lunes, 16 de junio de 2014

Un escritor espido



Saber o libro cun quere escribir non ten que ser nada sinxelo. Moitas veces do previsto ao resultado final media todo un mar de dúbidas e incertezas ante o que pode saír desa historia plantexada como argumento embrionario. Coñecendo a Miguel Ánxo Fernández e o seu amor incondicional polo cine un entende o senso desta novela e como debeu estar moi pensadiña dende esa chispa inicial ata que o libro saiu do prelo.
Todos os amantes do cine temos nesas salas nas que nos envolve a escuridade, e un milagre materializado nun haz de luz proxéctase sobre a pantalla, unha especie de paraíso. Un espazo xa mítico e co que o progreso non se leva nada ben. As novas tecnoloxías e os novos xeitos de ver o cine aniquilaron espazos tan singulares, e nunca o ben protexidos que deberán, como os antigos cines. A eles é aos que honra esta novela. Unha delicia literaria que te leva aos cines antigos, pero tamén a películas que se agochan coma tesouros na nosa memoria. Aquel cine costumista dos anos cincuenta e sesenta afundido no Neorrealismo e que facía trascender a vida dende a propia pantalla. Películas nas que a vida nunha praza o era todo. Un café, unha igrexa ou un cine xurdían como un microcosmos para a análise do ser humano. Dunha desas prazas en branco e negro e deudora ‘O espido de Gina’ ao artellar dende o literario un deses refuxios da alma no que transcorren toda unha serie de peripecias. Igrexa, cine e café son o triángulo que acolle as vidas dos protagonistas, e de todo un enxamio de secundarios tan importantes coma os primeiros. As relacións pouco amistosas entre un cura, defensor apaixoado das leis da Igrexa e o dono dun cine, reduto de liberdades ao amparo das sombras, son o motor deste relato no que un intégrase grazas a prosa fluida do seu autor, afastándose dun exceso de pretenciosidade que lle faría perder forza a un relato que ten o seu gran valor nese ter os pés pegados á vida. Non pretende nada novo Miguel Ánxo Fernández, el mesmo sabe das intensas relacións desta obra con ‘Cinema Paradiso’ e todo ese mundo da cinefilia que o cine foi quen de artellar como mecanismo de defensa ante os novos tempos. Esa falta de complexos é a que permite que o espectador se atope moi cómodo, chegando a formar parte desa colmea humana arredor de igrexa e cine, da loita entre a tradición e o novo.
Un remata o libro coa sensación de ter lido unha fermosa historia, unha recuperación nostálxica dun tempo xa clausurado no que o cine era moito dentro da vida dun pobo ou dunha capital. A esa primeira sensación engádeselle outra percepción, a de gozar da literatura e sentir que o autor aínda gozou máis na construción dunha novela na que se agocha moito do que el é, e se nos paramos un chisco, tamén do que nós somos.

Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 15/06/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario