domingo, 28 de septiembre de 2014

Chegar




Chegar, aínda que sexa tarde. Acotío chego tarde a demasiadas cousas. As 24 horas do día non me dan para coñecer e saborear tantas boas cousas coma ten a vida sementadas ao longo do seu agro. Libros, filmes, músicas, faladoiros, persoas... desfilan ante min amosando a miña incapacidade para poder prestarlles toda a atención que precisan e merecen. Moitas desas beizóns quedan sepultadas polo paso dos días ata que volven a agromar nunha sorte de milagre que non entende de datas senon do azar. 

Ao longo desta semana coincidiron dous destes milagres, dúas recuperacións que, en certo modo, teñen moito que ver e que me permitiron saldar dúas desas débedas. A primeira ten forma de película, mellor dito de documental. ‘Searching for Sugar Man’ é o nome dun traballo que tivo moita sona fai dous anos ao gañar o Oscar nesa modalidade. Entón todo foron boas palabras, unha chea de loanzas e o descubrimento dun cantautor chamado Rodríguez, sepultado polo seu propio país, os Estados Unidos, pero que en Sudáfrica vendeu millóns de discos. Unha historia a priori sen pés nin cabeza, pero que grazas a mestría do seu director, Malik Bendjelloul, un queda engaiolado polas letras e interpretacións dese home. 
Ao pouco de enterarme de que ían a emitir pola televisión ese documental caeu nas miñas mans o derradeiro traballo musical dun personaxe moi coñecido na nosa cidade, ao que o tempo tamén foi sepultando no esquecemento. Fálolles de Luis Emilio Batallán, moitos de vostedes, sobre todo os máis maiores, ao ler este nome pensan naquel presidente de cabelos alporizados do Pontevedra c.f. de finais dos oitenta, pois acertan. Non sabían que cantaba?, pois se non o sabían, sobre todo os máis novos, non deixen de escoitalo e deseguida esquecerán aqueles desafortunados anos deportivos (e se non saben nada deles mellor non pregunten) e descubrirán a un cantautor deses que non hai moitos, menos na nosa terra, dos que levan a música polas veas. Esa escuridade que nesta cidade se apoderou do personaxe esvaece cando un se achega á biografía deste médico que nos anos setenta foi quen de vender medio millón de discos cun tema xa mítico na paisaxe musical galega como foi aquel ‘Aí ven o maio’. Eu mesmo levo moitos anos afastado desa sombra dos oitenta a carón do Lérez, do que me soaba que pasaba consulta en Moraña e que de cando en cando aparecía o seu nome entre os agradecementos dalgún disco de Joaquín Sabina. Sempre me chocou iso, o que non viña máis que a confirmar as súas relacións e o aprezo que xente tan importante na música como Sabina ou Pablo Milanés e Dagoberto González, produtores deste disco, lle teñen ao cantante galego. 
Diferentes traballos musicais o foron colocando nese espazo de cantautor ‘outsider’, non tan preocupado pola industria e as vendas, como por gozar da música que é o que se palpa neste derradeiro traballo seu, ‘Había que chegar’. A cuidada edición a cargo da Editorial Galaxia, cun estoxo que contén un cd e un dvd cun concerto gravado no compostelano Teatro Principal e unha conversa con Víctor Freixanes, amosa un traballo de altura, interpretado por uns músicos excepcionais, cuns sons cheos de mesturas musicais, brisas do Caribe e verbas dos nosos mellores poetas. Rosalía de CastroMaría Mariño ou Álvaro Cunqueiro poñen o soporte, como antes fixeron outros grandes poetas que reflicten a sensibilidade do cantante polas nosas letras, e unhas cancións que nos amosan o potencial deste home ecléctico, un deses seres estraños tan necesarios para vigorizar calquera sociedade. Un currículum adornado coa presidencia do Pontevedra c.f. imprime carácter ao ser case algo sacramental e que vai a perseguir a un para toda a vida (para ben ou para mal. Lupe, colle aire), póñanlle unha bata branca e un micrófono nas mans e xa me dirán vostedes se temos ou non un fito na nosa terra. Todas elas son peripecias que sementan a vida de cara á meta en que se converten os soños. O de Luis Emilio Batallán supoño que, ademais de o de levar ao Pontevedra á Primeira División, era o de adicarse á música, poesías e cancións xuntas para facer ao público partícipe da ledicia de cantar. Había que chegar ata aí e, á vista deste novo disco, Luis Emilio Batallán pode dicir que chegou. 
Outros imos con retraso, pero a ledicia de descubrir o que é bo, cando acontece, fai esquecer esa travesía polo deserto do descoñecido. Pasoume con Rodríguez, e tamén con Luis Emilio Batallán.




Publicado no Diario de Pontevedra 27/09/2014
Fotografía. Ángel Tourón (cedida Editorial Galaxia)

No hay comentarios:

Publicar un comentario