A retrospectiva
sobre a obra de Txomin Badiola no Palacio Velázquez de Madrid amosa
a súa anovadora concepción da escultura que, xurdida dende o seu
Bilbao natal, e refundada dende a obra de Oteiza, estendéuse pola
península como un feito de transgresión.
A PROPOSTA do Museo
Reina Sofía de percorrer a obra de Txomin Badiola (Bilbao, 1957)
dende os anos oitenta ata hoxe vainos a permitir resituar o papel da
escultura dentro da arte actual, e tamén replantexar moitos dos
postulados artísticos que, xurdidos dun grupo de experimentación
fortemente vencellado ao seu territorio natal, foise extendendo polo
eido artístico como un permanente desafío ao establecido, unha
análise das formas que rachaba con moitos paradigmas establecidos
dende diferentes propostas artísticas para constituirse nun proceso
de hibridación de elementos e intereses visuais e conceptuais que
singularizan o seu traballo.
Un espazo tan complexo
como o do Palacio de Velázquez, no Retiro madrileño, será o
escenario no que Txomin Badiola reformule a súa obra que certamente
ten moito de escenografía, de impacto formulado arredor dunha
exuberante ilóxica do obxecto, desa escultura entendida como un todo
e como parte dun proceso sempre en permanente proceso de dúbida que
non fai máis que prolongar esas incertezas ao espectador dende a
dialéctica de desmontar aquilo que se percibe como visible. Nesa
praxe da mala forma (permítaseme a expresión), ou cando menos da
forma en continua discusión é na que se inxire todo un debate sobre
a propia obra de arte a través dun diálogo plantexado entre as súas
propias obras, escollidas por diferentes artistas do seu círculo que
decidiron qué traballos poderían formar parte da mostra. Xérase
deste xeito unha exposición que desterra calquera liña cronolóxica,
pese a súa pretendida conformación biográfica ou autobiográfica,
e propón unha lea de referencias que se van cruzando entre si, con
saltos no tempo, con pescudas arredor da súa orixe e co permanente
debate sobre as súas diferentes formulacións visuais.
Esa confrontación
entre artistas é moi importante dentro do proceso teórico da arte
para Txomin Badiola, «Non hai máis autoridade moral que a de outro
artista», era a provocadora frase coa que nun principio pensou
titular o artista a exposición e que lle revela a Bea Espejo nunha
entrevista no ‘Cultural’, coa que buscaba reflectir ese momento
de humildade e de reflexión do artista no seu estudo na procura da
súa liña propia, afastándose de imposicións sociais ou modas
temporais que pervirtan a súa linguaxe. O titulo finalmente mudou e
quedouse en ‘Otro Family Plot’, aludindo ao nome dunha peza
esencial na súa traxectoria ‘Family Plot’ e que centra a
exposición, pero tamén referencia a esa familia que o rodea xunto á
familia artística que xa vemos é decisiva na configuración desta
exposición antolóxica.
En Txomin Badiola, e na
súa obra, dase esa condición enriquecedora que xorde da súa
teorización artística como profesor da Facultade de Belas Artes de
Bilbao, na que el mesmo se formou, tamén como autor da catalogación
da obra de Jorge Oteiza-fundamental en moitos dos postulados do seu
traballo- e como comisario de diferentes exposicións. Compoñentes
que lle outorgan á mostra o valor engadido dese proceso reflexivo
que vai máis alá da individualidade do artista e penetra no que
poden ser as propias condicións da escultura.
Obras fotográficas,
debuxos, pezas escultóricas ou instalacións multimedia, producidas
dende aqueles anos oitenta, nos que comezou case todo neste país,
exhibiranse ata o 26 de febreiro nun percorrido que nos porá diante
dunha das reflexións sobre o artista (en senso amplo) e a súa obra
máis interesantes e particulares das últimas décadas. Un xeito de
enfrontarse cara a cara a un proceso rupturista e rexenerador onde
todo xorde dunha arte ilóxica, allea a calquera delimitación previa
das súas posibilidades e sempre pendente de formar parte da
liberdade creativa e da defensa do eu fronte á sociedade e as súa
capacidade para restrinxila.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 2/10/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario