sábado, 22 de outubro de 2016

A ausencia que non é

«O canto da rula ao verán é grave/como queda da folla que principia o outono./Fúndase así en ave anunciadora/dunha estación que desaparece pregada/sobre os campos de cereal (...)» 
[‘Anunciación’ (fragmento). ‘Suicidas’. Francisco Cortegoso]


Morrer con 31 anos. O poema da dor e a mágoa xa está rematado. Sempre é inxusta a morte e, aínda que cando vimos a este mundo xa asinamos o contrato coa Parca, canto máis se demore o pago mellor. Ante novas como a do pasamento de Francisco Cortegoso ese tempo convértese en ouro, nun ben sólido que sen embargo escorrega entre as nosas mans como a area nun reloxo doutra época. 
Agora que as palabras acadaron o seu sitio tras o tempo preciso de exploración, agora que o bosquexo é libro, agora que a poesía brota da vida o destino quixo poñer ante nós o seu verso máis amargo e condenarnos á ausencia. Pero a poesía, a creación en si, se algo é quen de acadar é a ausencia que non é, isto é a inmortalidade arredor do feito, arredor, no só do escrito, senon do vivido, dos vencellos cos amigos, dos fíos irrompibles dunha poesía que lle permitíu texer un berce de amizades que, dende o tráxico día, non deixa de poñer en valor o seu legado de verdade.
Collan nas mans, a min púxomo nelas o bo e xeneroso Fernando Miranda da Libraría Miranda de Bueu, o testemuño do seu traballo que moitos deses amigos buliron en apañar para que o acariñase a súa pel antes de ser mármore. E así foi como un deses milagres dos nosos días, como é o nacemento dunha editorial de poesía, Chan da Pólvora, puxo en circulación ‘Suicidas’, unha gavela de poemas escritos hai un tempo pero que agora se revelan luminosos e sobranceiros de seu e, xunto ao seu primeiro poemario, ‘Memorial & Danza’, editado por Espiral Maior, é o legado que se converte no pasaporte á inmortalidade.
A densidade da palabra, a presión terreal, o tempo e a vida. Un cóctel que deriva na vesanía deste mundo no que, como se fósemos unha noz, estamos permanentemente á beira de que se escache a nosa casca para amosar así a indefensión á que como humanos estamos sometidos acotío.
Fuxe ao longo do poemario Francisco Cortegoso do territorio urbano, daquilo que cada vez é máis inhóspito con nós sendo, curiosamente, un artificio xerado por nós mesmos. Lonxe do asfalto o poeta busca o acubillo na terra, na terra ceibada pola natureza na que erguer a palabra, ao fin e ao cabo, o derradeiro chanzo para acadar a nosa liberdade. Francisco Cortegoso constituíu un afoutado chanzo dende esa palabra sen doma para que pousemos o pé nel e nos sintamos próximos a unhas palabras capaces de escribir as cores. Capaces de beliscar a nosa alma dende a súa contundencia e brevidade. Non agarden nestas páxinas polo verso longo nin pola metáfora espallada. Non é poesía de adobíos gratuítos, nin do recreo da palabra. Esta é unha poesía sin distraccións, sen camiños de ida e volta na que o carácter nihilista da palabra enfróntanos ao abismo. Aí fincados, fronte ao baleiro, xorde a brisa das páxinas, o ar calmo dende o que reflexionar sobre as lecturas doutros poetas que decidiron poñer fin as súas vidas, suicidas que afogaron na súa propia palabra sen entender o verdadeiro valor dunha vida, demasiado feble, demasiado prezada, para desprezala un mesmo.
Morrer mozo semella cousa de poetas, pero prégolles que non se acheguen á morte de Francisco Cortegoso dende o malditismo dun Rimbaud, poñamos por caso, fraco favor lle farían. Non hai máis que percorrer estas páxinas recén saídas do prelo para calibrar a súa inmediatez coa vida, o latexo dunha terra pola que sentía devoción para abordala dende unhas pulsións que, de novo, lévannos ao carácter inmortal da boa obra escrita, superando medos, proxectando faíscas que chegan a un lector que sente como lle queima a pel, incapaz de afastarse xa do arame  en que Francisco Cortegoso converte cada verso.
Antón Lopo, o capitán que atisbou que a illa da poesía era habitable, fundador de Chan da Pólvora, escribiu neste xornal co gallo da triste nova o seguinte: «Observaba todo con estrañeza salvaxe, con esa eclosión dos que acaban de chegar dun país exótico e están arrebatados pola curiosidade». Dende esa ‘estrañeza salvaxe’ e dende a ‘curiosidade’ é realmente dende onde un entende o lido, a anotación, como nun caderno de bitácora, da travesía dunha existencia que nese intre sentíase inmarcesible, chea de forza e de posibilidades. A treboada fatal levou consigo a un deses navíos de velas enchidas que pensaba que a liña do horizonte era unha posibilidade e non o remate da viaxe, botándose enriba del. A escuadra da que formaba parte Fran Cortegoso segue a navegar, as velas baixas e as bandeiras en señal de do. Alicia Fernández ou Gonzalo Hermo, compañeiros de xeración e de vida, barcos ao pairo do desconcerto á procura dun porto de abrigo, como o de Ons no que agromou ese Chan da Pólvora que encheu de vento os seus derradeiros meses nos que se albiscou a esperanza de que a poesía resistise nestes tempos de derrota.
«O inconmensurable da liña produce dor». Así finaliza un dos seus poemas contidos en ‘Suicidas’. O gume da vida no que nos movemos e que as veces entende que temos que pagar unha peaxe por gozala e por facer dela a nosa conquista. Pero nesta ocasión a peaxe foi cara demais, a perda dun futuro de palabra afouta dende o que tentar explicarnos. Estamos na ausencia, pero esta, non o dubiden, non é tal, todo quedou escrito. Ese é o noso triunfo e o de Francisco Cortegoso, poeta salvaxe.




Publicado no Diario de Pontevedra 22/10/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario