luns, 14 de xullo de 2014

'Os méritos de Filgueira Valverde son desbordantes. Tenos todos'


A elección de Xosé Filgueira Valverde como persoeiro ao que adicar o Día das Letras Galegas 2015 xerou un balbordo mediático arredor da súa figura. Entre as moitas persoas achegadas a el, falar con Xosé Carlos Valle e falar de máis de 40 anos de relación en común, dende o vencello mestre alumno, ata as tarefas de dirección do Museo de Pontevedra.


O ACHEGAMENTO Á FIGURA de Xosé Filgueira Valverde nunca estaría completo se non se fai dende a mirada e a memoria dalguén que compartiu con el máis de corenta anos de adicación á cultura e a Pontevedra, dous dos alicerces do quefacer de Xosé Filgueira Valverde. Así aconteceu dende os anos sesenta, cando foi alumno seu no Instituto, agora coñecido como Valle-Inclán, e así continuou posteriormente pola súa relación no Museo de Pontevedra, do que Carlos Valle foi director adxunto dende o ano 1981 ata 1986 no que asumiu a súa dirección. Orgulloso de continuar a súa obra ao fronte desa emblemática institución cultural, Xosé Carlos Valle celebra a elección dunha figura con méritos máis que suficientes para ser a quen se lle adique o Día das Letras Galegas 2015.
Cando comenzou a súa relación con Xosé Filgueira Valverde?
Pois como para tantas outras persoas no Instituto de Pontevedra. Eu estudiei bacharelato entre os anos 1963 e 1970. Naquel Instituto de Pontevedra, hoxe Instituto Valle-Inclán, don Xosé era o director. Estando en terceiro no Museo de Pontevedra existía a figura dos Alumnos Colaboradores (unha iniciativa pioneira nas institucións culturais no Estado), invitándome don Xosé Figueira nesas vacacións a incorporarme con doce anos, e dende entón xa se me inoculou o ‘virus Museo’, e ata hoxe.
Tras a Licenciatura regresa a Pontevedra e volve ao Museo
Si, ao rematar a carreira volvín a Pontevedra un tempo, fixen o servizo militar e regresei á Universidade de Santiago cunha beca a facer a miña Tesis Doutoral. No ano 1980 tiven que tomar a difícil decisión de continuar os estudos fora de Galicia ou retornar a Pontevedra, como me pedía don Xosé Filgueira, e unha persoa que xa non está, e á que eu creo que debemos ter moi presente á hora de falar do Museo, don Alfredo García Alén. Pois dalgunha maneira, xunto co meu pai, me pediron que non marchase ao estranxeiro, rexeitando ofertas, e así foi como me quedei en Pontevedra. Unha decisión da que non me arrepinto, e aínda que o fixera non serviría de nada.
Cómo era o trato humano con Filgueira Valverde?
Era unha persoa amable, sempre disposto a informar. Moi xeneroso, esixente, pero iso non é malo. Era unha persoa dunha extraordinaria calidez, nas distancias curtas era alguén moi sensible. Sempre estaba disposto a colaborar, non ocultaba informacións, quero dicir que non era dese tipo de individuos que sabían algo e non cho dicían no vaia a ser que ti te adiantases nalgún estudo. Procuraba tamén estar sempre ao día do que acontecía e citaba sempre a fonte cando facía algunha explicación pública.
Cómo definiría os seus méritos para que se lle adique o Día das Letras Galegas?
Desbordantes, creo que os ten todos. No Día das Letras Galegas conmemórase non só aos que traballan coa lingua, senón tamén aos que traballaron coa cultura de Galicia. Dende ese punto de vista foi unha das grandes personalidades da Galicia do século XX; como polígrafo, como coñecedor do ser da esencia de Galicia, non hai dúbida sobre a súa escolla. Creo que non é casualidade que fora un especialista en Sarmiento, o seu descubridor, a el adicou o seu discurso de ingreso na Real Academia da Historia. Por qué? Porque facendo a máxima dos humanistas: «Se nada humano lles resultaba alleo», a el, «nada susceptible de ser relacionado con Galicia lle era alleo». Unha das persoas con máis vastos coñecementos que eu coñecín.

E nunha produción tan heteroxénea a qué lle daría máis relevancia vostede?
A el interesáballe todo. E boa proba a temos neses estupendos libros titulados xenéricamente ‘Adral’, nos que se facía unha compilación de textos, e aí daste conta do seu interese por moitísimos aspectos, pero se tivésemos que destacar campos moi concretos coido que ante todo sería o da Lírica Medieval. Foi un dos grandes especialistas nese eido, empezou moi novo a publicar sobre Cantigas de Santa María, e a súa Tesis de Doutoramento, defendida en 1936, continúa aínda hoxe sendo un material de referencia sobre o tema. Foi unha persoa que non tivo reparos en facer estudos de conxunto, cando non había case nada feito antes, así como en abrir novos campos. Con dezasete anos foi, aínda non os cumprira, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, participando nos equipos das famosas ‘xeiras’, el mesmo fixo labores de campo. E na docencia, o mesmo podía expoñer unha lección ante un sofisticado auditorio como chegarse ante xente máis cativa, tiña a virtude de de modificar o seu rexistro dependendo de ante quen falase.
Fala desa capacidade didáctica e como ensinante, algo que semella chocar coas críticas que fan algúns sobre que a súa obra ou a súa figura non teñen aplicación no sistema escolar de cara ao fomento das Letras Galegas.
Quen diga iso descoñece o esencial da súa produción como creador literario, [di o Director do Museo, mentres colle na man o voluminoso catálogo que se lle adicou a Filgueira Valverde no ano do centenario do seu nacemento en 1996, como complemento dunha exposición no Museo de Pontevedra]. Mira algunhas destas obras: ‘Os nenos’, prosa adicada a nenos; ‘O vigairo’; ‘Agromar’, teatro escolar galego; ou ‘Quintana viva’. Quen diga que non ten aproveitamento dende o punto de vista didáctico ou do ensino é que descoñece o seu currículum. Todo isto é bastante máis amplo, por moi importante que sexa a obra do poeta a quen se lle adicou este ano, dende o punto de vista da cantidade. E incido, a Real Academia Galega non só está composta por persoas que traballan literatura ou poesía, hai historiadores, científicos, xentes doutros ámbitos, e no caso de Filgueira foi un humanista e a maiores foi creador literario en prosa e en verso, así como historiador da literatura galega.
Falar de Filgueira Valverde e do Museo de Pontevedra é falar dunha mesma identidade así como doutra das súas achegas?
Sen dúbida. A relación aparece ao tomar forma o Museo, el foi secretario técnico do padroado fundacional pasando por todo o escalafón ata ser Director Emérito. O crecemento físico, cos diferentes edificios, acompañouse co crecemento dos fondos, amosando unha diversidade de intereses, isto é importante, xa que nos propios estatutos faise constar esa variedade que conforman os fondos hoxe do Museo. Esa comenencia que tiña por todo tamén se explicita no Museo, como todos aqueles que procederon da Sociedade Arqueolóxica e que tiñan ben claro que sería tamén un centro de investigación. Contouse así cunha biblioteca e un arquivo, tanto documental como gráfico, e iso poñíase a disposición da colectividade.

E neses fondos está toda a súa obra?
Si, el era moi coidadoso e gardaba absolutamente todo o que caía no seu poder. Unha parte moi importante da cultura galega do século XX está no seu arquivo, e ademais de xeito autobiográfico, xa que foi protagonista da maioría deses acontecementos culturais. Foi Conselleiro Adxunto para asuntos de cultura no primeiro Goberno Autónomico de Galicia, pero tamén figura destacada no Seminario de Estudos Galegos, so por citar dúas referencias afastadas no tempo.
O Museo de Pontevedra e a propia cidade estarán no centro da atención durante todo este ano,
Si, é unha das moitas cousas que se lle teñen que agradecer a súa figura. Entre os moitos motivos que ten para lucirse esta cidade terá o de estar en permanente actualidade ao longo deste ano.
«O que eu desexo é que a súa figura sexa coñecida por todos e por todo»
De qué nos vai a servir este ano arredor da súa figura?
O que eu desexo é que a súa figura sexa coñecida por todos e por todo. Por todos, non só polos especialistas, senón que sexamos quen de difundir a súa figura en tódolos ámbitos. E por todo, por que coñezamos todo o que fixo. Por exemplo, hoxe presumimos moito do Casco Histórico de Pontevedra, pois cando o desarrollismo, tan nocivo para o noso patrimonio estaba ameazando o ser máis íntimo da cidade, como é o seu corazón, el soubo defendelo, e iso é algo que non se lle recoñece. Non foi so el, houbo otras persoas, claro, pero si que tivo o seu protagonismo.
Dende que se coñeceu a súa designación dende varios sectores criticouse a súa escolla. Entende esas críticas?
Non as entendo. Respetoas e estou seguro que dentro dun ano, cando se coñeza ben o seu pensamento e a súa actuación, gran parte dos seus detractores acabarán recoñecendo que se equivocaron. Emplazámonos para dentro dun ano e verás.
Hai cousas que lín nestes días e ata onde eu sei non son reais. Fun moitos anos alumno seu, e coñezo a moitos que tamén o foron. Cómo se pode dicir que no permitía falar en galego nas aulas! Gran parte dos meus compañeiros procedían do rural, galego falantes. e eu nunca asistín a esa prohibición e levo uns días preguntando a excompañeiros se nalgún momento o escoitaron e ata agora non atopei a ningún. E volvo a Sarmiento, un avanzado no século XVIII que defendía a educación na lingua materna, como era a nosa. Filgueira tamén insistía nesa educación, de feito unha das súa fillas fixo a súa tese de Licenciatura sobre ‘O ensino na lingua de Sarmiento’.
Nalgún momento nesa relación de confianza falaron sobre eses capítulos que se lle botan en cara estes días, como a súa saída do Partido Galeguista, a súa ausencia no xuízo a Bóveda ou o ser alcalde no franquismo.
Sobre todo nos seus últimos dez anos acabei converténdome, en palabras dos seus propios fillos, no seu sexto fillo. Falabamos absolutamente de todo, sen reparos. As súas posturas eran moi claras, e todas son susceptibles de crítica, como as túas ou a miñas. A saída do Partido Galeguista está perfectamente explicada por Xosé Ramón Barreiro; foi alcalde de Pontevedra no franquismo, non un alcalde franquista, e emprego as palabras do profesor Xesús Alonso Montero, nunca actuou como tal. E o de Bóveda é un mito que ven dun libro moi mal fundamentado, e a mellor demostración é a relación da familia Bóveda con Filgueira Valverde. E outro dato, Xosé Sesto, foi a última persoa que viu con vida a Bóveda, e despois da súa morte foi amigo fraternal de Filgueira. Se houbera algo diso que se di, Xosé Sesto non lle miraría á cara o resto dos seus anos.


Publicado no Diario de Pontevedra 13/07/2014
Fotos: Lorena Castro e Arquivo Diario de Pontevedra

Ningún comentario:

Publicar un comentario