor as nosas vidas, os refuxios onde un sempre atopa
acubillo e paz, acougo e sosego. Sen eles a vida sería moi diferente e este
poemario non sería o que é, un percorrido vital por esa dualidade aberta e
pechada. Aberta porque o autor nos leva á natureza como experiencia sensorial,
dende á Costa da morte ata o xardín que arrodea a súa casa de Mourente: «Unha
leira en Mourente e o xardín que arelan as mans que me envolven nas caricias da
dita». En calquera desas dimensións a luz, as cores, os ventos ou os aromas
xeran o fluir necesario para sentir o latexo da vida; pero tamén pechada, ao
facerrnos partícipe das súas ligazóns culturais: Simbad, Jim Hawkins, Rilke,
Ramiro Fonte, Torneiro ou Cuña Novás son so algúns dos integrantes desa extensa
nómina de influxos aos que un nunca está de todo agradecido polo moito que dan
sen esperar nada a cambio.
Mergullarse nestes poemas é ollar en fite a alguén que espreme a vida,
que sabe o que hai de bo nela para balizar ante nós un itinerario de
experiencias, como se fose un deses faros que o cautivan tanto, luz na
natureza, pero tamén na escuridade da que saímos moitas veces grazas a todo ao
que o poeta rende tributo. Toda unha oración polos dons.
Publicado no Diario de Pontevedra e Progreso de Lugo 8/06/2014
Fotografía Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario